Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», ten sede na capital lucense, e terá lugar no seu Centro Cultural Vello Cárcere (Av. Alcalde Anxo López Pérez, 34 –como chegar) ás 19.00 do día 25 de outubro de 2019.
Contará coa participación musical de Germán Díaz.

En 2016 tivo lugar a primeira Gala dos Premios “Mestras e Mestres da Memoria”, unha distinción creada pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG no ano 2013 que antes se entregaba na Gala das Letras da AELG. Creouse así a específica «Gala dos Premios Mestras/es da Memoria», coa que a AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral.

Para esta sétima edición dos “Premios Mestra e Mestre da Memoria” (cuarta edición da Gala), a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións farase na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que se celebra en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo. Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana recibirán os diplomas que os acreditan como Mestra e Mestre da Memoria, previa lectura das laudatios correspondentes a cada unha/un delas/es, a cargo respectivamente de Antón Santamarina e Xosé Luís Freire.

MESTRA DA MEMORIA 2019: DOROTHÉ SCHUBARTH
youtube, Premios Martín Códax da MúsicaYou Tube, Premios Martín Códax da Música
Musicóloga. Natural de Basilea (Suíza), onde comezou os seus estudos que ampliou en Colonia e Múnich. É directora de coro e musicóloga. A partir de 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna (Suíza) e comeza a desenvolver investigacións arredor das músicas populares europeas. Realizou traballos de campo nos Balcáns, no Cáucaso, Alemaña e Francia cuxo resultado publica no libro Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas) (Lucerna, 1978).
En 1978 visita Galicia para coñecer a nosa música popular mais o interese polo que aquí descobre fai que se dispoña a realizar un traballo de campo intensivo por todo o país que remata coa publicación da magna obra en 7 volumes que contén a mellor e máis ampla análise, clasificación e estudo da nosa lírica popular, publicada baixo o título Cancioneiro Popular Galego pola Fundación Barrié en 1984.
O Arquivo Sonoro de Galicia conserva 248 CD con copias dixitalizadas das súas gravacións orixinais e coas correspondentes transcricións a cargo do profesor e filólogo Antón Santamarina.
Entre os recoñecementos que se lle fixeron en Galicia están o I Día das Galegas nas Letras en 2014 e Premio Honorífico 2017 da Asociación de Músicos ao Vivo.

MESTRE DA MEMORIA 2019: PABLO QUINTANA LÓPEZ
Canela Producións
Naceu en Vilanova de Oscos (Asturias) en 1956. Reside na Coruña desde 1982. Escritor, investigador, músico e divulgador da cultura popular, material e inmaterial, tanto galega como da Asturias occidental. É autor de numerosos traballos, libros, artigos…, arredor da transformación artesanal do ferro, foxos do lobo, danzas e festas gremiais, zoqueiros, músicas populares e diversos xéneros da literatura popular tradicional.
Coordinou a serie etnográfica Recolleita (Ruada, 1981) que editou o disco coas gravacións das coplas do cego Florencio da Fontaneira e a pandereteira Eva Castiñeira. É autor do LP O cego andante (Ruada, 1982) no que xunto con outros músicos interpretou temas tradicionais recollidos en boa parte por el mesmo.
Dirixiu documentais sobre danzas procesionais e bailes entre 1982 e 1983, en vídeo industrial Umatic, e otros materias videográficos para a produtora Espello Video-Cine.
Traballou na radio desde 1980, primeiro en Radio 80 e despois como técnico en  Radio Nacional de España, onde, ademais, se encargou de programas como Garmalleira Hoxe domingo, así como emisións de intercambio coa Unión Europea de Radiodifusión (UER) para Radio Francia, Radio de Polonia e Radio Praga. Na actualidade dirixe a Editorial Canela, especializada na publicación de libros sobre personaxes singulares e actividades esmorecentes da nosa cultura popular.

Xa dispoñíbel o libro conmemorativo Mestras e Mestres da Memoria 2013-2019. Tesouros Humanos Vivos

Xa está dispoñíbel o libro conmemorativo Mestras e Mestres da Memoria 2013-2019. Tesouros Humanos Vivos, cuxa versión impresa se distribuirá entre as persoas asistentes á Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 e entre as bibliotecas e centros de ensino dos concellos de orixe de todas as Mestras e Mestres.

