O Concello de Vilalba fixo entrega dos premios aos gañadores da V Edición do Concurso de #Microrrelatos

O Concello de Vilalba fixo entrega dos premios aos gañadores da V Edición do Concurso de Microrrelatos. Un certame, que organizamos en colaboración con Culturalia GZ co obxectivo de conmemorar o Día do Libro 2023 e fomentar na poboación o achegamento á lectura literaria.
Así, en categoría infantil, o gañador é Duarte Mariño Torrado co seu texto Historias da semente. O segundo premio é para Paula Pérez Cendán, por Unha noite no Cemiterio e o terceiro para Arwen Fernández García, por O libro.
En categoría xuvenil, Berta Comesaña Alonso logrou o primeiro premio coa obra Cifras. A segunda praza é para Noa Domínguez Moreda, por Memorábel, mentres que o terceiro premio recíbeo Óscar Linares González, por O neno e a cidade.
Na categoría de adultos, o mellor microrrelato foi A Vaca de Raquel Fernández Fernández. A segunda praza é para Isabel Vázquez Rodríguez, por Paralelas Diverxentes, mentres que a terceira posición é para Enrique Manuel Neira, por Naufraxio dobre.
Os tres mellores microrrelatos na ultima categoría mencionada recibiron os premios recollidos nas bases que, no caso dos adultos, son, respectivamente, de 300, 200 e 100 euros. Así mesmo, os galardoados na categoría infantil e xuvenil recibirán libros e material escolar.
Os gañadores leron as obras premiadas mentres que os músicos Baruk Domínguez e Esteban Cabana amenizaron a sesión, na que a concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez, e a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, agradeceron a implicación de todos os que contribuíron a sacar adiante a convocatoria.
O próximo ano a editorial Alvarellos publicará a obra que recolle as nove creacións nas tres categorías de infantil, xuvenil e persoas adultas, xunto coas gañadoras do 2024. Será o terceiro volume deste galardón que xa consolida o seu futuro e que cada ano recibe máis orixinais.

A Irmandade Avelino Pousa Antelo recoñece Mero e Carme Varela no XI aniversario da súa morte

Desde Nós Diario:
“O auditorio Constante Liste, na Ramallosa, Teo, na comarca de Santiago, acolleu este domingo, 20 de agosto, os actos conmemorativos do XI aniversario do falecemento de Avelino Pousa Antelo.
A xornada de lembranza comezou cun “anexo”, unha homenaxe ao escritor e profesor galego Xoán Xosé Fernández Abella, só tres días despois do seu pasamento, o pasado 17 de agosto.
O escritor David Otero foi o encargado de dar a benvida ao público e de cederlle a palabra a Alfonso Blanco Torrado, quen falou en nome da Irmandade Avelino Pousa, a Asociación Cultural Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá.
Foi ao finalizar cando colleron a remuda as dúas persoas agasalladas: o músico e escritor Baldomero Iglesias ‘Mero’, a quen se lle entregaron o símbolo do Partido Galeguista do que Pousa Antelo foi militante.
Após este momento de ‘Dignidade galeguista’, a escritora, historiadora e autora teatral Carme Varela recolleu o ‘Caxato Avelino Pousa’, unha distinción que desde 2013 recibiron figuras e institucións moi próximas ao intelectual galego: Alfonso Blanco, o Concello de Teo, a parroquia de Santa María de Arzúa, Fina Casalderrey, a familia de Valentín Arias, Antón Costa Rico, a Fundación Penzol, Marica e Tereixa Campo máis Arlindo López Arias.
“Carme Varela foi unha gran colaboradora de Avelino Pousa como secretaria técnica da Fundación Castelao, fundada en 1984, grande apoio de cara a edición da obra completa de Castelao e tamén durante o ano do seu centenario en 1986”, explica a Nós Diario David Otero, para destacar que este recoñecemento non premia un currículo senón persoas da estima de Pousa Antelo.
“Durante 40 anos acompañando a Avelino fun facendo un listado de xente do seu aprecio, persoas coas que mantiña unha relación afectuosa e coas que compartía ideas”.
Tras as intervencións de Mero, Carme Varela e a familia de Pousa Antelo, o público visitou o paseo que leva o seu nome na Urbanización dos Verxeis/Oza, onde tivo lugar unha ofrenda floral que deu paso á interpretación do himno nacional galego polo gaiteiro Nubeiro.
A xornada concluíu cun xantar de irmandade que serviu tamén para celebrar o legado de Avelino Pousa, de quen Otero destaca o papel central da “Galiza como referente e o pobo como espazo de traballo para a conservación das ideas galeguistas”.
“Quedas na casa, mira que non se apague o lume”, rememorou Carme Varela no seu discurso de agradecemento. Un dito común en moitos lares da Galiza cuxa escolla gabou David Otero.
“É o resumo perfecto do que viñemos facer hoxe aquí no XI aniversario da morte de Avelino: axudando a que o lume de Avelino, o lume da Galiza, da idea galeguista non se apague”.”

