Desde Sermos Galiza:
“O pasado sábado, día 15 de xuño, a tenda OZOCOgz entregou os premios da 7ª edición do seu concurso literario durante un acto celebrado no ApartHotel Arenteiro (Carballiño) ao que acudiron máis dun cento de persoas.
O primeiro premio foi para o relato Muller azul de Xoaniña, pseudónimo baixo o que se agocha Concha López Fernández. A gañadora foi obsequiada cun diploma, un regalo de OZOCOgz, un vale por una fin de semana no mesmo hotel do Carballiño, un lote de libros e un obsequio artesanal realizado polos usuarios de ASPADISI.
Como finalista quedou Susana Villamor Prieto con Adeus Manuel, quen xa obtivera o primeiro posto na edición de 2017. Como premio agasallóuselle un diploma, un presente de OZOCOgz e outro feito por ASPADISI e un lote de libros.
A temática escollida para o concurso deste ano foi a muller a través do feminismo. O xurado encargado de decidir as gañadoras estivo composto polas escritoras Ana Cabaleiro, Cruz Martínez, Tamara Andrés e Lucía Rodríguez, gañadora do concurso no ano anterior.”
Arquivo da categoría: Premios narrativa: ditames
Amador Castro, Emma Pedreira e Rosa Aneiros, Premios Xerais 2019
“En Vigo, o sábado, 8 de xuño, anúnciase o ditame da XXXVIª edición do Premio Xerais de Novela, a XIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, os tres premios dotados con 10.000 euros cada un.
Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros, Premio Merlín de Literatura Infantil, 2019
O xurado da XXXIV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 28 obras, está formado por: Sabela Fernández Trelles (profesora e asesora en Educación Infantil e Primaria), Sira González Rodríguez (bibliotecaria), María Jesús Iglesias García (profesora de Educación Infantil e Primaria), Ángel Iglesias Mariño (profesor e membro de Espazo Lectura), Andrés Meixide Gayoso (deseñador gráfico e ilustrador) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire que actuou como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: Berta Spencer, Efebeí e Nimbostrato.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Nimbostrato, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Xelís, o guieiro das botellas de mar.
Xelís, o guieiro das botellas de mar
O xurado destaca a excepcional construción dun universo propio, habitado por unha rica galería de personaxes que se sitúan entre o fantástico e o real, para tratar a problemática actual da crise ecolóxica e da contaminación do plástico. Salienta tamén a presentación do conflito entre tradición e cambio, así como a defensa do pensamento crítico e autónomo e a unión solidaria como medios para solucionar os problemas aos que se enfronta a humanidade. A historia está tecida mediante o uso dun galego de gran riqueza léxica que, con todo, non dificulta a perfecta accesibilidade da lectura.
Rosa Aneiros ao coñecer o fallo dixo:
“Agradezo moito ao xurado que escollese a Xelís, o guieiro das botellas de mar como gañadora do Merlín porque é unha obra de denuncia do deterioro do planeta, en particular dos océanos pola contaminación dos plásticos, pero tamén unha obra de esperanza sobre o poder da amizade e da forza do nós. Sempre hai unha botella ao mar para bisbarnos á orella. Ademais, no mes de xuño de hai dez anos recibía o premio Xerais e o agora chamado Jules Verne de literatura xuvenil, así que este premio é unha gran maneira de conmemoralo. Estou desexando que Colérica, Estrafalaria, Mult, Ilva, os sete guieiros da illa de Otlic e Jonàs cheguen ás mans das nenas e nenos para compartir a súa grande aventura a través do mar.
Os corpos invisibles de Emma Pedreira
Premio Jules Verne de Literatura Infantil, 2019
O xurado da XI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 20 obras, está formado por: Javier Balea (divulgador científico, creador de “Moléculas en galego”), María Cerdeira González (estudante de Ciencias da Educación), David Díaz Díaz (profesor de Lingua galega e literatura, coautor de “Bolboretas no bandullo”), Tensi Gesteira Estévez (responsable do blog “Lecturafilia”), Olga Nogueira (profesora de Lingua galega e literatura) e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actuou como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: Prometea, Dunas, Todo é fume? e Ada Lovelace.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Prometea, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Emma Pedreira e corresponde ao título Os corpos invisibles.
Os corpos invisibles
No seu ditame, o xurado Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil sinalou o seguinte:
“A orixinalidade da perspectiva adoptada para o desenvolvemento da trama; a innovación no seu achegamento a un clásico universal e ás autoras inglesas da época vitoriana; o firme feminismo da obra; o retrato social focalizado en problemáticas femininas e a visibilización do papel das mulleres. Tamén destacan o tratamento da violencia económica e a loita por ver recoñecidos os logros científicos e intelectuais das mulleres fronte á apropiación que deles fixo o patriarcado ao longo da historia.”