Este libro que se fai realidade na sétima edición dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, convoca a historia dos anos nos que celebramos homes e mulleres como referentes da nosa oralidade. Hoxe, celebramos de novo os Mestres e Mestras da nosa cultura, da nosa Memoria. Conscientes de que son a salvagarda e continuidade deste patrimonio vivo, apousentado na memoria individual e colectiva, e que depende de nós a consideración social que sexamos capaces de conceder a todos e cada un destes depositarios e depositarias, que son en definición da UNESCO, verdadeiros Tesouros Humanos Vivos.
Así, a Sección de Literatura de Tradición Oral con Antonio Reigosa á súa fronte, con Isidro Novo sempre na memoria e no corazón, con Lois Pérez e todo o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, consideramos que é unha obriga colectiva e unha responsabilidade social identificar e recoñecer publicamente aqueles homes e mulleres que posúen o saber da nosa tradición á luz do presente. Neles recoñecémonos e recoñecemos os alicerces humanos do noso Patrimonio Cultural Inmaterial; sobre deles erguemos as máis sólidas paredes do noso fogar comunal. No seu saber habita o sentir e o soñar da nosa identidade.

Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

A AELG realiza unha ofrenda floral a Rosalía como acto institucional para recibir unha delegación de alumnado da Universidade Estadual do Ceará (Brasil)

O 17 de outubro a AELG realizou unha homenaxe floral a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres, coa participación do seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, no marco das relacións coa Universidade Estadual do Ceará (Brasil) e o Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago de Compostela. Para a AELG, esta ofrenda floral á nosa poeta nacional é o máis relevante acto institucional que unha cultura pode ofrecer a outra cultura irmá.
Un grupo de alumnado da institución brasileira visitou Compostela entre o 14 e o 18 de outubro tivo lugar o un curso de Planificación turística comparada e experiencias internacionais en materia de turismo, no que A elección de Galicia como destino do curso baseouse na proximidade lingüística entre galego e portugués, tal e como indicou Jakson Renner Rodrigues Soares, investigador na USC e director do curso, ofertado polo Centro de Estudos Propios da USC (CEP).
A Universidade Estadual do Ceará é a universidade pública máis destacada do Nordeste brasileiro e conta con 24.000 alumnas e alumnos. Está situada en Fortaleza, na capital do estado, que destaca polo potencial do seu turismo litoral. Millóns de persoas acoden todos os anos ás praias e paraxes de Ceará, así como aos festivais e outros eventos que teñen lugar na rexión. No marco da colaboración coa USC, a UECE acolleu en maio deste ano a Semana das Letras Galegas, que contou coa presenza de Uxía Senlle e Cesáreo Sánchez Iglesias.

Ourense: “Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. (Entre)textualidades. Imaxes, textos e outras expresións artísticas”, con Jacobo Fernández Serrano

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. (Entre)textualidades. Imaxes, textos e outras expresións artísticas é unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O Ciclo, coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Ciencias de Educación, Campus de Ourense – Universidade de Vigo), ten como obxectivo nesta quinta edición afondar no diálogo entre imaxe e texto e tamén en como a partir doutras expresións artísticas se configuran obras infantís.
Desenvolverase na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense) da Universidade de Vigo, todos os martes do mes de outubro, días 1, 8, 15, 22 e 29, sempre ás 18:00.

Recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección (en proceso). Inscrición, gratuíta, en imocino@gmail.com.
Entrada libre.

Este é o programa:

22 de outubro
Jacobo Fernández Serrano
En que forno estaba o teu ?

29 de outubro
Jorge Campos
Explorando narrativas alternativas.

Paseo pola Coruña Literaria Outono 2019, con Dores Tembrás, o 26 de outubro

Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores. Todos eles serán ás 12:00 h. e terán unha duración aproximada de hora e media.

Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos. É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.
A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas datas sinaladas na información sobre cada un dos paseos. O programa previsto é o seguinte:

Sábado 26 de outubro: Dores Tembrás. A Coruña: cartografía con puntos de fuga​. Inscrición desde o 14 de outubro.
Este paseo propón demorarse nalgunhas interseccións entre pasado e presente nun péndulo que cruza tamén da palabra pública á íntima. A Coruña como territorio fascinado da literatura.

Sábado 9 de novembro: Tito Pérez. Un paseo polo barrio. Inscrición desde o 28 de outubro.
Seguiremos o percorrido do protagonista de O latexar do barrio e comprobaremos in situ as súas diversas realidades e contrastes. Pasaremos polo lugar onde o enterro dun poeta congregou hai 111 anos a 40.000 persoas. E, como non podía ser doutro xeito, remataremos no mesmiño centro neurálxico do barrio dos barrios galegos.

Sábado 16 de novembro: María Casar. Sobre o espello do mar e do vento, arredor de Luísa Villalta. Inscrición desde o 4 de novembro.
Roteiro sobre a poeta e os espazos da cidade da Coruña que poetizou nos seus libros En Concreto e Papagaio. Un camiñar pola paisaxe urbana que sae dos versos e sinala o territorio como xerme da creación. A poeta re-constrúe a Cidade como lugar mítico, como espazo de vida e de historia, na que a música enche os baleiros.