Lois Alcayde Dans e Pablo Nogueira Campo gañadores, do terceiro certame Exeria de relato curto 2023

“Lois Alcayde Dans e Pablo Nogueira Campo gañadores, do terceiro certame Exeria de relato curto promovido polo Ateneo Atlántico de Vigo e a Fundación Xoán Piñeiro.
No certame Exeria deste ano 2023 presentáronse trinta relatos de estilo e temática variada. Realizadas as pertinentes deliberacións, e por maioría, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio do 3º Certame Exeria ao orixinal titulado Lugar fermoso, valorando de xeito especial a habelencia para desvendar o dó e o loito do pasado histórico por debaixo da beleza da paisaxe e do ambiente doméstico. O relato con grande economía de medios e un ritmo narrativo áxil, desenvolve unha historia densa de contraste entre o mundo afectivo e a memoria histórica.
No tocante ao accésit, o orixinal premiado foi o titulado Nó de mariñeiro, valorando, neste caso, o arrandeo temporal que narra, con tensión crecente, un relato de soidade e vinganza, envolto en lirismo urbano.
Abertas as plicas os autores resultaron ser:
Gañador, Lois Alcayde Dans, autor de Lugar Fermoso e
Accésit, Pablo Nogueira Campo, autor de Nó de mariñeiro. Ambos autores contan cunha acreditada traxectoria literaria.
O acto de entrega dos premios (mil euros e un bronce de Cuqui Piñeiro o premiado e cincocentos euros o accésit) patrocinados polas empresas Vieirasa e Bodegas Terras Gauda, foi o martes, 13 de xuño na Escola de Artes e Oficios de Vigo e contou coa actuación da cantante MJ Pérez.”

A XIII edición do certame Inspiraciencia de relatos de inspiración científica xa ten gañadoras

A XIII edición do certame Inspiraciencia de relatos de inspiración científica, co que colabora a AELG, xa ten gañadoras-es.
O Teatro Filarmónica de Oviedo acolleu o acto de entrega de premios do xurado e do público, cun total de 341 relatos que participaron na presente edición do concurso.
A AELG colabora habilitando prazas para as persoas gañadoras nos Obradoiros da súa Escola de Escritoras e Escritores, e propondo unha persoa para o xurado, Pura Salceda.

Estes foron os relatos nas categorías xuvenil e adulto en galego, resultando gañadores e finalistas os seguintes:

Xuvenil
Relato gañador: Carla Dopazo Pavón (A Coruña), polo relato “t’”.
Relato finalista: Ingrid Guldrís Hortas (Santiago de Compostela), polo relato “Golfomusgo”.

Adulto
Relato gañador: Noelia Rodríguez Ramos (Tui, Pontevedra), polo relato “Pedra, area, balea”.
Relato finalista: Isabel Pose Torrado (Ordes, A Coruña), polo relato “A pel de Aurora”.

Máis información, aquí.
Vexa aquí a vídeo do acto de entrega de premios.

Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, un espazo aberto para pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar un achegamento ao pensamento científico, de forma libre e persoal, a través da creación literaria, e explorar realidades antes non imaxinadas.

Guitiriz: III Festival de Poesía Guitirica

Amoeiro: Festa Literaria do Premio Trasalba 2023

Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas, gañadoras dos premios literarios Hai unha voz da Deputación de Pontevedra e Clásicas e Modernas

Desde a Deputación de Pontevedra:
“As autoras Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas son as primeiras gañadoras dos premios Hai unha voz, que a Deputación de Pontevedra promove xunto á asociación Clásicas e Moderna ao abeiro do Manifesto de Soutomaior, co obxectivo de visibilizar e impulsar o talento feminino na cultura e distinguir a pegada das mulleres no eido literario. As tres recibirán os seus galardóns, dotados con 5.000 euros cada un, na gala que se celebrará na Sala Rosalía da sede provincial en Vigo este venres, 23 de xuño ás 19.30 horas, O evento será presentado por tres das integrantes do Manifesto: Mariana Carballal, Silvia Penas e Isabel Blanco, e contará coa actuación musical de Guadi Galego.
No caso de Marilar Aleixandre, o xurado dos premios valorou a indiscutible traxectoria desta escritora, académica da RAG, autora de ensaio, novela para público adulto, xuvenil e con diversos galardóns, “sempre traballando a favor da lingua, da literatura galega e desde un punto de vista ético e feminista”, que se veu referendada co Premio Nacional de Narrativa o pasado 2022 por As malas mulleres. Este libro recolle a memoria das mulleres recluídas no cárcere coruñés da Galera e pon en relevancia o labor de Concepción Arenal e Juana de Vega.
Rexina Vega é escritora, profesora e investigadora e conta cunha sólida traxectoria como autora de narrativa e investigadora especialista na obra de Álvaro Cunqueiro. O xurado destacou os seus artigos na revista Tempos Novos e a súa participación, na curtametraxe documental Cunqueiro. A grande ilusión como unha das voces máis autorizadas para falar do autor. Amais, ao longo de 2022 contribuíu á internacionalización da lingua e cultura galegas coa súa presenza en foros de pensamento, como no webinar auspiciado pola Universidade de Kentucky sobre Álvaro Cunqueiro e congresos en Bos Aires e Varsovia, entre outros.
Pola súa banda, a dramaturga e poeta Esther Carrodeguas ten tamén unha sólida traxectoria literaria e escénica marcada polo compromiso social, o feminismo e a loita pola igualdade. Foi candidata aos Premios Max 2023 pola súa obra Supernormais, que aborda a temática da diversidade e que compaxinou con outros proxectos para colocar o teatro galego feito por mulleres no escalafón máis alto a nivel nacional e internacional. Este ano impartiu tamén un dos cursos da Escola de Letras que promoven a Deputación e a Editorial Galaxia.
Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas foron elixidas polo xurado entre un total de dezasete candidatas de distintos eidos do mundo literario, tanto escritoras como tradutoras, críticas ou libreiras, propostas tanto polas integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior como por entidades locais, culturais ou profesionais. O xurado estivo composto por Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación; a técnica deste departamento Ana Isabel Amoedo e varias integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior: Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación; Mariana Carballal, profesora, actriz e directora; Edurne Baines, periodista e editora; Isabel Blanco, avogada e escritora; Mercedes Corbillón, escritora e editora; Anna R. Figueiredo, escritora e profesora; e Silvia Penas, escritora, poeta e profesora.”