Manuel Rivas: “Atráeme o naufraxio na vida”

EntrevistaManuel Rivas a Manuel Rivas en Coruña Daily News:
“(…) – Coruña Daily News (CDN): Como naceu a túa vocación de escritor?
– Manuel Rivas (MR): Non houbo un momento xerminal e puntual que saíse da casa, caéseme un libro na cabeza e dixese quero ser escritor. Cada vez máis o asocio e sitúo co feito de escoitar. Houbo un intre prehistórico anterior, nesa pescuda arqueolóxica e biográfica sobre a miña vocación, que sería a de escoitar. De feito, se teño que elixir unha imaxe na que me recoñeza é a do neno que está a escoitar. E hai un lugar para esa escoita: a casa do meu avó materno. Era un lugar no que se contaban moitas historias. El mesmo era un extraordinario contador de historias, penso que tivo que ser un bo orador na mocidade. Estiveran a punto de matalo no 1936. Sacárono da casa para matalo, pero salvouse. É unha historia literaria tal e como el a contaba. Tiña, a pesares de ter ideoloxías opostas, unha grande amizade co cura de Tabeaio, que era de ideas carlistas e moi tradicionalistas. Ese mesmo cura chegou a cabalo, cun pistolón na man, e dixo: “Soltade a Manuel”, e levouno con el. Entre outras razóns porque sabía que había dez nenos na casa que quedaron chorando esa noite. A pesares dese episodio dramático, no límite entre a vida e a morte, era unha persoa moi extrovertida. Tanto el como o resto da familia. Era unha casa moi aberta, con xente que enchía a atmosfera como as avelaíñas na noite. E eles mesmos soltaban moita avelaíñas, palabras como avelaíñas. Para min, escoitalas era un feitizo.
– CDN: Comezaches escribindo poesía, que che atraía dela?
– MR: Recordo uns xogos iniciais coa máquina de escribir do meu padriño. Eu tíñalle moito respecto pero el sempre me dicía que escribira. Facía cousas moi breves que eu lles chamaba poemas pero eran un xogo. Imitaba ao que dicía miña nai que eran poemas. Na casa non tiñamos libros, pero ela aprendera poemas de Rosalía de memoria. Para min eran como cancións, como parte do folk popular. Pero realmente, cando tiven conciencia de estar escribindo foi nun exame de matemáticas no instituto de Monelos. Foi o primeiro instituto mixto de Galicia e recordo como viña xente dos colexios privados da Coruña a ver como saiamos xuntos os chicos con las chicas, xa que era a época desa canción de Los Bravos. Como dicía, estaba nun exame de matemáticas. Púxenme a escribir nun caderno como se fose un papel en branco para facer operacións. Non foi algo consciente, simplemente púxenme a facelo. O profesor viu, quedouse alí parado, colleu a folla e levouna. Lembro que estaba escrita en galego. Eu pensei que ía botarme unha bronca. Era un home moi serio, de lentes grosas. Cando volveu díxome: “No está mal, pero es muy triste. Ustedes siempre escriben cosas tristes”. Eu pensei: “De que tribo está a falar?”. Vinme incorporado a algo do que non era consciente. Ese foi o meu comezo. (…)
– CDN: Entón, como é o teu proceso creativo?
– MR: Penso na idea de feitizo, de converterte na chamada popular do corpo aberto. Penso que todos temos esa condición de ser un refuxio de vidas. Somos dalgún xeito unha arca, un peto de ánimas, no sentido de vida. E eu non vexo esa condición como unha especie de renuncia, como se foses absorto por outra vida. Penso que o que hai que conseguir é crear un hábitat. O suceso máis interesante é ese, que sexas capaz de crear un espazo no que os personaxes se sintan ben, que acepten a túa presenza e compaña. Ese personaxe que entrou nese espazo, que antes nin coñecías nin sabías que existía, tes que saber escoitala e darlle a liberdade para poder seguila, ter unha relación de confianza que permita seguir o seu camiño e avanzar no enigma que eses personaxes son. En definitiva, crear un encontro de voces que se axudan. (…)”

Questionário fou(cinha): Iolanda Zúñiga

Entrevista Iolanda Zúñigaa Iolanda Zúñiga na Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– Iolanda Zúñiga (IZ) Teño cadelas e gatas. Unha delas dependente. Entre iso, o esforzo que supuña escribir e currar a un tempo, e algúns misóxinos polo medio aos que lles cedín fragmentos de vida, pois… pasaron seis anos.
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– IZ: Nin o primeiro nin o segundo. Creo. Aínda máis, con relación a un texto, o xurado pensou que fora redactado por un home. De feito, souben que algún tipo se masturbou cun fragmento. Aí sentinme empoderada, hahaha. (…)
– S: Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
– IZ: Nunca, tampouco. Vese que me tocaron bOs xornalistas.
– S: Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
– IZ: Moitas. Mesmo non sendo poeta, senón narradora. Creo que é peor o segundo que o primeiro. (…)”>/p>

