A Coruña: presentación de Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela Puñal

O 10 de febreiro, ás 19:00 horas, no Forum Metropolitano da Coruña, Diana Varela Puñal presenta Diario sen datas dunha aborixe galega, publicado por Laiovento.

Tabela dos libros. Febreiro de 2020

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns de mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Pontevedra: presentación de Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane

O 31 de xaneiro, ás 19:30 horas, no Museo Provincial de Pontevedra, preséntase Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane, publicado por Galaxia, en coedición co Consorcio de Santiago. Acompañando ao autor asistirán Xesús Alonso Montero e Xosé M. Soutullo (Editorial Galaxia).

Presentado o Álbum de Galicia, a colección biográfica do país

Desde o Consello da Cultura Galega:
“(…) “A historia dun país faise así, a base de figuras heroicas e persoas anónimas que representan a esencia do que somos como comunidade” explicou Dolores Vilavedra ao detallar que a colección inclúe nomes destacados como Rosalía de Castro, Castelao, Concepción Arenal, Manoel Antonio, canda figuras como a soprano estradense Ofelia Nieto, o astrónomo Ramón María Aller ou o científico e político Osorio Tafall. O Álbum de Galicia é unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos da cultura galega, desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. O obxectivo deste proxecto é visibilizar e contextualizar ás mulleres e homes xa finados que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer tanto a obra das persoas divulgadas como a produción intelectual existente sobre elas. Todas as entradas foron realizadas por expertos en cada unha das materias e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros.
A Secretaria explicou tamén que o Álbum de Galicia conta con outra fortaleza, xa que permite conectar as persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. Isto significa que se pode relacionar as figuras con material sonoro, fotográficos, publicacións, epistolarios, publicacións, estudos e calquera outro documento realizado ou dixitalizado polo CCG. “O Álbum de Galicia é o porta de entrada rigorosa para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras” engadiu Manuel Gago.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas que o CCG leva elaborando desde 2005 e que teñen publicado en álbums temáticos ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros. O proxecto preséntase como unha iniciativa viva xa que pretende ir ampliando gradualmente o número de biografías, diversificando temática e cronoloxicamente o repertorio. Nese sentido, na presentación animaron a cidadáns e colectivos a remitir suxestións de figuras que consideren de interese para seren difundidas a través desta ferramenta e, deste xeito, mellorar o seu coñecemento público. O CCG encargará a diferentes expertos e expertas cada entrada biográfica que se incorpore ao Álbum. (…)”

