Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 9 e domingo 10

OFeira do Libro de Santiago 2015 domingo 10 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 9
18:00 h. Contacontos Polo mundo adiante, por Lisístrata. Organizado pola Biblioteca Pública Ánxel Casal.
19:00 h. Carlos Labraña presenta A fraga das árbores das palabras, publicado por Embora.
20:00 h. Andrea Barreira presenta Non hai luz sen escuridade, publicado por Urco.

Domingo 10
19:00 h. Joel Gômez presenta Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal, publicado por Através.

Guitiriz: o centenario de Díaz Castro inaugura os actos do ano dedicado ao poeta

Desde Sermos Galiza:
“O ano no que a Academia decidiu adicar o Día das Letras Galegas a Díaz Castro é tamén o do seu centenario. Será o próximo 19 de febreiro a data na que con distintos actos en Guitiriz se conmemore os cen anos do seu nacemento, saída tamén para un ano de festexos arredor do autor de Nimbos, levados adiante pola A. C. Xermolos.
Unha ofrenda poético-floral da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega no cemiterio de Guitiriz ás 17.00 horas iniciará unha sesión de tarde na que se darán cita no concello natal de Díaz Castro algunhas das máis madrugadoras iniciativas do ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Será ocasión tamén para inaugurar a exposición Nimbos de luz da Xunta, que quedará aberta na Casa Habanera e que conta con Alfonso Blanco -amigo e estudoso do autor- como comisario nun acto que contará tamén coa intervención do escritor Luís González Tosar e o investigador e crítico Armando Requeixo, autor a súa vez da primeira biografía do ano arredor do autor titulada Xosé María Díaz Castro. Vida e obra que se presentará a seguir.
A estrea do documental O instante eterno. de Xosé A. Cascudo, porá fin á xornada de homenaxe aberta ao público en Guitiriz, concello no que, desde primeiras horas da mañá, a lembranza será continua, de parte do alumnado da comarca, en especial, do centro que leva o seu nome.
O programa escolar comezará ás 10:30 coa visita á exposición por parte dos CEIP de Parga e Guitiriz. O espectáculo musical Zapatiños para Díaz Castro, de 2naFronteira inclúese tamén nunha xornada e mañá na que desde as 12:30 están convidados os colexios de Friol e o IES Urbano Lugrís da Coruña á festa da aniversario de Díaz Castro.”

A Estrada: presentación de O Padre Seixas desde dentro

O venres 10 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Sala de exposicións de Novagalicia Banco da Estrada, preséntase o libro O Padre Seixas desde dentro. Unha aposta progresista, galeguista e universalista, publicado en Galaxia. No acto participan David Otero, Francisco Domínguez, Silvestre Gómez Xurxo e autor Manuel Cabada Castro.