Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2021

Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2021 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra.

Nesta nova edición dos Roteiros xa están completas as prazas solicitadas.

– Inscrición (obrigatoria): no correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal
– Prazas limitadas: 25 persoas por cada roteiro.
– No correo indicarase o nome da roteiro, os nomes das persoas participantes (máximo 4 por reserva) e un número de teléfono de contacto.
– Será obrigatorio usar máscara.

Os roteiros son os seguintes:
Vigo. 12 de setembro. Ernesto Is: Roteiro de dramaturxia en Vigo. De 11:30 a 13:00. Partida: Auditorio Municipal de Vigo.
Moaña. 19 de setembro. Santiago CortegosoO ronco do carneiro. Historias de fuxidos polos montes de Domaio (Moaña). De 11:30 a 13:00. Partida: Campo de fútbol da Granxa de Domaio (necesitarase un vehículo particular en partes do roteiro).
Salvaterra de Miño. 26 de setembro. Raquel Castro: Salvaterra de Miño: versos de auga e viño. De 11:30 a 13:00. Partida: Paseo Fluvial do Río Miño, ao carón do Parque da Canuda.
Silleda. 3 de outubro. Ana Cabaleiro: Silleda. Memoria e ficción no relato rural. De 11:30 a 13:00. Partida: Entrada principal do recinto Semana Verde de Galicia.
Pontevedra. 10 de outubro. Xosé Monteagudo: Vida cultural, política e social na Pontevedra de Todo canto fomos. De 11:30 a 13:00. Partida: Praza da Peregrina.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Os Premios Xerais 2021 coñeceranse o 11 de decembro, onde compiten un total de 84 obras

“A situación provocada pola pandemia de COVID-19 levou a atrasar o ditame dos Premios Xerais 2021 ao mes de decembro. Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de marzo de 2022.
Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 3 de decembro. Os premios coñeceranse o sábado 11 de decembro.
O xurado da XXXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: María López Suárez (filóloga, correctora e tradutora), Iria Veiga Ramos (médica psiquiatra e divulgadora científica), Francisco Novo (xornalista da TVG), Irene Pin (xornalista e creadora audiovisual), Rosalía Grandal Montero (profesora de ensino secundario) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 14 obras, está formado por: Antía Paz Cabezas (xornalista), Violeta Meléndrez Doval (bookstagramer), Damián Alonso Lorenzo (formador artístico) María Rúa Rodríguez (creadora de contidos e estudante), Nee Barros Fernández (dramaturgue, poeta e estudante) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 26 obras, está formado por: Bea Campos (actriz e contadora), Marta Fernández Carneiro (mestra e membro da asociación Espazo Lectura), Irene Pérez (estudante e bookstagramer), Iván R. (ilustrador), Daniel Portela (estudante de xornalismo e coordinador dun club de lectura xuvenil) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.”

Certame SNL de microrrelato en feminino Microrrelatas A Coruña, 2021

Desde Normalización do Concello da Coruña:
“Cada semana lanzarémosvos catro palabras en feminino e abriremos o noso correo inscricionslingua@coruna.gal para recibir os vosos microrrelatos.
EIS AS BASES:
– Poderá participar calquera persoa que o desexe. Haberá dúas categorías: ata 18 anos e maiores de 18. Asinarase o microrrelato co nome e apelidos e idade.
– O concurso comezará o día 4 de outubro e rematará o venres 29 de outubro. Faranse catro quendas semanais, nas que o luns publicaremos as palabras para incorporar e entre os microrrelatos que nos cheguen antes das 14:00 h do venres comunicaremos o texto gañador.
– Os textos serán en lingua galega.
– Cada semana escollerase o mellor microrrelato dos recibidos durante a dita semana.
– Só se poderá participar cun texto cada semana.
– A persoa que resulte gañadora unha semana non poderá seguir participando nas seguintes.
– O texto, de dez liñas como máximo en letra ARIAL 12, deberá conter polo menos dúas das catro palabras que lanzaremos cada semana.
– O xurado (persoal do SNL) terá en conta a orixinalidade, a concisión, a forma do relato, así como a corrección lingüística e a ortografía.
– Os microrrelatos serán publicados nas nosas redes sociais (Facebook e Instagram) segundo os vaiamos recibindo, pero non haberá unha votación popular.
– O premio semanal consistirá nun lote de libros e produtos culturais.
– Se a situación sociosanitaria o permite, o acto da entrega de premios realizarase de maneira presencial.
– Se o xurado o considera, poderanse establecer un ou varios accésits.
– Calquera dúbida resolverase a través do correo inscricionslingua@coruna.gal”

Baiona: presentación de Urbanismo e patrimonio na vila de Baiona. Delimitación do seu conxunto histórico

O 9 de outubro, ás 19:30 horas, no Hotel Bahía de Baiona preséntase o libro Urbanismo e patrimonio na vila de Baiona. Delimitación do seu conxunto histórico, de María Paz Sáez Pérez e Ana Simóns Sánchez, publicado por Edicións Fervenza. No acto participa, xunto ás autoras, Valentín García.

A novela Eternity, de Xosé Monteagudo, é a gañadora do XV Premio Repsol

Desde Galaxia:
“A obra Eternity, de Xosé Monteagudo, resultou gañadora da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou o voceiro do xurado, Xavier Senín, na sede da Real Academia Galega na Coruña
O acto do ditame contou coa presenza de representantes das entidades participantes do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
O xurado da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas, como son, a escritora, socióloga e filóloga, Estíbaliz Espinosa; Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; a escritora, ensaísta e investigadora, María López Sández; o tradutor e académico Xavier Senín; e Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC, crítica literaria, tradutora e autora.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
Na súa XV edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 36 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Xavier Senín, voceiro do xurado desta edición, trasladou no acto que “Eternity consegue artellar unha trama na que funden a precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria. Sitúanos ante unha serie de desafíos que enfrontamos de cote, en ocasións sen decatarnos: como están a mudar as nosas vidas, ata que punto as convertemos en ficción, como se constrúe a historia persoal, como enfrontamos a morte”.
Ademais, o xurado salienta que, sendo unha novela moi actual na súa relación coas redes sociais, amosa que a natureza do ser humano ten un fondo de preocupacións transcendentes que permanecen: “As historias de vida enfíanse construíndo unha estrutura narrativa complexa, adquirindo un atractivo e engado de seu, pero integrándose na globalidade dunha novela que nos invita a reflexionar sobre o futuro dunha sociedade que aspira á permanencia concibíndose coma un inmenso arquivo dixital”. (…)”