A Coruña: presentación de Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano

O xoves 26 de xaneiro, ás 20:30 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano, no que participaron os seguintes autores: María Pilar García Negro, Xosé Antón Pena Beiroa, Victorino Pérez Prieto, Justo Beramendi, Engracia Vidal Estévez, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e David Otero. A obra foi publicada pola propia Asociación. O acto será presentado polo editor do libro, Xosé Manuel Sánchez Rei.

Pilar Marco Padín gaña o IX Premio de Ilustración Infantil Pura e Dora Vázquez

“A coruñesa residente en Barcelona Pilar Marcó Padín foi escollida como gañadora da novena edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración infantil e xuvenil, convocado pola Deputación de Ourense e dotado con 3000 euros e a publicación da obra. O orixinal sobre o que se debían presentar as ilustracións é obra de Celia Díaz Núñez, gañadora da primeira fase do certame, sobre textos literarios. O xurado considerou que as ilustracións «conforman un traballo harmónico, contemporáneo e cun grande atractivo plástico».” Vía AGPI.

Pontevedra: presentación da colección Clássicos da Galiza e o Arquivo Digital da AGLP

“A quinta-feira, 26 de Janeiro, às 19:30 horas, serão apresentados os Clássicos da Galiza e o Arquivo Digital da AGLP na sala de atos da Escola Oficial de Idiomas (Rua Celso Emilio Ferreiro) de Ponte Vedra. José-Martinho Montero Santalha, presidente da AGLP, e Fernando Vásquez Corredoira, adaptador e revisor textual de vários dos volumes, apresentarão a coleção CLÁSSICOS DA GALIZA, editada por Edições da Galiza em parceria com a Academia Galega da Língua Portuguesa: Cantares Galegos de Rosalia de Castro, Queixumes dos Pinhos e Outros Poemas de Eduardo Pondal, e Cantos Lusófonos: Cancioneiro Popular, reedições dos grandes autores galegos adaptados ao Acordo Ortográfico de 1990 com notas e glossários que enriquecem o texto literário. Ernesto Vásquez Souza apresentará o recentemente criado Arquivo Digital da AGLP, um inovador repositório de materiais digitalizados acerca da língua e cultura galega.” Vía AGLP.

Quiosco: ProTexta 19

“A entrega correspondente ao inverno de 2012 de Protexta, suplemento literario da revista Tempos Novos está xa na rúa. Esta mesma fin de semana o número distribuíase con El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, e agárdase que en breve estea dispoñible para descarga no web destas publicacións. Unha ampla entrevista a Fran Alonso abre esta edición, e está acompañado no sumario por textos sobre Proxecto Derriba, unha entrevista a Arturo Casas e diferentes recensións sobre a produción cultural galega dos últimos meses.” Vía Cultura Galega.

Lugo: conferencia Saudade e galeguismo: a visión de Plácido Castro, de Miguel Ángel Martínez Quintanar

O mércores 25 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo, terá lugar a XIII Conferencia anual Plácido Castro, a cargo de Miguel Ángel Martínez Quintanar, que leva por título Saudade e Galeguismo: A visión de Plácido Castro.

Vigo: presentación do número 192 da revista Grial, sobre Álvaro Cunqueiro

O mércores 25 de xaneiro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura, en Vigo, preséntase o número 192 da revista Grial, dedicada a Álvaro Cunqueiro. No acto participan Víctor F. Freixanes, Dolores Vilavedra, Manuel Forcadela e César Cunqueiro.

Santiago: presentación de Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González

O mércores 25 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González, publicado en Xerais. No acto, xunto autor, participan Víctor Santidrián e Manuel Bragado.