Santiago: encontro Carlos Casares. Escritor e intelectual do seu tempo, do 5 ao 7 de setembro

A UIMP organiza o Encontro Carlos Casares. Escritor e intelectual do seu tempo, entre o 5 e o 7 de setembro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela. O curso pretende lembrar a obra e a faceta intelectual de Carlos Casares cando se cumpren dez anos do seu pasamento cun dobre obxectivo: o de reanimar o interese do profesorado de ensino secundario pola lectura e o estudo da obra de Casares, incentivando a recuperación dalgunhas das súas novelas como lecturas recomendadas para o estudantado dese nivel educativo, e o de suscitar o interese do alumnado universitario pola investigación académica do escritor e a súa produción. Con esta dobre finalidade realízase un percorrido en profundidade polo máis destacado de dita produción e unha achega a aspectos menos coñecidos (a relación de Casares coa cultura catalana) que amosen a amplitude do seu labor intelectual. A dirección corre a cargo de Dolores Vilavedra.
O importe da matrícula é de 129 euros. Para os alumnos das universidades da Coruña, Santiago ou Vigo haberá unha redución do 50% (64,50 euros). A data límite para a solicitude da beca é a do 5 de agosto de 2012. O valor académico é de 20 horas, con recoñecemento do curso en créditos de libre escolla. As prazas son limitadas. Para máis información, matrículas e bolsas, pódese contactar coa Secretaría de Alumnos da UIMP (Fundación Luís Seoane, Rúa San Francisco, s/n., 2º andar, C. P. 15001 da Coruña). O teléfono é o 981140830, o fax 981140825, e o correo electrónico galiciasa@uimp.es.

PROGRAMA

Mércores 5 de setembro:
18:30 h. Inauguración a cargo de Dolores Vilavedra e Xosé Luís Barreiro Rivas.
19:00 h. A obra narrativa de Carlos Casares, por Ángel Basanta Folgueira.

Xoves 6 de setembro:
10:00 h. Xornalismo(s) e arredores na obra de Carlos Casares, por Iago Martínez.
12:00 h. O diálogo de Casares co mundo da infancia, por Montse Pena Presas.
13:00 h. Debate.
17:00 h. Carlos Casares tradutor, mediador e axente literario na historia contemporánea da literatura galega, por Iolanda Galanes e Ana Luna Alonso.
19:00 h. A achega de Carlos Casares ao ensaísmo galego, por Olivia Rodríguez González.

Venres 7 de setembro:
10:00 h. Carlos Casares e Nós, á luz de Deus sentado nun sillón azul, por Álex Alonso.
12:00 h. Casares e Galaxia, Casares en galaxia, por Dolores Villanueva.
13:00 h. Debate.
17:00 h. Os espazos literarios de Carlos Casares, por María López Sández.
19:00 h. Clausura e entrega de diplomas, por Dolores Vilavedra e María Esther Regueiro Fernández.

Bruxelas: Dias das nossas letras e das nossas culturas

A Asociación Couto Mixto de Bruxelas e a Livraria Orfeu de celebran os Dias das nossas letras e das nossas culturas, co seguinte programa:
Sexta feira, 25 de maio, ás 18:30 horas, na Livraria Orfeu: presentación de Noente Paradise, de Ugia Pedreira, presentada por Ramón Neto.
Sábado, 26 de Maio, ás 17:30 horas, na Livraria Orfeu. Encontro debate moderado por Xavier Queipo sobre as literaturas e as culturas da lusofonía (Galiza, Portugal, Brasil, …), con Ugia Pedreira e Ramón Neto (Galiza), Fred Martins (Brasil), J. Pinto da Silva (Portugal) e outras intervencións libres mediante inscrición. Ás 22:00 horas, concerto de Acrobata no LR6 (204, rue Haute, 1000, da mesma cidade, con Ugia Pedreira e Fred Martins. As reservas pódense conseguir aquí: coutomixtobruxelas@gmail.com. Venda antecipada de billetes na Livraria Orfeu (Rue du Taciturne 43, 1000).

