Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2022 na Coruña
Estas son algunhas das fotografías do acto na Coruña do Día de Rosalía de Castro 2022, que tivo lugar o 23 de febreiro diante do Teatro Rosalía, organizado pola AELG e a A. C. Alexandre Bóveda, co apoio de CEDRO e a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
A Coruña: recital de Pura Tejelo e Piedad Bonnett no Ciclo Poetas Di(n)versos, o 28 de febreiro
Bases do IV Premio de poesía Eduardo Pondal
A Asociación Galega de Editoras asume a xestión da súa participación nas Feiras Internacionais do Libro de 2022
“A migración das mulleres, a escena”, con Roberto Pascual
Entrevista a Roberto Pascual no Diario Cultural da Radio Galega:
“Roberto Pascual, especialista de artes escénicas do Diario Cultural, estréase como autor teatral con Sophie non é o meu nome de guerra, texto gañador do premio Rafael Dieste en 2021. Conversamos con Roberto Pascual sobre esta peza, que retrata unha migrante vítima das redes de trata, e mais con Ádega Castro, responsable do programa de proteccion internacional da ONG Accem. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Ramón Villares – Polos Vieiros de Florencio – Letras Galegas 2022
A AELG destaca o papel do profesorado na difusión da obra de Rosalía
Desde Nós Diario:
“Este sábado, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) rendeu homenaxe á figura de Rosalía de Castro coa lectura dun manifesto elaborado por Beatriz Maceda e cunha ofrenda floral ante a súa tumba no Panteón de Galegos Ilustres, no convento de San Domingos de Bonaval, en Compostela.
No acto, ao que asistiron representantes da corporación municipal de Compostela, da Deputación da Coruña, da Xunta da Galiza, do Parlamento galego, da Fundacion Rosalía de Castro, do Consello da Cultura, da Real Academia Galega e da agrupación cultural o Galo, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, destacou a figura da escritora de Padrón, unha muller “que alargou até o infinito o campo da literatura e da cultura galegas e, con el, as aspiracións a un outro papel histórico para a súa lingua e a súa patria, Galiza”.
Após 11 anos celebrando o nacemento de Rosalía, un 23 de febreiro de 1837, Sánchez puxo en valor o camiño percorrido pola sociedade galega e “o inxente e ilusionado traballo do profesorado no seu conxunto, na difusión do coñecemento da súa obra”.
Unha obra, destacou, “necesaria para as xeracións máis novas, pois eles e elas son a esperanza de que a obra de Rosalía siga a vivir, sendo a sementeira de pensamento liberador nas novas xeracións”. “Contribuímos así coa súa palabra o fomento neles e nelas ao amor á nosa lingua, a que nos explica e nos leva a comprender a nosa identidade cultural”, abundou.
Nesta mesma liña, o presidente da AELG indicou que a obra de Rosalía “é alicerce que alimenta o pensamento, a súa obra é fonte de coñecemento, axúdanos a saber ler na palma da man do noso tempo para que non asumamos, ás veces sen saber, discursos hexemónicos nos que subxace o racismo e o sexismo. Rosalía dános ferramentas para denunciar a homofobia, a transfobia. A súa é una obra clarificadora para que saibamos ver e nos alonxar das lóxicas de dominación do patriarcado, intanxíbeis e infinitamente crueis. Para que defendamos os dereitos de todas as desposuídas e silenciadas”.
O discurso de Cesáreo Sánchez tamén tivo varios puntos reivindicativos. O primeiro deles, para pedir aos grupos políticos que sexa feita unha declaración institucional no Parlamento galego do 23 de febreiro, como o Día de Rosalía de Castro.
O segundo, como empeza a ser xa tradición para exixir que o Panteón de Galegos Ilustres sexa un lugar “laico, de aceso público e de propiedade pública”. “Unha terra que quere ser dona do seu futuro debe ter o aceso aos lugares onde moran seus referentes, os seus símbolos nacionais”, asegurou o presidente da asociación.
“Non seríamos merecentes dela e da súa obra se permitísemos que Bonaval, deveña nun frío cárcere que é aberto de cando en vez, para ela ou para Castelao, que puxo no horizonte desta terra a estrela que Rosalía levaba na fronte”, concluíu.”