Henrique Monteagudo: “A liberdade normativa é factible con certas condicións”

EntrevistaHenrique Monteagudo a Henrique Monteagudo en Quilombo Noroeste:
“(…) – Quilombo Noroeste (QN): Deu um curso na Universidade Federal Fluminense baixo o título “A língua no tempo, os tempos na língua. O galego, entre o português e o castelhano”. Em que elementos centrou o seu relatório?
– Henrique Monteagudo (HM): Non é doado de resumir en poucas liñas, pero falando en xeral presentei a evolución do galego no marco peninsular, e máis en concreto en relación coa do portugués e o castelán, mostrando en que puntos se pode falar de evolución conxunta do galego e o portugués desde a Idade Media, en que outros de evolución diverxente, e tamén as converxencias, coincidencias e diverxencias do galego con respecto ao castelán e entre este e o portugués. A historia lingüística de todo o conxunto centro-occidental da península resulta bastante máis complexa do que poida parecer a primeira vista. Tamén pretendía chamar a atención sobre o estudo da constitución e evolución das variedades estándar como un necesario interface entre as denominadas historia interna e historia externa da lingua, e pór de vulto que a aplicación mecánica e adoito anacrónica da noción de ‘lingua’ pode resultar máis prexudicial que esclarecedora cando estudamos a evolución dunha serie de variedades veciñas, dispostan en continuum, de entre as que se destacan varias variedades cultivadas. A idea é que o galego experimentou importantes evolucións conxuntas co portugués a finais da Idade media, outras co castelán (pero non necesariamente inducidas por este) e outras autónomas e diverxentes en relación tanto con un coma co outro idioma. (…)
– QN: Pensa que se têm aproveitado na política linguística galega as vantagens internacionais da nossa língua?
– HM: Na miña opinión, dentro das graves deficiencias da política lingüística do goberno galego, atópase, sen dúbida, a falla dunha liña clara e activa de conexión cos países e culturas de expresión portuguesa, que debe ser unha das prioridades estratéxicas dunha (practicamente inexistente) acción exterior das institucións galegas, non só nos ámbitos lingüístico e cultural. (…)
– QN: Que lhe parece a proposta de liberdade normativa para o caso galego que faz o professor Lagares?
– HM: Hai cousa de vinte e cinco anos publiquei na revista Grial un artigo “Sobre a polémica normativa do galego” que ía moderadamente nesa liña. Non creo que unha liberdade normativa total fose positiva para o idioma, pero si que é factible con certas condicións. Dito o cal, teño a certeza de que cando o colega Xoán Lagares fala da “identificação entre língua e norma, ou mesmo (o que seria ainda mais grave) entre língua e ortografia” está pensando tamén en sectores do reintegracionismo que cometen ese erro. Si, lamentablemente, esa identificación errónea é moi frecuente en Galicia en amplos sectores, e constitúe un serio malentendido que sería preciso esclarecer. (…)”

Questionário fou(cinha): María Reimóndez

EntrevistaMaría Reimóndez a María Reimóndez na Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– María Reimóndez (MR): A min tócame a outra cara desta historia, porque non teño fill@s. Hai pouco tempo fun cunha comercial dunha editora a un centro de ensino e, comentando que fago mil cousas e que ando sempre de arriba para abaixo, díxome: ti o que tiñas era que ter un fillo, así parabas. Eu pensei que estaba de broma pero insistiu. Resúltame tan preocupante o feito de pensar que unha non sabe o que quere (levo toda a vida co de “xa cambiarás”, a sorte de facer anos e que deixan de insistir) como o de pensar que andar dun lado para outro e facer mil cousas é indesexable nunha muller e precisa como cura dunha OCUPACIÓN que absorbe a existencia como é aquela de criar outro ser humano…
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– MR: Esta é outra ladaíña recorrente das entrevistas. Eu sempre contesto que se a Manolo Rivas lle preguntan se escribe para homes, porque os seus libros están protagonizados por homes e tratan temas que lles deberían de interesar a eles.
A miña literatura preséntana moitas veces así, e sobre todo como IDEOLÓXICA. Isto é o que máis me define. As novelas de tese e as cousas ideolóxicas. De feito é tan recorrente e aburrido o asunto, tan significativo dunha maneira de ler absurda e sen criterio por parte de certa “crítica” que creo que se cadra a partir de agora só debería dar como explicación de cada libro que é unha novela de tese ideolóxica porque con iso parece que xa queda todo o mundo literario dunha explicado. O patriarcado ten estes modos e maneiras. (…)
– S: Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
– MR: Creo que poucas porque xa se sabe que son unha radical feminista bisexual que come homes por traumas da infancia (como me puxo un comentarista moi agudo unha vez nun artigo de prensa sobre calquera cousa non relacionada con ese “tema”). Se cadra tamén porque manifestei varias veces que dado que pasara uns vinte anos da miña vida lendo homes (por obriga moitos deles) tiña que pasar outros vinte lendo principalmente mulleres. Agora caín no vicio e de homes a verdade é que me declaro ignorante, así que rara vez sacan nada proveitoso de tal pregunta. (…)”

