
Arquivo da categoría: Entrega de premios
Entrega de premios do VIII Certame de Microrrelatos de Vilalba
Desde Culturalia GZ:
“Este sábado, 5 de setembro, na Casa da Cultura de Vilalba celebrarase a cerimonia de entrega dos premios ás persoas galardoadas no VIII Certame de Microrrelatos de Vilalba.
Este certame, organizado polo Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ, vaise consolidando dentro do panorama literario galego. Na presente edición houbo unha achega de 60 obras presentadas nas tres categorías de participación (infantil, xuvenil e adulta).
No acto deste sábado, ademais das persoas galardoadas, tamén estarán presentes a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco Seoane, a concelleira de Cultura, Mónica Gónzalez Fernández, e a concelleira de Comercio, Turismo e Promoción da Lingua, Mª Xosé Fernández Pardo, na mesa presidencial. Martiño Maseda, como administrador de Culturalia GZ, exercerá de presentador do acto.
Para a deliberación deste 2026 contouse cun xurado composto por Mercedes Queixas Zas, profesora e escritora, Atenea Ruibal Durán, bibliotecaria da Biblioteca Municipal de Vilalba, e a docente Pilar Otero Cabarcos.
A relación das obras premiadas e autores/-as das mesmas é a que segue a continuación:
Categoría Infantil
1º Premio: Leah Ferreiro García, co microrrelato QUÉROTE, AVÓ
2º Premio: Carmen López Tenreiro co microrrelato O BOSQUE DAS MIL MARABILLAS
3º Premio: Antía Pérez Cendán, co microrrelato AS AMÉRICAS
Categoría Xuvenil
1º Premio: Darío Pita Rodríguez, co microrrelato O SOBRADO
2º Premio: Duarte Mariño Torrado, co microrrelato OLA, HAI ALGUÉN AÍ?
3º Premio: Adriana Garrido Santos, co microrrelato O LIBRO
Categoría Adulta
1º Premio: Patricia Torrado Queiruga, co microrrelato HISTORIA UNIVERSAL
2º Premio: Cándido Paniagua Pousa, co microrrelato Á HORA ACORDADA
3º Premio: Alba Sánchez Ares, co microrrelato APOÑENDO
Tamén se contará co acompañamento musical da Asociación Cultural Árdelle o Eixo.”
Salvaterra: actividades do 4 de setembro no XXXVIII Festival da Poesia no Condado 2026
A retranca de Xosé Lois como arma de resistencia ante o poder
Entrevista de Manuel Xestoso a Xosé Lois O Carrabouxo en Nós Diario:
“O vindeiro domingo 6 de setembro, Xosé Lois González Vázquez, “O Carrabouxo”, recollerá o Premio Celanova, Casa dos Poetas. O galardón celebra unha traxectoria de máis de corenta anos de entrega ao humor gráfico e compromiso coa nosa identidade. O xurado definiuno como “un digno continuador de Castelao” e do Tío Marcos da Portela, o que serve de limiar para conversar con el sobre o humorismo.
Fiel á súa lendaria humildade, o debuxante ourensán matiza axiña este recoñecemento público: “Eu non son un digno continuador de Castelao, senón un indigno seguidor seu”. Aínda que comparte a esencia temática do histórico galeguista, baseada na “defensa da Galiza, do idioma e dos intereses do noso país”, considera que a figura do intelectual rianxeiro resulta inalcanzábel. “Castelao foi unha cousa moi grande e eu son un autodidacta que aprendín a debuxar por min mesmo”, sinala con orgullo, aínda que admite con gratitude que escoitar dita comparación “sóalle como unha sinfonía”.
O seu labor cultural mantivo sempre un forte vínculo coa comarca celanovesa, especialmente co padroado de Curros Enríquez desde os seus inicios na década dos oitenta. “Participei en todo aquel movemento que iniciara Xosé Manuel del Caño para recuperar a casa de Curros, que estaba en ruínas”, rememora. Eran tempos difíciles onde a recuperación da memoria histórica non contaba con apoio oficial: “Nós traballabamos con medios propios, sacrificándonos persoal e economicamente, porque era unha loita contra o poder que estaba naquel momento”. Aqueles esforzos pioneiros abriron o camiño para que hoxe sexan as propias institucións as que xestionen estes espazos. (…)”
O Couto (Ponteceso): Festiletras 2026

O programa pode descargarse aquí.






