Arquivo da categoría: Entrevistas
Carlos Callón: “Hai documentos que nos din moi alto e claro que a diversidade afectiva e sexual existiu ao longo da historia”
Entrevista a Carlos Callón no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Antes de saír do prelo xa causou un maremoto nas redes sociais. Vidas e historias LGBT da Idade Media, de Carlos Callón, estuda e analiza textos literarios, históricos e legais do medievo para descubrimos unha época máis diversa e tolerante do que podíamos supoñer. Describe unha Idade Media onde había mulleres emparelladas, homes que xuraban lealdade por vida a outros homes e mesmo santos trans. A entrevista pode verse aquí.”
María Pilar García Negro: “É indigno que unha gran parte da obra castelaniana fique oculta”
Entrevista de Xacobe Ferreiro a Pilar García Negro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A que responde o coleccionábel Castelao: Sempre en Galiza que Nós Diario publicará baixo a súa coordinación durante todo o mes de abril?
– Pilar García Negro (PGN): O título non só rende tributo de admiración á obra senlleira de Castelao senón que quer sintetizar, coa súa expresión lapidaria, toda unha vida de servizo ao povo galego, tanto na representación artística canto na política, a comezar pola autoorganización, como principio basilar do nacionalismo galego, e na procura de voz propria en todas as institucións de que dependían os destinos da sociedade galega. Subtitulámolo “Unha visión integral do seu pensamento e obra”, para caracterizar mesmamente como toda a súa produción e actividade responden á mesma vocación e partillan idéntica finalidade: proclamar a existencia de Galiza como nación, evidenciar as súas necesidades e problemas, dar conta da sabedoría e riqueza da cultura popular e encarecer a asunción das proprias responsabilidades que temos como povo. A súa obra é, en por si, un acto autodeterminante, dun valor enorme, porque nel se aúnan de forma maxistral o artista plástico, o literato, o pensador, o creador de doutrina política, o representante público, o orador, o ensaísta… Toda unha vida, efectivamente, sempre en Galiza… (…)
– ND: Este coleccionábel ve a luz coincidindo co 75 aniversario da morte de Castelao, unha efeméride que está a impulsar traballos e actividades sobre o intelectual e dirixente nacionalista, mais tamén actos e conmemoracións desde a esfera institucional; considera que Castelao está a ser tratado como debera polas institucións nos últimos anos?
– PGN: Hai 25 anos, a Xunta declarou o 2000 (a 50 anos da morte) “Ano Castelao”. No presente, o mesmo, por tanto, unha especie de “Ano Castelao bis”. A primeira obriga dos poderes públicos sería avaliar o que se fixo nestes 25 anos e con que froitos e resultados. Por exemplo, en 1986 (centenario do seu nacemento), un inquérito daba conta de como era descoñecida a súa persoa e obra. Aumentou o coñecemento popular, xeral, desde aquela? É tratado debidamente no ensino obrigatorio e no universitario? Cantas edicións masivas e asequíbeis da súa obra? Canta xente pode coñecer o fundamental da súa obra artística? Que xestións se fixeron cos proprietarios privados para tentar incorporar obra súa ao patrimonio público?” (…)”
A Catapulta: conversa de Silvia Penas con Samuel L. París
Pilar García Rego: “Unha amiga díxome: ‘Nos teus libros falas de min’”
Entrevista de Samuel Pernas a Pilar García Rego en Faro de Vigo:
(…) – Faro de Vigo (FV): Desaparecer é un título moi suxestivo. A que fai referencia esta desaparición?
– Pilar García Rego (PGR): O libro fala da desaparición como un proceso de crise vital. Chega un momento no que o corpo e a mente piden desaparecer, pero tamén é un proceso de loita e de recuperación. Se un se fixa, o título ten dúas intensidades diferentes. Fala dunha caída, pero tamén dunha reaparición. Non é un libro de autoaxuda, pero si fala dese proceso de superación.
– FV: Como naceu este proxecto? Foi traballado ao longo dos anos ou escribiuno nun período concreto?
– PGR: Escribino cando xa estaba saíndo dunha depresión. Durante esa etapa quería escribir, pero non era capaz. No libro aparecen fragmentos marcados como «audios», que eran notas de voz que gravaba no móbil e que logo borrei porque eran moi duras. A obra ten unha estrutura de diario porque está baseada nesas notas, nun intento de recuperar a miña propia voz.
– FV: Ademais de este chamado proceso de recuperación, que outros temas aborda?
– PGR: Cando pasas por unha crise así, inevitablemente reflexionas sobre moitas cousas: o sentido da vida, a morte, a identidade, a dor. O libro está dedicado á miña nai e ás persoas que a rodeaban. Pero tamén é unha homenaxe a todas esas mulleres que, ao longo da historia, tiveron que ocultar a súa dor e a súa culpa, porque non o puideron expresar, pero que estaba aí. Creo que a culpa é un sentimento moi feminino, moi ligado ao papel que tradicionalmente tiveron as mulleres ao longo da historia. (…)”
Marilar Aleixandre: “Hai persoas que nos cambian a visión, iso é o que fai Castelao cos seus libros e debuxos”
Llerena Perozo: “Hai moitas historias de mullerse rechamantes, pero poucas aínda das ninguén”
Entrevista de María Solar a Llerena Perozo Porteiro no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“María García é un nome común, o nome común dunha muller corrente, ou non tan corrente porque a vida está chea de historias extraordinarias de persoas normais. E esas son as historias que nos contrúen como sociedade.
Llerena Perozo Porteiro escribiu Os anos tranquilos desde as vivencias dunha muller que percorre un século de vida.
A entrevista pode verse aquí.”
Pura Tejelo: “Vestidos de organdí é a recuperación da dignidade”
Entrevista de Pilar García Rego a Pura Tejelo no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Hai tempo que non sei en que cidade estou,
unha campa deserta semiurbana.
Unha xornada de traballo
convertida nun espectáculo fantasma.
Son estes versos de ‘Fotografía nocturna’ un dos poemas que compoñen o último poemario de Pura Tejelo, Vestidos de organdí. Hoxe falamos con ela deste libro editado por Belagua. A entrevista pode verse aquí.”