Questionário fou(cinha): María N. Soutelo

EntrevistaNeves Soutelo a María N. Soutelo na Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– María N. Soutelo (MNS): Non teño fillxs. E, se teño tempo, adícoo máis á lectura que á escritura últimamente.
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– MNS: Escribo para quen queira ler(me). Pero si é certo que, ós poucos, voume centrando máis no público feminino. Non para tratar “temas de mulleres” entendido dende un punto de vista masculino (ese pequeno espazo rosa e cursi, cheo de beleza, sentimentos puros e sen reivindicacións que pretenden endilgarnos os escritoros…), pero si aquilo que nos preocupa, nos atinxe e nos move (ou debería movernos) como parte implicada nun sistema social e cultural claramente machista. (…)
– S: Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
– MNS: Cada vez que mo pregunta(ro)n, contesto/ei con outra pregunta.
– S: Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
– MNS: Unhas cantas. Pero dise poeta. Encárgome ben de recordarllo. (…)”

Questionário fou(cinha): Marta Dacosta

EntrevistaMarta Dacosta a Marta Dacosta en A Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– Marta Dacosta (MD): Boa pregunta! Reciclo o tempo. Cando conduzo, cando camiño ou cando nado. Ou no tempo que queda entre o almorzo e a saída para o traballo (algo que, precisamente, fago moi cedo para coincidir co meu fillo).
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– MD: Escribo do que me peta, do que sinto. E sinto como muller galega que son. Eu escribo para quen me queira ler dándolle voz a quen non a ten, e esas son maioritariamente mulleres.
Si. O que eu escribo ten sido cualificado como literatura feminina. (…)
– S: Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
– MD: Sempre que me preguntan por referentes literarios.
– S: Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
– MD: Varias. E sempre corrixín o termo. Ultimamente cito a Rosalía: “esta palabra xa chegou facerme dano…” di na Carta a Eduarda. (…)”

Luz Pozo Garza: “A razón serve para sobrevivir, pero non para comprender a vida”

EntrevistaLuz Pozo a Luz Pozo Garza en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): E a palabra, o corpo da idea, cal é o seu poder?
– Luz Pozo Garza (LPG): O de comunicarnos; case todo o que pensamos, sentimos, soñamos está nas palabras. Agora ben, a palabra hai que ter moito coidado con ela…
– LVG: A palabra devolve a vida, di a Rosa tántrica.
– LPG: Si, dá vida, pero ás veces dá mágoa escoitar as cousas que se din. Usamos mal as palabras. Debiamos estar máis calados, eu a primeira! Naces co desexo de falar, de escribir, pero case sempre estás mellor coa boca pechada.
– LVG: A escrita poética é diferente. Ten outra fondura na voz.
– LPG: A poesía é, como a música, moi esixente. Vai contigo, dentro, pode dominarte. Agora que vexo este libro [Rosa tántrica] penso que podería escribir outro mellor. Co traballo na palabra nunca se está satisfeito. (…)”

Miguel Mato: “O relato son voces interiores que van xurdindo arredor de evocacións”

EntrevistaMiguel Mato a Miguel Mato en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cal é o atractivo que fai tan especiais aos pequenos relatos?
– Miguel Mato (MM): Os relatos deberan ser caracterizados pola súa realidade e pola eliminación de elementos superfluos, por tanto, haxa ou non argumento visíbel debe responder a estas características, tendo en conta o estilo do autor: náis poético e cunha linguaxe máis concisa. Carlos Casares dicía que a linguaxe non se debería notar. Eu non estou dacordo, porque o relato pódese basear moitísimo na linguaxe. Virginia Woolf e Marcel Proust son bon exemplo.
– SG: Na súa obra destacan a poesía e o ensaio, escribe máis narrativa da que publica?
– MM: Eu non teño unha gran precisión de xénero. Escribo ensaio, mais pretendo que sexa creativo. Na base, penso que escribo poesía. Os relatos fágoos moi líricos, seguindo en certa medida as directrices de Virginia Woolf e de todo o que foi a novela lírica. Son textos nos que non ten moita importancia o argumento, senón que o relato son voces interiores que van xurdindo arredor de evocacións, do tempo ou, mesmo, da morte. (…)”