Compostela: acto de homenaxe a Castelao, 2022

O 7 de xaneiro, ás 17:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, a Fundación Castelao convida á cidadanía ao acto de homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

O programa previsto é o seguinte:
– Breve saúdo do Presidente.
– Actuación musical.
– Ofrenda floral.

Por consideración ao horario do Museo do Pobo Galego, agradécese ás persoas asistentes que estean alí antes das 17:00 horas, pois este acto comeza a esa hora e ten que rematar antes das 18 h.
Lémbrase tamén que deben portar máscara para cumprir coas medidas sanitarias obrigadas.

O premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético 2021 recae en Fonso Barreiro

Desde Nós Diario:
“O xurado da terceira edición do Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético comunicou na tarde desta terza feira, 4 de xaneiro, que Fonso Barreiro resultou gañador coa súa obra Cósmico, o bombeiro galáctico.
A obra foi elixida polo xurado -formado por Miguel Porto, Fernando Iglesias (Kohell), Fernando Llor, Kiko da Silva, Anaír Rodríguez e Fran Alonso– por ser “unha aventura que fala, de forma máis divertida que didáctica, do coidado e a natureza”.
Neste sentido, ademais de considerar que a Galiza “por desgraza precisa desta clase de heroes”, falan do “peculiar bombeiro extraterrícola” ao que se lle poden atopas ligazóns con “algúns personaxes míticos do anime e o manga”.
O libro, que será publicado pola editorial Xerais a próxima primavera, presentarase ao público cun estilo cartoon infantil recoñecíbel noutras obras do creador, coñecido no mundiño como Fon. O xurado alude, no sei fallo, ás influencias “que van desde Jan até Toriyama”.
O gañador deste ano pertence á primeira promoción de alumnos que se formaron nun curso da escola de O Garaxe Hermético e na actualidade é director das Xornadas de Banda Deseñada do Liceo de Noia. (…)”

Cuestionario Proust: Arantxa Nogueira, desde Lecturafilia

Entrevista a Arancha Nogueira en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? Difícil… se fose un, creo que o compromiso, a lealdade.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A disidencia (ergo, a autocrítica).
3. E nunha muller? A xenerosidade.
4. Que agardas das túas amizades? Que me sigan querendo, con todo (tamén con todo o que significa querer).
5. O teu principal defecto? Son moi sensíbel e moi arroutada. Mala combinación.
6. A túa ocupación favorita? Ler, escribir, bailar, beber cervexa coa xente que quero e coa que estou aprendendo a querer.
7. O teu ideal de felicidade? A miña xente querida, unha casa con galería e “unha biblioteca que nos sobreviva a todas”.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Ficar soa (sen o mar, sen o barco e sen un nós ao que dicir nós).
9. Que che gustaría ser? Feliz. Tamén actriz de musical.
10. En que país desexarías vivir? En Galiza, nunha Galiza outra (na de Feijóo non, desde logo).
11. A túa cor favorita? O verde-fraga.
12. A flor que máis che gusta? O estralote.
13. Que paxaro prefires? Son ornitofóbica! Pero ás aves que non voan non lles teño tanto medo… por exemplo, o fraileciño.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Virginia Woolf, Milan Kundera, Eduardo Blanco Amor, Berta Dávila
15. E poetas? Wislawa Szymborska, Sylvia Plath, Ana Cristina Cesar, Ana Romaní, Lupe Gómez, María Lado
16. Un heroe de ficción? O pequeno vampiro.
17. Una heroína? As Sailormoon.
18. O teu músico ou música favorito/a? Ataque Escampe (sempre fan) e este ano escoitei moitísimo a Zahara.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Marc Chagall e ultimamente estou obsesionada con Alice Neel.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Podería dicir, por exemplo, miña avoa. Pero, en xeral, todas as miñas amigas.
21. O teu nome favorito? Xan e Celtia (así digo sempre que se van chamar as miñas fillas futuras!).
22. Que hábito alleo non soportas? A falta de compromiso.
23. Que é o que máis detestas? O narcisismo.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Unha só? E de que historia? Desta que nos contaron case todo o mundo me pon mal corpo…
25. Un feito histórico que admires? Calquera levantamento dun colectivo oprimido fronte a un poder opresor.
26. Que virtude desexarías posuír? A paciencia.
27. Como che gustaría morrer? De vella, nun soño grande e demorado.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Melancólico.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os que parten da inocencia.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Vivir intensamente, que se non para que.”

Raúl Santos gaña o XXXIII Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“Raúl Santos Ageitos coa novela Cornucopia e María Cureses de la Vega coa novela Ni luz ni llanto son os gañadores da XXXIII edición do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. A concesión do xurado fíxoa pública esta mañá o deputado de Cultura, Xurxo Couto, acompañado polos comisarios do premio en lingua castelá e en lingua galega, Susana Pedreira e Ramón Rozas.
“Hoxe é un día feliz para a literatura deste país e para a literatura en xeral, porque dous novos nomes veñen sumarse á nómina dos Premios Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña” asegurou Xurxo Couto, ao tempo que indicou que “este é un un dos premios máis veteranos dos que convoca esta institución e un dos premios literarios máis prestixiados do panorama literario galego”.
Neste sentido, os dous comisarios fixeron fincapé en que as dúas persoas gañadoras da presente edición son un autor e unha autora que están comezando no mundo literario. “Congratulámonos de que a persoa gañadora vaia ver a súa primeira obra publicada grazas a este premio porque unha das vocacións do Torrente Ballester é o de abrir camiños e situar novos nomes no panorama literario” asegurou Ramón Rozas. Pola súa banda, Susana Pedreira tamén se referiu a esta circunstancia asegurando que “o Torrente Ballester descubriu a grandes escritores como Ignacio Martínez de Pisón que gañou hai 30 anos e despois chegou a ser Premio Nacional de Narrativa, e premiou hai 25 anos a Manuel Rivas que tamén foi Premio Nacional de Narrativa, e quen sabe se a actual premiada, María Cureses, seguirá o mesmo camiño”.
A novela Cornucopia de Raúl Santos, de Ribeira, foi proposta como gañadora por unanimidade por un xurado composto por Xesús Fraga, Montse Dopico, María Marco, Nazaret López e Ricardo Losada. Na acta, o xurado indica que “é unha parodia moi ben construída, e cargada de ironía, sobre o papel do escritor e a literatura”. No mesmo informe tamén salienta que “se apoia sobre nunha estrutura fragmentaria na liña da literatura posmoderna, pero sen perder nunca o fío nin o ritmo; cunha narrativa moi fluída e con vocación de establecer unha complicidade coa persoa lectora, pero sen por iso ser compracente”. (…)”