Finalistas dos Premios Xerais 2015

Desdxuradoss_premios_xerais_20151e Xerais:
“Tras un xantar no Castelo de Soutomaior, os tres xurados dos Premios Xerais 2015 declararon as obras finalistas.
O xurado da XXXII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren trinta e catro obras, formado por: Ángel Ramiro Paz «Cano» (libreiro. Libraría Paz de Pontevedra), Anxo González Guerra (profesor xubilado), Sofía Tarela (música), María Costa Vázquez (editora), Alejandro Costas Gándara (programador) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentados cos lemas «Adiante sempre», «De remate» e «Pedra d’ Ostral».
O xurado da VII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e tres obras, formado por: Anxos Rial Vidal (profesora e coordinadora dos clubs de lectura do IES de Poio), Xesús Pena Pérez (licenciado en química), Noemí Lage Redondo (alumna de 4º de maxisterio en Lugo ), Itziar Fernández Sömme (alumna de 2º de Bacharelato no IES Castro Alobre de Vilagarcía), Nicolás Teixeiro Garrido (alumno de 4º da ESO no IES Terra de Turonio de Gondomar) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas «Europa», «Leaena Hiems» e «Violeta».
O xurado da XXX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 eurose no que concorren trinta e tres obras, formado por: Alicia Borrás (escritora), Dani Padrón (ilustrador), Daniel Landesa (escritor), Celia Pereira Porto (licenciada en dereito), Carmen Pereiro González (licenciada en Filoloxía Galega) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas «Aleteo Brisalinda», «Divina Sandamil», «Megumi» e «Onde só queda alguén para aguantar dos nomes».
Os tres xurados determinarán as obras gañadoras o sábado 6 de xuño. O acto no que se dará a coñecer o seu ditame terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón, actuando como mantedor literario o escritor Miguel Vázquez Freire e como artista musical Cé orquestra pantasma.”

Anxos Sumai: a escritora que agasalla relatos

ArtigoAnxos Sumai de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“Unha vez ao mes un relato longo e cada semana un breve. Así son os agasallos que publica na rede a escritora Anxos Sumai, pioneira na escrita en internet con proxectos como Anxos da garda. A maior parte dos relatos son de nova creación aínda que a escritora aproveita tamén para disponibilizar textos dispersos en revistas e outras publicacións.
“O feito de publicar con periodicidade obrígame a manter unha disciplina na escrita que agradezo. Por riba, establécese unha relación directa cos lectores e lectoras que xa botaba de menos”, afirma esta escritora que conta cunha sólida páxina web que creou á maneira de centro de documentación persoal. O relato curto publícase directamente no facebook e os longos, que saen o primeiro día de cada mes, anúncianse nesa mesma rede social e dirixen directamente a súa páxina persoal.
A escritora mostra nestes novos traballos literarios unha faceta súa menos coñecida, a de amante da fotografía. “Sempre me gustou e a miña obra está chea de imaxes mais agora tomo a fotografía máis en serio, formando parte da miña creación. Imaxe e texto están moi vinculados no relato”, afirma Sumai que leva xa publicados 18 relatos extensos na rede, todo un conxunto literario para unha escritora que dilata o tempo de publicación dos seus libros e ten un público fiel que agarda cada un dos seus agasallos.
Unha imaxe da súa autoría que titula “Cestas de allos nun almacén de Puerto Montt (Chile)”, datada en 2009, ilustra o último dos relatos publicados, escrito en Catoira neste mesmo mes de abril e titulado “Enchentes de primavera”. “Allos e laranxas. Ás oito da mañá o sol empezaba a quentar e o ceo collía un ton alaranxado. A viaxeira espertou, aseouse no baño que compartía co resto dos hóspedes e vestiu roupa de abrigo”, comeza o agasallo de maio, recén saído da factoría literaria da autora. Con anterioridade, Sumai ofreceu o texto titulado “O vello e as baldosas”, emitido na sección semanal “Perigosamente normais”, do Diario Cultural da Radio Galega en marzo de 2006.”

Ars dedicandi: Luís Seoane

DesdeLuís Seoane o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Fardel de eisilado foi o primeiro poemario de Luís Seoane. Publicouse en 1952 e constitúe un dos fitos da recuperación literaria de Posguerra. A sensibilidade coa causa emigrada que nel amosa o gran pintor é tamén un referente da escrita da época, un momento no que o profesor Antonio Couceiro Freijomil andaba a publicar os volumes do seu referencial Diccionario bio-bibliográfico de escritores gallegos, no que figurou historiado Seoane, quen lle enviou o libro dende o domicilio porteño da rúa Bartolomé Mitre.
Vaia, dende aquí, esta pequena homenaxe no día no que se alcanzaría o seu cento quince natalicio.”

