Samuel L. París: “A poesía é un misterio universal”

Entrevista a Samuel L. París na revista Quiasmo:
“(…) – Quiasmo (Q): Que é para ti a poesia?
– Samuel L. París (SLP): A execución do misterio. Unha procura.
– Q: Essa procura está direccionada? Como repercute na tua criatividade?
– SLP: Non está direccionada, máis alá dos límites que definen a miña incapacidade para creala ou aceptala. Como lector e ouvinte, a poesía opera máis no terreo sorpresivo do “atopar” máis que nun activo “encontrar”. Como creador, o seu misterio e amplitude ás veces resultan paralizantes, aínda que, cando notas que tes as dúas mans metidas nas súas sombras e che lembra que todo é posible, só pode repercutir para levarte a territorios que nunca pensaches visitar.
– Q: Esses territórios estavam aí e “atopam-se” ou criam-se ao caminhar criativamente?
– SLP: Eses territorios non estaban. Non existían. A poesía non é; a poesía foi (podemos atoparnos con ela) ou será (necesitará ser creada), aínda que só pode ser observada desde ese baleiro que é o presente. O importante, como persoa que se pon do lado da creación, é saber que a poesía non se atopa e non se crea sen a túa acción. Por iso é imprescindible que as poetas e os poetas non deixen de buscar e compartir a súa obra. Tamén por responsabilidade e para que quen está por chegar poida continuar o misterio.
– Q: Esse mistério estende-se também à música? Como foi/é a tua experiência com ela?
– SLP: No meu caso, a experiencia coa música é totalmente diferente á da poesía; sempre se artellou como un proceso colectivo, ao servizo dun obxectivo común. Tanto na creación dunha canción, como na maquinación dun directo ou na propia interpretación ao vivo, a necesidade de disolución do individuo nalgo maior foi o camiño para chegar a algo diferente do que unha única persoa podería acadar.
O misterio do local de ensaio ou do concerto difire do da escrita ou do recital. Na música navegas, en compañía, cun rol decididamente flutuante. Na poesía estás nadando en soidade, aínda que esteas acompañado de todo o mundo. (…)”

Crónica fotográfica do Roteiro polo Melide Literário, guiado por Antom Laia

Aquí poden verse estas fotografías do Roteiro polo Melide Literário guiado por Antom Laia, celebrado o pasado 20 de xuño, iniciativa da AELG subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración do Museo da Terra de Melide e o Concello de Melide. A crónica fotográfica completa pode verse aquí. Agradecemos o envío das fotos desde o Museo da Terra de Melide, Xosé de Cea e Turismo Melide.

Rianxo: actividades do 27 de xullo na Feira do Libro 2024

Ourense: Obradoiro de creación literaria Habitar o lugar, facernos ser, con Arancha Nogueira

O Obradoiro de creación literaria Habitar o lugar, facernos ser, a cargo de Arancha Nogueira e cunha sesión especial con Lucía Cernadas.

Para habitar o lugar é preciso deformalo: miralo desde uns ollos novos, como un falcón ou un recén chegado. Neste obradoiro exploraremos a nosa identidade en relación ao territorio, reflectiremos sobre os espazos vividos e os espazos anhelados, xogaremos coas palabras para crear lugares novos, para escapar dos non-lugares e, sobre todo, para habitarnos enteiras neles.
Achégaste a facer lugar?

Hai 20 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, farase enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org indicando nome, apelidos e o nome deste obradoiro, que se desenvolve no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5).

Calendario e horarios
Sábados 7, 14, 21 e 28 de setembro; 5, 12, 19 e 26 de outubro de 2024, de 11:00 a 13:30 h.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Festigal 2024

Rianxo: actividades do 26 de xullo na Feira do Libro 2024