Man, a icona do ‘Prestige’ que morreu de tristura

Desde Nós Diario:
“(…) O obxectivo de Man, como o describe Beatriz Maceda para Nós Diario, é “que a rapazada coñeza Man en toda a súa vertente”. “A súa figura paréceme todo un exemplo para a mocidade. Non digo que teñan que ir en taparrabos ou facerse anacoretas, mais se a todos se nos contaxiase algo da súa coherencia e do seu ecoloxismo, mellor nos iría”, engade.
Esa “coherencia” é, para a autora, o trazo definitorio do alemán de Camelle: “Impactoume moitísimo a súa figura, tanto pola súa forma de vida como por esa coherencia que a determinou, tanto no persoal como no referente á súa obra. Era unha persoa que estimaba e admiraba, até o punto de que pasei varios días chorando cando souben do seu pasamento, que para min simbolizou a crueldade desta sociedade”.
Porque Beatriz Maceda, como tantas outras persoas, consideran que Man non morreu “de causas naturais”, como informaron as autoridades, senón “da pena, da tristura” causada por ver a súa terra de acollida tinguida de negro chapapote após da crise do Prestige.
“Cando viu que todo o mar estaba negro, el decidiu pecharse na súa cabana e morrer. A xente da vila ía alí a levarlle comida, pero non lles abría a porta. Cando decidiron botala abaixo, xa era demasiado tarde, estaba morto. A profecía da balea negra facíase realidade”, explica a autora de Man.
Esa profecía da balea negra que referencia a escritora e profesora tivo lugar uns meses antes de que tivese lugar a catástrofe do Prestige, cando Man lle contou a varios veciños da zona un sinistro soño naquel idioma que falaba, un castelán galeguizado profuso en infinitivos: “Seguirá llegando alquitrán hasta que no quedar más en mar, y cuando ya no llega alquitrán, venir una ballena negra, grande como Costa da Morte, muerta. Entonces yo enterrar y todo acabar para min”. Moitos relacionaron o soño do alemán de Camelle co mito da trabe, segundo o cal o home, buscando a trabe de ouro, atopará a trabe de alcatrán e o mundo afundirá.
O volume de Medulia Editorial é unha edición corrixida e aumentada que presenta un novo formato e chega máis de sete anos despois do seu lanzamento orixinal, por parte da desaparecida Galebook.
Beatriz Maceda revela que, no seu momento, o libro tivo “moi boa acollida”, mais facíase “necesaria” esta revisión, porque “as cousas cambiaron moito desde 2012, pois agora hai un museo dedicado á figura de Man e restaurouse a cabana onde vivía”.
Entre os extras desta nova edición destacan “unha unidade didáctica para que a rapazada pense e traballe sobre a figura de Man” e “un anaco do seu testamento, no que expresa o seu desexo de que se conservase o seu legado, quedando a disposición do Ministerio de Educación, para o que deixaba os aforros de toda unha vida, 120.000 euros que nunca se recuperaron, pois quedou con eles Facenda”.
O principal beneficiado da reedición de Man foi o apartado gráfico, que vai asinado pola ilustradora Laura Veleiro. “A anterior edición non estaba mal, pero era cadrada, máis pequena, e o novo formato non presenta esas limitacións, permitindo presentar incluso láminas a dobre páxina”, conta a ilustradora a Nós Diario.
Nos seus debuxos, “feitos con lapis, acuarela e algún detalle en tinta, ao estilo tradicional”, pretende “mostrar, especialmente á rapazada, como estaba o museo de Man e como eran as súas obras cando estaban acabadas de facer, e non estragadas polo tempo, para que miraran a beleza que el vía en todo o que o rodeaba, esa foi a miña inspiración”.”

Non hai espellos nos manicomios, unha historia de superación

Desde Sermos Galiza:
Non hai espellos nos manicomios é unha obra multimedia arredor da historia de superación persoal do escritor Antonio Tizón, diagnosticado cun trastorno bipolar. A parte audiovisual ten na dirección a Aser Álvarez (Arraianos Producións) e a música orixinal foi realizada por Miro Casabella.
A iniciativa xurdiu para dar saída a unha idea persoal de Tizón: “Xa levo varios anos con este proxecto, que é máis ambicioso”. A obra completa pasa por un conxunto de cinco novelas, das que xa foron publicadas dúas en Xerais: A antesala luminosa e Un home estraño. A seguinte verá a luz o ano que vén. “Aspiro a facer un proxecto completo, que teña unha dimensión social e artística”, pois como afirma o escritor a Nós Diario, a literatura “non ten por que ser útil, pero se o é, moito mellor”.
Nun comezo, a iniciativa ía ser un poemario con CD e música, acompañado dunha longametraxe de ficción. Porén, as restricións temporais, que condicionaron a realización a mes e medio, obrigaron a facer un libro máis sintético e transformaron o filme nun documental autobiográfico de 18 minutos. Un relato en primeira persoa, “desde a honestidade e moi artesanal”, comenta Álvarez. A escolla deste formato, segundo explica, foi que o tema “se presta a unha achega multidispciplinar, na que cada medio aporta unha dimensión distinta”.
Para alén de se enmarcar nunha folla de ruta máis ampla para Tizón, Non hai espellos nos manicomios seguirá “alimentándose e medrando”, sinala Álvarez. Quedan aínda pendentes por colgar na rede algúns materiais extras que non entraron no documental. Ademais, a idea tamén inclúe realizar unha peza máis longa e que sexa propiamente transmedia.
Álvarez considera fundamental contar esta historia para concienciar a sociedade en xeral e para que as persoas que padecen algunha enfermidade mental teñan “ese espello que non existe nos manicomios”. A vida de Tizón convértese de tal xeito nun referente de como vivir con ese “problema que non ten cura”, advirte Álvarez, un reflexo que demostra que “se pode ter unha vida plena”. Ese é o obxectivo de Tizón, que manifesta expresamente do seu relato que “o termo superación non equivale a curación, senón que ten máis que ver coa normalización e a integración”.”