Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Carballo: presentación de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV) Tomo I. A relevancia do reino galego medieval, de Francisco Rodríguez
Cuestionario Proust: Clara Vidal, desde Lecturafilia
Entrevista a Clara Vidal en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? Son repugnantiña.
2. Que calidade aprecias máis nun home? Así a primeira vista, o que máis avulte. Despois, a sinceridade.
3. E nunha muller? O mesmo que a anterior pregunta.
4. Que agardas das túas amizades? Que entendan sen precisar palabras.
5. O teu principal defecto? A esixencia.
6. A túa ocupación favorita? A poesía.
7. O teu ideal de felicidade? Non ter que pensar se a experimento.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Cumprir a lei natural e sobrevivir mortes das que non soporto a idea.
9. Que che gustaría ser? Poeta rica.
10. En que país desexarías vivir? Galiza está moi ben, aínda que pasar uns meses en Costa Rica nunha casa na praia pagada pola pregunta 9 e volver á Coruña morena para intentar ir á praia en verán estaría moi ben tamén.
11. A túa cor favorita? O laranxa non.
12. A flor que máis che gusta? As lilas dos pratos.
13. Que paxaro prefires? Calquera amoroso.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Os vellos que inventan historias para falar de algo e sosteñen así a literatura oral son, sen dúbida, os que máis me enganchan.
15. E poetas? José Ángel Valente, Alejandra Pizarnik, Pilar Pallarés, Olga Novo… Eu que sei?, infinitas.
16. Un heroe de ficción? Estounos coñecendo.
17. Unha heroína? Yasuko Kusakabe.
18. O teu músico ou música favorito/a? O jazz.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Non che sei. Dalí para días coma hoxe.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? A miña nai.
21. O teu nome favorito? Manuel.
22. Que hábito alleo non soportas? Só un?
23. Que é o que máis detestas? Que a xente non lave as mans ou non comprenda que a auga sen xabón é só mollalas, non limpalas.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Franco.
25. Un feito histórico que admires? Calquera recoñecemento que destape a nosa historia, por pequeno que sexa.
26. Que virtude desexarías posuír? Saúde, cartos, beleza, amor, intelixencia e pouco máis nunha palabra que abranguese todo para que non me chamasen avariciosa.
27. Como che gustaría morrer? Durmida.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Deprimida.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A ignorancia recoñecida.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Continuar.”
Felipe-Senén: “A cultura queda reducida a días determinados con cerimonias varias que non serven para nada”
Entrevista de Antón Escuredo a Felipe Senén en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como se chega á aculturación na Galiza?
– Felipe Senén (FS): A través da ditadura dos supermercados que se meten polo medio en aspectos tradicionais. Por exemplo, no botellón, ou mesmo no asfaltado de lugares de expresión, como son as campas, que converten en aparcadoiros. Ademais, esas reunións fomentan o machismo e o clasismo, nada que ver coas festas populares. Dexeneran os lugares de espazo e invaden, outro exemplo, un lugar inmaculado e ecolóxico como son as praias nas fogueiras de San Xoán.
– ND: E non se teñen en conta referentes culturais históricos?
– FS: Toda a filosofía de crear unha imaxe do país -que sae de Murguía e pasa por Vicente Risco, por Castelao e que retoma no laboratorio de formas Sargadelos, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane- parte dunha base moi consolidada vinculada á tradición e á modernidade da arte e a industria. Semella que non se entendeu ao cabo do tempo. Mesmo o Seminario de Estudos Galegos segue dentro do que é o Consello Superior de Investigacións Científicas, unha solución franquista e centralista.
Mentres, aquí, descoñecendo toda esa historia, dedicámonos a entorpecer toda esa liña que viña de antes creando outras confrarías como, por exemplo, o Consello da Cultura Galega e outras que dificultan un labor que viña de antes. Mesmo agora, tradicións e festas como o Entroido están en función dos bazares estranxeiros onde acodes a mercar o disfrace. Terminaremos por deixar de comer filloas para rematar no McDonald’s!