Emma Pedreira explicou que:
“Gañar o Jules Verne é unha absoluta sorpresa. Téñolle moitísimo respecto á literatura escrita para ese que é o público máis esixente, natural, curioso pero tamén o máis agradecido, o infanto-xuvenil. Tardei en chegar ate aquí e decidirme a escribir unha historia que me levase a dialogar coa xente máis nova ou, mellor aínda na que eu puidese facer de medium para que a historia fale coa rapazada a través de Os corpos invisibles. Todas as propostas que se artellan nesta novela entre histórica, metaliteraria e extravagante conflúen nun punto coñecido: as mulleres. As escritoras, as científicas, as traballadoras, as nais, as nenas esclavas, as rapazas que están a descubrir a súa sexualidade ou de que vai o mundo. Todo desde a ollada de L.C, unha rapaza de hai case dous séculos, traballadora dunha fábrica téxtil en plena revolución industrial e a dunha muller de clase alta, Prometea Stoner, unha vella amiga daquela escritora que a principios do XIX escribiu a primeira novela de terror da modernidade, Frankenstein.
Os corpos invisibles é, en clave ás veces de humor e outras veces de crítica social, unha crónica da desigualdade de clases mais tamén das discriminacións e violencias que, por xénero, viviron as mulleres que non puideron crear asinando cos seus nomes e deixaron os seus corpos invisibilizados para a historia.”
Shanghai a Barcelona, de Amador Castro
Premio Xerais de Novela 2019
O xurado da XXXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: Ana Belén Moreda (profesora), Carlos Feijoo (avogado), Helena Torres (xestora cultural), Nuria Vil (poeta), Ana Abelenda (xornalista) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuou como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: Tras de min a terra queimada, peixe globo e Karolina.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Tras de min a terra queimada, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Amador Castro e corresponde ao título Shanghai a Barcelona.
Shanghai a Barcelona:
Unha novela sobre a emigración galega a Barcelona.
O xurado do premio Xerais de novela 2019 estima que Shanghai a Barcelona presenta un orixinal emprego das voces narrativas, fiadas unhas con outras con afán de continuidade; destacamos a viveza e naturalidade dos diálogos e a efectiva creación dunha atmosfera abafante ao longo de toda a novela, alén da fusión dun rexistro coloquial nos personaxes cunha linguaxe lírica presente en forma de haikus.
Valoramos especialmente o contraste de espazos urbanos -nomeadamente a cidade de Barcelona- e outros situados no rural galego, sen esquecer o retrato singular da migración galega a Barcelona.
A xuízo do xurado esta é unha novela situada nun non-lugar literario, de difícil clasificación e, polo mesmo, de elevada orixinalidade.
Amador Castro declarou:
“Comecei tarde nisto da novela. Non na literatura. Os poemas da adolescencia quedaron alí, agás os que publicou Xosé Lois García na súa escolma de poesía galega. Quedou a revista de poesía que editabamos entre catro amigos da man de José Carlos Menéndez, Isabel Clara-Simó e Àlex Broch. Cada un dos catro foi ao del. Un a Saint Louis University. Outro ao negocio familiar. O terceiro profesor de instituto. Eu atopei na informática o máis parecido a un proceso creativo. E os anos pasaron a ritmo vertixinoso sen sequera darme tempo de aprender o retrouso. Para máis eses anos non foron quen de matar o verme literario que seguía a roer por dentro.
Un día atópaste con tres novelas no peto. Andas xa dándolle voltas á seguinte. A que absorberá os teus miolos durante uns meses. Soa o teléfono. Número descoñecido. Oes un rebumbio de xente do outro lado. “Ola son Fran Alonso”. E ti non sabes quen é Fran Alonso pero semella moi ledo de falar contigo. Ese home que non coñeces, dáche unha nova que, de non te coller sentado, sería para caer de cu: “Parabéns, es o gañador do Xerais 2019”. E non o podes crer. Van pasando o móbil de man en man, todas as persoas do Xurado. Parabenízante todas. Mentres ti vas sentado no “Dragonchain” a toda velocidade, subindo e baixando costas e espirais, incapaz de pechar a boca e cun nó no estómago. Do doutro lado da liña todo é ledicia e amabilidade. Do teu lado un trebón que te abanea de lado a lado, unha cicloxénese explosiva que arrasa coa tranquilidade que estabas a vivir nas praias de Menorca.