Celanova: encontro Celso Emilio Ferreiro (1912-2012): ética e poética, entre o 16 e o 18 de xullo

Entre o 16 e o 18 de xullo, no Mosteiro de Celanova, celébrase o Encontro Celso Emilio Ferreiro (1912-2012): ética e poética, organizado pola UIMP, baixo a dirección de José María Paz Gago e Antonio Piñeiro Feijoo. O importe da matrícula é de 129 euros, cunha redución do 50% para os alumnos das universidades da Coruña, Santiago ou Vigo (a data límite para a solicitude da beca é a do 16 de xuño), tendo recoñecido un valor académico de 20 horas en créditos de libre elección. O programa é o seguinte:

Luns 16 de xullo:
11:00 horas. Inauguración. Con José María Paz Gago, Antonio Piñeiro Feijoo e Xosé Luís Barreiro Rivas.
11:30 horas. Conferencia inaugural a cargo de Xesús Alonso Montero.
13:00 horas. Aspectos biográficos: ética vital. Con Luís Ferreiro Loredo e Ramón Nicolás Rodríguez.
20:00 horas. Recital lírico: Onde o mundo se chama Celanova, dirixido por Antón de Santiago.

Martes 17 de xullo:
10:30 horas. A creación poética: poesía civil e social, con Vicente Araguas, Luis García Jambrina e Basilio Rodríguez Cañada.
12:30 horas. A obra narrativa e ensaística, con Manuel Bragado, Alfredo Conde e Ramón Pernas.

Mércores 18 de xullo:
10:30 horas. Xornalismo e literatura en Celso Emilio Ferreiro, con Carlos G. Reigosa e Xosé Antonio Perozo.
12:30 horas. Presentación de publicacións sobre Celso Emilio Ferreiro: Celso Emilio Ferreiro hai 100 anos, con Aser Álvarez.
13:00 horas. Conferencia de clausura, con César Antonio Molina.
14:00 horas. Clausura e entrega de diplomas.

Vigo: debate arredor de Valentín Paz Andrade

O venres 4 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio Areal de Vigo, terá lugar un debate arredor da figura de Valentín Paz Andrade. Intervirán: Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Academia Galega; Xosé Luís Axeitos Agrelo, secretario; Alfonso Paz Andrade, avogado e fillo de Valentín Paz Andrade; e Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, como moderador.

A Coruña: actos do mércores 20 de marzo en CoruñaMayúscula

O mércores 21 de marzo, no Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, e dentro do programa CoruñaMayúscula, terán lugar as seguintes actividades con presenza galega:
11:00-12:00 h. No Auditorio, recital poético de Antía Otero, Gracia Iglesias e Antón Castro.
19:30 h. Na Aula 9, mesa redonda co título Poesía, futuro, coa presenza de José María Paz Gago, Yolanda Castaño e Guillermina Royo-Villanova.
20:30 h. Na mesma Aula 9, combate verbal entre Manuel Vilas e Camilo Franco.
22:00 h. Recital 11×6. Participan Sofía Castañón, Antón Castro, Estevo Creus, Gonzalo Escarpa, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Gracia Iglesias, Elena Medel, Antía Otero, Ángel Petisme e Estelle Talavera Baudet, presentados por Pedro Ramos.

Debate entre Jorge Coira e Rubén Ruibal: “A cultura é o que vertebra a existencia diso que chamamos Galicia”