A cultura queda reducida a días determinados con cerimonias varias que non serven para nada. Cando, en realidade, a cultura é o que o ser humano cultiva e o que leva posto. A tradición galega, efectivamente, hai que repasala diante dese folclorismo inútil e estéril que entende que non se pode vincular o mundo panceltista, que é o mundo humanista, fronte ao xermanismo. A cultura galega está feita de camiños e portos, como toda tradición non é nada estática.
Neste sentido, creo que hai que recuperar a gran figura dese creador europeísta e panceltista que foi Vicente Risco. Nunca entrou no xermanismo que, pola contra, era racista. A súa fundación é unha alternativa na Galiza para esconxurar vellos lentes mentais que levamos postos en relación á cultura galega. Esa parte de humanismo e espírito que é a tradición galega é o que lle falta á política galega actual, vese agora no Parlamento galego. A cultura lévase posta.
– ND: Non ten boa difusión a cultura galega?
– FS: Hoxe quen educa ou maleduca, movémonos nunha dialéctica, xa non é a escola nin a casa, son as novas tecnoloxías e os medios de comunicación. E niso a Galiza anda atrasadiña. Dentro do fenómeno da aculturación está a burocratización administrativa. É un escándalo o que está acontecendo en casos como o de Muxía e os secadoiros de peixe. Sanidade prohibe e multa un paisano por seguir unha tradición que se perde nos séculos e explica as relacións da Galiza con Aragón e Catalunya.
É etnoarqueoloxía pura e podía ser un ecomuseo como teñen nos países nórdicos que presumen das súas tradicións de secado, salgado e afumado. Alí véndeno como un recurso.
Fáltanos sedución e o predicamento que estaba no espírito de Otero Pedraio. Pola contra outros levan a aculturación posta. É o caso de certos humoristas que fan moito dano tratando sempre a xente humilde e nunca ríndose dos banqueiros como fixo no seu momento Chaplin. Pasa o mesmo co noso patrimonio.
Estes días A Coruña perdeu un cadro esencial do pai de Picasso que irá a Barcelona. Era unha icona ao tratar o tema das pombas, o símbolo que despois o seu fillo fixo universal nacera aquí. Mentres, aquí preparan o “pailanismo” dunha grande exposición sobre Picasso, o gran pintor que se formou aquí.”
Roberto Pascual: “Entendo o teatro como compromiso social, con orixes literarias pero cun resultado non convencional”
Entrevista a Roberto Pascual na Televisión de Galicia:
“Sophie é unha muller africana vítima de redes de tráfico, e antes, vítima de todo tipo de violencia e abuso só por ser muller. Sophie non existe, é a protagonista dun guión teatral pero, en realidade, o mundo está cheo de Sophies invisibles ás que quixo dar voz o seu autor: Roberto Pascual. A entrevista pode verse aquí.”
Manuel Castelao: “Comparado con nós, Otero Pedraio era un xigante e iso é perceptíbel para calquera”
Compostela: Pensarmos: É vostede normal? Belén Gopegui, “Por que nos contan o que nos contan?”
A Coruña: presentación da serie “Premios de Teatro Rafael Dieste”
Bases do V Premio Vidal Bolaño 2022
“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario.
1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, aínda que hai que ter en conta que van ser interpretadas por alumnos e alumnas de entre 12 e 18 anos.
3. Cada autor/a poderá presentar máis dunha obra.
4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.
5. O premio poderá quedar deserto se as obras presentadas non se adecúan á finalidade do premio, segundo o criterio do xurado.
6. O PRAZO de presentación de orixinais remata o 21 de xuño de 2022.
7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto cun sobre pechado cos datos do autor/a.
8. O ENVÍO das obras farase a través de correo postal ao enderezo: I.E.S Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño.
9. O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, dous profesionais do teatro e un representante da Editorial Galaxia; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas.
10. A obra gañadora darase a coñecer no mes de setembro de 2022. Farase entrega do premio no Salón de Actos do IES Ribeira do Louro na última semana dese mes.
11. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
12. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da Editorial Galaxia no prazo dun mes a partir do fallo do xurado. As obras non recollidas serán destruídas pasado o mes.
13. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.”