Lugo: fin de festa da I edición #EnredandoCoGalego, concerto de Verto e entrega de premios

O xoves 10 de xuño foi un día moi especial. As entidades organizadoras desta actividade, a Área e Cultura do Concello de Lugo e a AELG, acompañamos a rapazada do IES Leiras Pulpeiro e IES Muralla Romana que participou en EnRedando co galego, actividade de normalización da nosa lingua, creación literaria e afectos, cunha sorpresa moi especial que lle encantou ao alumnado: o concerto dos VertoTemazos. #Enredamos un pouco e parolamos coas rapazas e rapaces participantes canda Antonio Reigosa, e entregamos canda Fer e Verto, o tenente de alcalde Rubén Arroxo e Felipe Rivas, concelleiro de Educación, os agasallos e premios do certame. É xusto sinalar que encontramos novísimas escritoras cun futuro moi prometedor e intuímos que esta iniciativa pode ser o comezo de algo moi bo para a nosa lingua, a mocidade e tamén para Lugo, cunha actividade potente e de referencia. E debemos agradecerlle finalmente ás profesoras e profesores o seu traballo, esforzo e apoio para que todo saíse ben.

Aquí pode verse unha pequena crónica fotográfica, a cargo de Alba Díaz. Pode accederse nesta ligazón á crónica completa.

Actividades arredor de Xela Arias en centros de ensino das provincias da Coruña e Pontevedra

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza diversas actividades arredor de Xela Arias en centros de ensino das provincias da Coruña e Pontevedra.

Coa colaboración da Deputación da Coruña, durante os meses de abril e maio a AELG promove a organización de obradoiros literarios arredor da figura de Xela Arias en diferentes centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria da provincia da Coruña.
– En Educación Primaria son impartidos por Andrea Barreira, baixo o título de Cada día, a familia.
– En ESO e Bacharelato levan por título Xela Arias e a revista literaria, a cargo de Dúas gamberras e un micro.

Tamén están dispoñíbeis para toda a cidadanía dous Proxectos Didácticos elaborados por Beatriz Maceda Abeleira:
Xela Arias. A poesía como acción (Educación Primaria)
Xela Arias. A poesía como acción (Educación Secundaria e Bacharelato)

Así mesmo, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, a AELG promove tamén a organización de obradoiros literarios arredor da figura da autora homenaxeada no Día das Letras en diferentes centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria desa provincia.
– En Educación Primaria son impartidos por Jesús Castro Yáñez, baixo o título de XELAPALABRA.
– En ESO son impartidos por Lara Dopazo Ruibal.

Obradoiros para o ensino e recital Versos na baixamar en Barreiros

Os Obradoiros para o ensino e recital Versos na baixamar en Barreiros son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Barreiros.

Con motivo do Día das Letras Galegas 2021 dedicado a Xela Arias, terán lugar dúas actividades no Concello de Barreiros.

Está pendente de confirmar a forma de inscrición para participar como público no recital poético, sempre seguindo as medidas sanitarias vixentes en cada momento.

10 de maio.
Obradoiros arredor da figura de Xela Arias Cada día a familia, impartidos por Andrea Barreira nos dous Centros de Educación Primaria de Barreiros. Dirixido unicamente ao estudantado destes centros.

17 de maio.
– Ás 18:00 h., no Centro Sociocultural de Barreiros (Rúa Veiga), terá lugar a primeira edición de Versos na Baixamar, recital poético que contará coa participación dalgunhas das nosas mellores poetas e voces máis novas da Mariña: Olalla Cociña, Paula dos Anjos e o chairego Daniel Irimia, xunto ao coordinador da actividade, Lois Pérez.

Ledicia Costas lidera a listaxe de libros máis lidos dos clubs de lectura escolares