Agora, éncheme o corpo todo un enorme sentimento de agradecemento para toda a xente que sempre creu en min.”
A festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.
Vigo, 8 de xuño de 2019″
Fallado o XIV Premio de Narración Curta Concello de Curtis
“O xurado do certame do XIV Premio Narración Curta Concello de Curtis fallou xa os premios destacando o alto nivel dos relatos presentados, así como o récord no número de participantes, 115 de toda Galicia.
A proposta temática deste ano foi un reto literario no que se convidou á xente a escribir un relato no que tiñan que aparecer vacas, un tren e… zombis!
O Concello de Curtis convoca este galardón desde hai catorce anos co fin de promocionar as letras galegas.
Os premiados:
CATEGORÍA A (xente nova)
1º premio de 200 euros para Nee Barros Fernández, de Marín, polo seu relato RE(IN)SURRECCIÓN.
2º premio de 100 euros para Alba Guzmán Falcón, de Ourense, polos seu relato RESURRECCIÓN.
CATEGORÍA B (xente adulta)
1º premio de 350 euros para Antonio Piñeiro, de Ribeira, polo seu relato ONDE NOS LEVEN.
2º premio de 150 euros para Emma Pedreira e Eli Ríos, da Coruña, polo seu relato ZETAVACAS.
O xurado estivo formado polo escritor Antonio Manuel Fraga e pola gañadora da edición anterior, Elena Pérez Vázquez, xunto coa coordinadora do certame, Lucía Aldao, con voz e sen voto.
Os galardóns entregaranse o 7 de xuño.”
Coñécense as obras gañadoras do II Certame de microrrelatos convocado por Punto.gal e a Real Academia Galega
Desde a Real Academia Galega:
“”A fiestra” é historia gañadora do primeiro premio na modalidade de adultos do II Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. A súa autora, Jessica Rodríguez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, só precisou 85 palabras para crear o impactante relato que abre a publicación dixital que xunta os nove textos gañadores da convocatoria, á que concorreron preto de medio milleiro de propostas. Os galardóns foron entregados na tarde de onte no salón de actos da RAG, onde a logopedista e as demais persoas galardoadas foron convidadas a ler cadansúa narración, dispoñibles nesta ligazón. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o presidente de PuntoGal, Manuel González, agradeceron a súa participación e a de todas as persoas que concursaron nun certame que ten como obxectivo reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital.
Alén da publicación na Rede dos microrrelatos, o concurso inclúe diferentes premios de perfil tecnolóxico, desde un MacBook Air a libros electrónicos e, no caso dos primeiros e segundos premios de cada categoría, un dominio .gal gratuíto durante un ano. Os premios contan ademais coa colaboración da revista Luzes, onde tamén se publicarán os nove relatos galardoados.
Víctor F. Freixanes salientou que a irmandade entre a Academia e PuntoGal na convocatoria desde concurso é un exemplo de que o compromiso da RAG se estende alén do coidado e a actualización permanente do idioma. “Hai que traballar tamén para que lingua sexa un vehículo de modernidade, para vivir na contemporaneidade e nas novas tecnoloxías da información e a comunicación”, expresou. “Se algunha razón ten de ser .gal, é a de reforzar a nosa identidade no mundo. Querémoslles dicir a todas as persoas cando abren un dominio .gal, sexa nos Estados Unidos, no Brasil, na Arxentina, no Xapón, na India, que existe unha lingua galega, unha cultura galega”, engadiu Manuel González.
Xunto aos responsables de ambas as institucións, na entrega dos premios tamén participaron a académica correspondente Mercedes Queixas e o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, todos eles membros do xurado. Darío Janeiro animou os gañadores a seguir creando en lingua galega e a facelo desde os seus propios dominios .gal e a escritora agradeceulles a todos os concursantes “o inmenso pracer da lectura”. Mercedes Queixas quixo recoñecer ademais o “labor mediador” das persoas que convidaron a escribir e a mostrar, especialmente nas categorías de infantil e xuvenil.
O primeiro premio na modalidade xuvenil foi para o relato “Cacería nocturna”, do coruñés Óscar Fernández Freire, alumno de bacharelato do Colexio Eirís. A súa é unha historia de 116 palabras que non é o que parece e que consegue arrincar un sorriso final. Claudia Martínez Asenjo, alumna de sexto de primaria do CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela, mereceu pola súa parte o primeiro premio da modalidade de infantil por “O valor dos nomes”, 192 palabras sobre a importancia de lles dar na infancia nome propio a aquelas cousas que máis se aprecian.