ars_dedicandi_seoane

Cuestionario Proust: Serxio Iglesias

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Serxio Iglesias:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O superpoder da invisibilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade.
4.– A súa principal eiva?
– A preguiza travestida de reflexión paralizante.
5.– A súa ocupación favorita?
– Viaxar coa miña namorada.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Manter a ilusión por conseguila.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A prohibición da cervexa.
8.– Que lle gustaría ser?
– Guitarrista de rock (recoñecido internacionalmente).
9.– En que país desexaría vivir?
– En calquera recanto fraternal de Latinoamérica.
10.– A súa cor favorita?
– Sempre acabo no negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Espiñentas rosas.
12.– O paxaro que prefire?
– The craven.
13.– A súa devoción na prosa?
– Milan Kundera.
14.– E na poesía?
– Fernando Pessoa.
15.– Un libro?
El llano en llamas.
16.– Un heroe de ficción?
– Croior, o señor das pedras, creado por Miki Nervio.
17.– Unha heroína?
– Mafalda.
18.– A súa música favorita?
– Rock, jazz, rhythm&blues…, a herdanza afroamericana.
19.– Na pintura?
– Francis Bacon.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A nai, o pai, sucadores de océanos.
21.– O seu nome favorito?
– Rui.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A soberbia intelectual.
23.– O que máis odia?
– Os fanatismos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Ian Smith, Hitler, Stalin, Pol Pot… Calquera desa calaña, sen estúpidas distincións.
25.– Un feito militar que admire?
– A revolta irmandiña.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Poder voar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Inconscientemente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Expectante polo mañá.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que causan problemas ao posuidor do defecto e non aos demais.
30.– Un lema na súa vida?
– Non hai ganancia sen perda.”

Parlamento das Letras: Miguel Sande

EntrevistaMiguel Sande de Armando Requeixo a Miguel Sande no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Miguel Sande (MS): Fáltalles apoio, está claro, un apoio decidido e eficaz do noso Goberno. Fáltalles visibilidade. E é obvio, fáltanlles lectores; tamén lectoras, aínda que menos. Por parte dos/as autores/as e críticos/as fáltalles máis risco quizais, vontade anovadora. Sóbranos, acaso, comodidade (iso tamén se nota na escrita).
*Anovar non é incluír nunha novela cartas, poemas, debuxos; iso é doado, coño, iso é ata unha simpleza (que adoitan valorar moito os xuris). O difícil é mesturar iso nun texto narrativo sen que se note a derruba dos marcos que sinalan os xéneros. O futuro, se o hai, que o dubido, vai por aí: por tirar os marcos, pero con máis intelixencia. Outravolta a mirada nova sobre a lúa para a descuberta. Pero non lemos; creo que nin quen escribimos lemos abondo, porque do contrario venderiamos máis libros, mesmo de poesía. Somos case máis os que escribimos que os que len. E non digo que sobren escritores, en absoluto; ao contrario, iso nunca é problema, a escolla nunca foi un problema; se acaso, unha vantaxe ou privilexio; digo que faltan lectores. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MS: Tanto ten a valoración que eu faga, non lle vexo demasiado futuro, nin ao noso nin a calquera outro. E non porque sexa pesimista. Creo que o libro como obxecto físico parécese cada día máis a un cadaleito. Os libros electrónicos tampouco non se len. A vida dun libro hoxe é, nada, un suspiro. E nos textos das redes sociais un día é a eternidade. O termo “clásico” morreu. A xente nova, en xeral, non le máis ca por obriga; escribe cada vez peor (o meu propio fillo é universitario e ten faltas de ortografía, incrible; todos, practicamente, así, vexo os exames). As novas tecnoloxías son demasiado adictivas. Nos centros de ensino acabarán por desaparecer os libros a non tardar. Estamos nunha revolución tecnolóxica, dixital, que non fixo máis que comezar e vai todo a demasiada velocidade. É a transformación.
Mira, eu pensaba van moitos anos xa que deberían desaparecer os premios literarios, pero xustamente agora non; neste momento de desespero e agonía, non; ao contrario, creo que son máis necesarios ca nunca, pero, ollo, tamén creo que vós, os membros dos xuris, debedes apostar máis polo risco: a todo ou nada. Por pura necesidade. Fóra convencionalismo xa. Diante dunha situación límite non se pode seguir igual porque acabas por te afundir. Ou descubrimos unhas miradas novas sobre a lúa ou non hai sorpresa, pero máis do mesmo non, xa non vale. E aínda así, cun apoio decidido e eficaz dos responsables da nosa Cultura. En todo caso, isto é, ha ser, unha transformación: non quero dicir en ningún caso que a literatura vaia desaparecer. Transformarase e irá buscando novas vías para se manifestar, seguro. (…)”