Debate entre Jorge Coira e Rubén Ruibal en Praza:
“(…) – Praza (P): Con todo este tema da crise, parece que agora non nos podemos permitir a cultura. Parece que esa mensaxe callou, que hai que recortar en cultura, que non queda outra…
– Rubén Ruibal (RR): Calla porque o repiten continuamente. A cultura como produto non é algo tanxible. Somos así de burros, como non podemos tocar unha obra de teatro parece que nos la suda. Na maquinaria da opinión pública é un discurso que se dá por real. Tamén habería que preguntarnos que fixemos os da cultura respecto a iso. No caso do teatro, mentres os políticos decidían facer máis e máis infraestruturas para facer teatro, parece que ningún dos profesionais chegou a pensar que a esas infraestruturas había que darlles un uso e que iso era máis difícil que construílas.
– Jorge Coira (JC): Está presente esa idea de que a cultura é prescindible, unha idea é incrible formulala dese xeito. Sen dúbida o noso non é un dos sectores primordiais a nivel de estado. O primordial é a sanidade e a educación. Iso é sagrado. Pero o noso sector está despois, coma todo o resto. Non me parece menos importante que os automóbiles. Non o digo porque me dedique a isto. Por suposto, penso que sería terrible que se deixasen de facer automóbiles e que se perdesen postos de traballo. Como tamén é terrible que se perdan empregos na cultural. Creo que precisamos coches, pero tamén bens culturais para alimentar o espírito. Pode soar forte iso de alimentar o espírito, pero a todos nos gusta o cine, as series, o teatro… Non é algo para entendidos nin para unha minoría selecta, non.
– P: Tampouco nos podemos permitir unha Consellería de Cultura? Parece que esta Xunta sempre levou sempre unha política de perfil baixo coa cultura, de rebaixarlle a categoría cada vez que podía e agora, directamente, elimina a Consellería de Cultura…
– RR: É insistir no discurso de que é algo prescindible. Entrou unha brigada de demolición para todo. Parécelles completamente prescindible tanto cultura como a lingua. Pois que se decidan! Que a brigada de demolición entre tamén na Xunta! Para que queremos este goberno? É unha brigada de demolición que chegou e dixo: “Imos acabar con todo isto”. Así de resumido. (…)
– JC: A cultura no sentido máis amplo da palabra é o que vertebra a existencia diso que se chama Galicia. Compartimos todos unha cultura, un idioma… Dá moita pena que se lle dea tan pouca importancia. Tamén é certo que nos toca pelexar por conseguilo. Loitar por conseguir maior recoñecemento. Loitar. É o que hai.”

Santiago: debate sobre O discurso de promoción do galego, entre Henrique Monteagudo e Pilar García Negro

O luns 24 de outubro, ás 18:00 horas, na Aula 10 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar un debate sobre O discurso de promoción do galego, problemática e propostas de futuro, en que participarán Henrique Monteagudo e María do Pilar García Negro. O acto está organizado pola Liga Estudantil Galega Filoloxía.

Santiago: VIII Simposio O libro e a lectura, o 10 e 11 de novembro

A propiedade intelectual na sociedade dixital vai ser o eixe do VIII Simposio O libro e a lectura. A propiedade intelectual na sociedade dixital, que organiza a Asociación Galega de Editores en colaboración co Centro Español de Dereitos Reprográficos e mais co Consello da Cultura Galega. As tecnoloxías dixitais e o dereito á educación, o futuro da sociedades de xestión de dereitos ou a relación entre editores, escritores e bibliotecarios son algúns dos temas que se tratarán. O encontro celébrase os vindeiros xoves 10 e venres 11 de novembro no Auditorio do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela. Este é o programa:

10 de novembro-xoves
09:30 h. Recollida de documentación.
10:00 h. Sesión inaugural: intervencións do presidente da AGE e Conselleiro de Cultura.
10:30 h. Conferencia inaugural: Tecnoloxías dixitais e dereito á educación. Conferenciante: Manuel Area, profesor de tecnoloxía da Universidade de La Laguna. Presenta: Manuel Bragado.
12:00 h. Conferencia: A xestión da propiedade intelectual na sociedade dixital. Conferenciante: Juan José Marín, avogado especialista en propiedade intelectual.
13:00 h. Panel de Debate: Edición e propiedade intelectual. Con Blas Garzón, de Traficantes de sueños, Carlos Iglesias, da Editorial Net biblo e Tomás González, de Urco Editora.
17:30 h. Panel de Debate: Escritores, editores e bibliotecas. Con Daniel Buján, Director da Biblioteca de Galicia, Antonio Mª Ávila, Secretario Xeral da Federación de Gremios de Editores de España e Marcos Calveiro, escritor e avogado.

11 de novembro-venres
10:00 h. Conferencia: A propiedade intelectual na sociedade dixital. Conferenciante: Xavier Marcé, Director do Instituto Catalán das Industrias Culturais.
11:30 h. Panel de Debate: As sociedades de xestión na era dixital. Con Pedro de Andrés, presidente de CEDRO, Antón Reixa, representante da SGAE en Galicia e David Maeztu, avogado especialista en Creative Commons e propiedade intelectual.
13:00 h. Conferencia de clausura: Os dereitos de autor na sociedade dixital. Conferenciante: Ana Azurmendi, profesora da Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra.
14:00 h. Acto de clausura.