Na modalidade de adultos, o segundo premio foi para “A primeira palabra”, un texto que mira o futuro da lingua con optimismo asinado pola química e divulgadora científica Ángela Arnosa Prieto, veciña de Naraío (San Sadurniño) de 22 anos; e o terceiro foi para Eduardo Cameselle Iglesias, vigués de 75 anos e enxeñeiro técnico xubilado, por “Black Friday”, unha historia que denuncia as traxedias vitais que se repiten arredor da chamada inmigración irregular.
Martina Lois Cuns, estudante de bacharelato do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, mereceu o segundo premio na modalidade de xuvenil por “Un día máis”, apenas 83 palabras que colocan o lector desde a primeira persoa na pel dunha vítima de abusos sexuais; e Cristina Fojo Rubio, alumna do bacharelato do Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña, gañou o terceiro con “O amigo mar”, un drama con final feliz.
O xurado tamén distinguiu co segundo e o terceiro premio da modalidade de infantil os relatos “A fada Every”, de Alba Díaz Mera, alumna de sexto de primaria do CEIP A Gándara de Narón; e “O can enxesado”, de Pablo Mirás Sánchez, estudante do mesmo curso no CEIP de Rebordáns de Tui.”
Antonio Piñeiro gaña o VII Premio Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira coa obra Celada
“Antonio Piñeiro foi o gañador do VII Premio Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira coa obra Celada.
O xurado estivo composto por Antonio Tizón, galardoado na pasada edición, Xoán Xosé Fernández Callón, Alicia Padín Otero e Manuel Bragado Rodríguez. Optaron pola obra de Piñeiro entre as once presentadas este ano, destacando a contribución histórica dun texto que se mergulla nas revoltas estudiantís de Santiago nos anos setenta. Indicando que “estamos ante unha moi valiosa contribución literaria, unha novela política e poética, narrada por un personaxe colectivo, unha voz anónima que fala tanto da vida cotiá coma dos recunchos de Compostela”. “É unha colección de batallas que, dada as súa transcendencia, deben quedar para a Historia”. “Unha obra que convén reler”.
A nova deuse a coñecer ao público no acto que tivo lugar o 30 de maio no Salón de actos do Concello de Ribeira. A novela será publicada por Xerais ao longo do vindeiro ano.”
José Carou Rey gaña o XVIII Premio Antón Avilés de Taramancos
Desde Fervenzas Literarias:
“José Carou Rey vén de gañar, co seu libro Desvelando a Ademar Escambia, o XVIII Certame de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o Concello de Noia e organiza a revista ‘Casa da Gramática’ do IES Virxe do Mar.
O xurado desta edición estivo formado por Xerardo AgraFoxo, Xavier Castro, Antonio Piñeiro e Baldo Ramos, actuando como presidente o alcalde de Noia Santiago Freire e como secretaria Oliva Fraga, responsable da Casa da Cultura de Noia. O xurado declarou o traballo de Carou Rey gañador por maioría.
Como voceiro do xurado, Antonio Piñeiro referiuse á obra gañadora como dunha “pescuda ou exploración sobre a vida de Ademar Escambia, un actor de cine fantástico que, por causas que no libro se desvelan, suicida, feito que leva a súa dona e ao seu fillo visitar a cidade de Sitges cando se celebra o Festival de Cine Fantástico, para pescudar na vida de Ademar. O libro conta cunha bonita carga de erudición, cunha bonita carga de afección cinéfila, e cunha linguaxe moi dotada, esteticamente moi apreciable, gramaticalmente moi correcta e con moito oficio”.
Á parte da cantidade económica estipulada nas bases, Desvelando a Ademar Escambia será publicado nas vindeiras datas pola editorial Toxosoutos e o gañador recibirá unha escultura do artista noiés Alfonso Costa. (…).”
Premiados no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo
Desde o Concello de Arteixo:
“O xurado composto por Charo Pita Villares (gañadora da 27ª edición), Inmaculada Otero Varela (representante da Asociación Galega da Crítica), Xabier López López (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), reunido o pasado 27 de abril, decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras:
1º. A casa das Castrouteiro, de Daniel Barral Calvo.
2º. A idade do escarnio, de Tito Pérez Pérez.
3º. Crónica de ningures, de Francisco Rozados Rivas.
De todos os relatos recibidos, case setenta foran admitidos a concurso por cumpriren estritamente as bases.
