Arquivo da categoría: Encontros e Xornadas
A Coruña: Encontro Galeusca de Editoras 2018
O VI Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade homenaxea a Andrés Torres Queiruga
Desde a Real Academia Galega (foto da RAG):
“Máis de vinte e cinco especialistas participaron ao longo de tres días no VI Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade, organizado polo Instituto de Filosofia Luso-Brasileira, o Instituto de Filosofia da Universidade do Porto, o Centro Português de Vigo, a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela a través do Departamento de Filosofía e Antropoloxía, a Universidade Católica Portuguesa, o Movimento Internacional Lusófono e mais a revista Nova Águia.
A edición deste ano serviu de homenaxe a Andrés Torres Queiruga, cuxos estudos teñen profundado en numerosas ocasións na filosofía da saúdade. Este mesmo tema centrou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, pronunciado en 1980 e dispoñible nesta ligazón.
O Colexio Apóstolo Santiago de Vigo acolleu o sábado varias intervencións sobre o académico. Luís G. Soto e Marcelino Agís Villaverde abordaron distintos aspectos sobre a saudade e o filósofo, Renato Epifânio achegou o relatorio titulado “Repensando o ateísmo: entre Andrés Torres Queiruga e José Marinho” e Rocío Carolo Tosar, “O carácter ontolóxico da saudade: Ramón Piñeiro e Andrés Torres Queiruga”. A intervención do propio homenaxeado púxolle o ramo á xornada, na que tamén se presentou o número da revista Nova Águia dedicado á quinta edición do Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade.”
A Coruña: “A cultura é un dereito. A escena galega no palco do Colón”, o 9 de xuño
Santiago: XI Xornada dos Clubs de Lectura
Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:
“O vindeiro 1 de xuño reuniranse en Compostela (Palacio de Congresos), os coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura participantes da convocatoria anual da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para incentivar o funcionamento deste tipo de actividades nos centros de ensino secundario de Galicia.
A que será a XI Xornada dos Clubs de Lectura volve ao seu formato máis habitual, con asistencia só do profesorado, ao ser unha actividade incluída no Plan Anual de Formación do Profesorado, vinculada ao Plan LÍA, de bibliotecas escolares, e coa limitación de poder acoller unicamente a este colectivo. No ano 2012 e no 2017 acudiran tamén unha representación do alumnado; agardamos poder volver a convocar tamén ao alumnado nunha próxima edición. (…)
O programa desta xornada inclúe a entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2018 que se vén entregando ao autor ou autora galega, máis lido polos clubs de lectura no curso precedente. Unha vez contabilizadas as lecturas realizadas no pasado curso, este galardón recibirao este ano o poeta Carlos Negro, quen tamén impartirá unha charla e un obradoiro ao longo da xornada. Contaremos tamén con especialistas como Freddy Gonçalves, libreiro, escritor e experto en literatura infantil e xuvenil ou Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e crítica literaria. Mesas temáticas, talleres e comunicación de experiencias completan un programa ao que lle poñerá remate sonoro e narrativo o músico e escritor Xurxo Souto.
O programa pode consultarse aquí.”
Compostela: Xornada técnica Prensa histórica e xeración de coñecemento: do papel ao dixital, o 8 de xuño
IES Xosé Neira Vilas, Perillo (Oleiros): Programa das xornadas dedicadas a Nacho Taibo, o 24 e 25 de maio
O IES Xosé Neira Vilas de Perillo, Oleiros (Rúa Xosé Neira Vilas, 3), vai homenaxear a figura de Nacho Taibo, con motivo da próxima edición do Premio Escritor na súa terra – Letra E. O programa é o seguinte:
Xoves 24 de maio
– 11:20 a 12:10 h. Mesa Nacho Taibo, a historia que agroma nos relatos. Interveñen Agustín Fernández Gago (director do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas), Cesáreo Sánchez (presidente da AELG), Xosé Manuel Martínez Oca, María Dans e Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 4º e 1º de Bacharelato.
– 12:30 a 13:20 h. Mesa De narrador a narrador: Xián Alcayde Dans entrevista a Nacho Taibo. Interveñen Xián Alcayde Dans e Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 1º ESO.
Venres 25 de maio
– 10:30 a 11:20 h.. Mesa “Encontro de Nacho Taibo cos lectores de As boas familias”. Intervén Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 3º ESO.
– 11:20 a 12:10 h. Mesa Encontro do profesor cos compañeiros. Interveñen Agustín Fernández Gago (director do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas), Pepe Couce, Ana Crego, Eduardo Álvarez, Xosé Manuel Fraguela e Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 2º ESO.
Compostela: Xornadas de conmemoración dos 25 anos do Centro Ramón Piñeiro
Aquí é onde pode realizarse a inscrición.
A Coruña: Seminario Celtismo e cultura atlántica
Compostela: Seminario Mundos/Galiza, impartido por Lois Diéguez, os 23 e 30 de maio
O Seminario Mundos/Galiza é unha actividade da A. C. O Galo, onde se tratará outro xeito diferente de viaxar e sobre recursos culturais de Galiza con capacidade de xerar turismo de calidade. Tamén de como a nosa impronta está presente en algúns itinerarios de países estranxeiros, deseñados pensando nun viaxeiro interesado en comprender a identidade e as realizacións dos pobos que visita e en sentir as sensacións e emocións que isto trae consigo.
O Seminario constará de dúas sesións e impartirao o escritor Lois Diéguez.
O lugar será o Centro Sociocultural do Ensanche. Rúa Frei Rosendo Salvado nº 16, baixo. Santiago.
Datas e hora: Mércores 23 e mércores 30 de maio de 2018, ás 18:30 h., ambos os dous días.
Terá unha duración de hora e media cada unha das dúas sesións, será de balde, e contigo poden vir a el un máximo de 2 persoas mais.
O número de prazas é limitado e as persoas socias da AC. O Galo teñen prefencia para ocupalas, as non socias entran naquelas que queden libres. Por isto as persoas non socias debedes anotarvos axiña en ogalo.ac@gmail.com e asemade neste correo electrónico deben apuntase as/os socias/os da A. C. O Galo.
Para anotarse cómpre indicar:
1.- NOME, APELIDOS, DI
2.- TELÉFONO DE CONTACTO e CORREO ELECTRÓNICO
Este é o programa:
– 1ª Sesión: Mércores, 23 de maio 2018, ás 18:30 h.
Vello Mundo/Galiza
1.1. Portugal: Itinerario Inés de Castro
1.2. Irlanda (Dublín): Bru Na Boinne (Newgrange), Túmulo neolítico.
1.3. Catalunya: La Vall de Boí, Festa del Foc.
1.4. Bulgaria (Kazanlak): Túmulo tracio.
1.5. Itinerario Exeria: Palestina (Monte Nebo, Val do Xordán…), e Exipto (Tebas).
– 2ª sesión: Mércores, 30 de maio 2018, ás 18:30 h.
Galiza
2.1. A Cultura inmaterial: Fachas de Castelo, Taboada (Lugo).
2.2. A paisaxe: Miradoiros da Ribeira Sacra.
2.3. O Entroido: Oso de Salcedo, A Pobra do Brollón (Lugo).
2.4. Os Monumentos: Viaxe á Catedral de Santiago seguindo a Rosalía de Castro.”