Sábado 30 de novembro: Antonio Sandoval. As naturezas da Torre. Inscrición desde o 18 de novembro.
Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros!

Crónica fotográfica da Polafía en Taboada. Historias de cabezóns e loitadoras

Estas son algunhas das fotografías da Polafía en Taboada. Historias de cabezóns e loitadoras, celebrada o pasado 12 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Como novidade no proxecto Polafías, gravouse en vídeo un roteiro previo con visitas e explicacións por parte de Xosé Manuel Vázquez de dous elementos patrimoniais moi interesantes:
– O cabezón de Ralle, busto con torques de gran tamaño custodiado nunha casa particular, evidente escultura da cultura castrexa, quizais de guerreiro ou divindade.
– Esgrafiados en varias casas de lugares da parroquia, uns recuperados e outros nun proceso claro de deterioración. Os esgrafiados son como encintados nos muros exteriores das casas con vontade artística, nos que poden aparecer figuras xeométricas, humanas e animais.
Despois do xantar interviron:
– Francisco Almuíña, cego que interpretou 3 romances acompañado de zanfona. Ademais contou varias historias de mulleres loitadoras.
– Xosé Manuel Vázquez, quen sintetizou o que se sabe sobre o cabezón e os esgrafiados (é un experto, autor dunha publicación monográfica sobre o tema, ao que enagadiu varias historias de carlistas, bandoleiros e bandoleiras, e mesmo exemplos de obras da comarca erguidas á forza por presos do franquismo.
– A señora Lola, quen, amais dalgunhas anécdotas, recreou o proceso de traballo do liño desde a sementeira ao tecido de diversas prendas.
Antón Cortizas, escritor e actor casual que achegou algún brinquedos e recitados para a cativeria, recollidos por el.
– Tamén participaron representantes dunha asociación local para dar a coñecer o seu traballo.
– A poesía estivo a cargo de dúas poetas residentes no concello: Ana Vila Portomeñe e Ana Rey Goy.

Ourense: “Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. (Entre)textualidades. Imaxes, textos e outras expresións artísticas”, con Fran Alonso

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. (Entre)textualidades. Imaxes, textos e outras expresións artísticas é unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O Ciclo, coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Ciencias de Educación, Campus de Ourense – Universidade de Vigo), ten como obxectivo nesta quinta edición afondar no diálogo entre imaxe e texto e tamén en como a partir doutras expresións artísticas se configuran obras infantís.
Desenvolverase na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense) da Universidade de Vigo, todos os martes do mes de outubro, días 1, 8, 15, 22 e 29, sempre ás 18:00.

Recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección (en proceso). Inscrición, gratuíta, en imocino@gmail.com.
Entrada libre.

Este é o programa:

15 de outubro
Fran Alonso
Palabras deseñadas.

22 de outubro
Jacobo Fernández Serrano
En que forno estaba o teu ?

29 de outubro
Jorge Campos
Explorando narrativas alternativas.

Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Adolfo Caamaño

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria con Adolfo Caamaño, celebrado o pasado 5 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotografías realizadas por Era Comunicación).

Crónica fotográfica da Letra das Festas 2019

Estas son algunhas das fotografías da Letra das Festas 2019, que tivo lugar en Lugo o pasado 10 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Polafía en Taboada. Historias de cabezóns e loitadoras, o 12 de outubro

A Polafía en Taboada. Historias de cabezóns e loitadoras é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co patrocinio da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e a colaboración do Concello de Taboada e Casa do Romualdo.

Historias de cabezóns e loitadoras

Casa do Romualdo, Vilar, Vilela, Taboada (como chegar)
Sábado, 12 de outubro de 2019 | 17:00 horas | Entrada libre

Coas intervencións de:
Ana Rey Gay
Xosé Manuel Vázquez
Ana Vila Portomeñe
Francisco Almuíña
Anxo Moure e…
veciñas e veciños da contorna

Música:
Francisco Almuíña

Alén da Polafía, é posíbel gozar do seguinte Programa previo:
11:30 Acollida en Casa do Romualdo
12:00 Saída cara a Ralle para coñecer a cabeza do guerreiro de Ralle e os esgrafiados, guiados polo historiador e etnógrafo Xosé Manuel Vázquez
14:00 Xantar en Casa do Romualdo Con reserva previa. Prazas limitadas. Ao facer a reserva comunique intolerancias alimentarias
Prezo por persoa: 16€
Reservas para o xantar: 982 455 010 / 650 226 646


As polafías son un proxecto da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado por Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.