Desde Nós Diario:
“A nómina de libros e autoras máis demandadas polos Clubs de Lectura do ensino secundario no curso 2019/2020 está liderada por Infamia e pola súa autora Ledicia Costas, que ten outro título, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, na sexta posición.
Infamia, que integra o catálogo de 109 dos clubs participantes, conta a historia de Emma, unha avogada profesora de dereito penal que chega á vila de Merlo para dar clases, sen saber que o lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada ao lugar coincide cos 25 anos da desaparición das irmás Giraud.
A segunda obra no ránking é a Memoria do silencio de Eva Mejuto, unha novela a tres voces, as de Günter, Lola e Frieda, que explora desde 1943, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galiza durante a II Guerra Mundial.
O terceiro lugar ocúpao a obra de María Solar Os nenos da varíola, que conta a historia das crianzas “heroicas” que transportaron nos seus corpos a vacina da varíola na súa viaxe a América. E xusto detrás, Beleza vermella, de Arantza Portabales. Unha novela negra que relata o “espantoso” crime cometido nunha instalación artística de vangarda.
Completan o “top ten” entre a listaxe dos 50 máis lidos: O último barco, de Domingo Villar; Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas; O que sei do silencio, de Andrea Maceiras; O neno do pixama a raias, de John Boyne; Senlleiras, de Antía Yáñez; e Mentira, de Care Santos.
Máis alá dos títulos máis demandados entre os clubs de lectura no curso pasado, é significativa tamén a preferencia por determinadas autoras e autores. Nesta liña, Ledicia Costas encabeza este catálogo, con 109 lecturas, case duplicando en lecturas o segundo autor posicionado, o finado Agustín Fernández Paz, con 58 lecturas.
Por detrás destes cómpre resaltar a presenza doutros nomes, dos que tamén as súas últimas novidades son as máis lidas, como é o caso de Andrea Maceiras, en terceiro lugar, e Eva Mejuto no cuarto.
Na mesma listaxe Domingo Villar, Antía Yáñez, María Solar e Care Santos ostentan as posicións sétima, oitava, novena e décima. Antes deles, o autor catalán Jordi Sierra i Fabra e a galega María Reimóndez ocupan a quinta e a sexta posición.”

A Consellaría acepta a proposta histórica da CIG-Ensino de incluír o día de Rosalía nas conmemoracións escolares

Desde CIG-Ensino:
“(…) A Consellaría amosou a súa dispoñibilidade a aceptar a incorporación do 24 de febreiro como día de Rosalía. É sabido que esta data está asentada na sociedade grazas ao activismo cultural e social que despois de moitos anos conseguiu que se celebre en multitude de centros educativos. A CIG-Ensino fixo súa esta proposta desde hai anos. O Secretario Xeral afirma que considera positiva a nosa proposta e que así o trasladará á Consellaría.”

O IES Monte da Vila do Grove abre o seu terceiro festival de arte e novela negra

“O IES Monte da Vila do Grove abre o seu terceiro festival de arte e novela negra, dirixido ao conxunto da sociedade. Son, segundo explican no IES, ilustracións baseadas nas obras Infamia, de Ledicia Costas, e Na casa da avoa, de Marta Dacosta, que foron elaboradas por alumnado de Educación Plástica e Visual, Volume, Debuxo Artístico I e Técnicas de Expresión Gráfico Plástica.
Segundo o programa, o encontro de Ledicia Costas co alumnado de 4º de ESO para falar do libro Infamia terá lugar o mércores 14 de abril, cando tamén haberá un encontro co alumnado participante no concurso de relatos breves. Pola súa vez, Xosé Tomás guiará obradoiros de ilustración dirixidos a estudantes que cursan asignaturas como Debuxo Artístico I e Educación Plástica e Visual.
O xoves 15 será a quenda de Marta Dacosta, quen conversará com alumnado das materias de Debuxo Artístico I e Técnicas de Expresión Gráfico Plástica. Xunto a esta actividade, centrada na obra Na casa da avoa, desenvolverase un obradoiro de poesía cos participantes no concurso poético levado a cabo polo IES Monte da Vila.
Nesa mesma xornada prográmanse os obradoiros de ilustración cos participantes nos clubes de lectura da biblioteca e co alumnado da materia de Técnicas de Expresión Gráfico Plástica, nesta ocasión a cargo de Alberto Guitián.
Este último e Marta Dacosta repiten experiencia, pois xa foron protagonistas en 2020, xusto cando comezaba o estado de alerta. Naquela ocasión compartiron protagonismo con Sergio Vera, Antonia Huertas e Diego Ameixeiras, para desenvolver un programa de actividades que non eran exclusivas da comunidade educativa, senón que incluían unha xornada de portas abertas. Daí os encontros con Marta Dacosta e Diego Ameixeiras desenvoltos na Biblioteca Municipal e a exposición Alteracións, con obras do alumnado do propio IES vinculadas aos libros da autora e autor convidados.”

A AELG celebra o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Hoxe, 2 de abril, é o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
Na nosa literatura, afouta e nutrida, temos numerosos exemplos para desfrutar e descubrir.
Desde a Sección de Didáctica da AELG, ofrecémosvos un xeito de indagar neste mundo marabilloso da man de Eva Mejuto (autora, coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, e persoa con grande experiencia no eido da edición).
Eva ofértanos un paseo pola literatura infantil e xuvenil galega baseado nas rúas de Pontevedra, nas librarías (tan importantes) desa cidade. E non só íso, na proposta tedes tamén un kahoot para descubrir e disfrutar novos personaxes e propostas literarias das nosas letras. Animádevos a mergullarvos neste mundo marabilloso. “Dinnos que os dragóns non existen para que cada quen poidamos descubrilos por nós propixs” (Jeff Smith, Bone).
Podedes acceder premendo nesta ligazón.

#AELG #DocenciaAELG #DíaDoLibroInfantilEXuvenil #LemosEnGalego