A coordinación agradeceu un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego. Entregaron os premios Ana Bello Vázquez, concelleira de Cultura e Festas, Valentín García Gómez, Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Carlos Calvelo Martínez, alcalde do Concello de Arteixo.
O acto de entrega, presentado por Alfredo Ferreiro, ofreceu ademais a actuación Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, co seu espectáculo Os contos de Joselín e unha lembranza de Antón Fraguas, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. (…)”
Fallo do Certame de Microrrelatos Día do Libro 2019
“O 7 de maio de 2019, fanse públicos os premios do Certame de Microrrelatos organizado polo Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ, con motivo da celebración do Día do Libro 2019.
O xurado, que estivo formado, por:
– Armando Requeixo, escritor e crítico literario.
– Mercedes Queixas Zas, profesora, escritora e secretaria xeral da AELG.
– Ánxela Gracián, escritora e tradutora.
– Martiño Maseda, poeta e administrador de Culturalia GZ (con voz e sen voto).
– Patricia Teijeiro, concelleira de Educación e Participación Cidadá (con voz e sen voto).
Determinou os seguintes premios:
– CATEGORÍA INFANTIL:
1º PREMIO para Nerea Villar Ferreiro polo microrrelato A historia da Pravia.
2º PREMIO para África Montenegro Leal polo microrrelato O paraugas máxico.
3º PREMIO para María Otero Díaz polo micorrelato Un ancián feliz.
– CATEGORÍA XUVENIL:
1º PREMIO para Mariña Maceiras Segovia polo microrrelato Perspectiva.
2º PREMIO para Nee Barros Fernández polo microrrelato Relax-acción.
3º PREMIO para Sandra Rodríguez Macía polo microrrelato A pantasma.
– CATEGORÍA ADULTOS:
1º PREMIO para Patricia Torrado Queiruga polo microrrelato Da estirpe ágrafa.
2º PREMIO para Raquel Fernández Fernández polo microrrelato Silencio.
3º PREMIO para Beatriz López Dorado polo micorrelato Polo recheo ao forno.
A entrega de premios será o venres día 10 de maio de 2019 ás 20: 00 horas na Casa da Cultura de Vilalba.”
Finalistas do 28º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo
“O xurado composto por Charo Pita Villares (gañadora da 27ª edición), Inmaculada Otero Varela (representante da Asociación Galega da Crítica), Xabier López López (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), reunido o pasado 27 de abril, decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (por orde alfabética de autor):
– A casa das Castrouteiro, de Daniel Barral Calvo.
– Crónica de ningures, de Francisco Rozados Rivas.
– A idade do escarnio, de Tito Pérez Pérez.
A cerimonia de entrega de premios celebrarase o próximo 9 de maio, xoves, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo, e contará coa actuación de Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín.
O Certame de Arteixo acrecenta en 2019 a dotación dos premios en máis 1.300 euros, ofrecendo 4.000 € para o primeiro, 1.500 € para o segundo e 600 € para o terceiro, ademais da publicación da obra nun volume colectivo.
Rematado o acto, que incluirá unha lembranza de Antón Fraguas, escritor homenaxeado no próximo Día das Letras, ofrecerase un viño de honra.
A coordinación agradece tamén este ano a colaboración na formación do xurado (por regra, paritario) da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega así como da Asociación Galega da Crítica, o que axuda a asegurar un criterio literario cun rigor e unha calidade fóra de toda dúbida.”
A noite do lobo, de Abel Tomé, gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2019
Desde Galaxia:
“O 4 de maio na Fundación Barrié de Vigo (Policarpo Sanz, 31) entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia.
O gañador desta terceira edición foi Abel Tomé coa novela A noite do lobo. A obra desenvólvese nunha época remota no acervo galaico portugués pero conta con referencias actuais e remniscencias a David Lynch, a Mary Shelley e incluso a Cortázar. O relato, protagonizado por un atípico cazador de lobos, é unha defensa do patrimonio natural no que tamén destaca a forza do pobo contra o poder e a perspectiva anticolonial. O xurado, composto pola lectora Paz Raña Lama, a escritora Iolanda Zúñiga e a xornalista Ana González Liste, valorou que nesta novela “o autor emprega unha prosa dinámica, contida, na que nada sobra e coa que logra construír imaxes contundentes”. Ademáis, subliñan que “o dominio da lingua e a escolla dos topónimos e antopónimos colaboran, sen dúbida, a engrandecer a ficción”.
Antía Yáñez, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Abel Tomé dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista Marta Lorenzo. A escultura, ao igual que os anos anteriores, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa Su Garrido Pombo, cantante e compositora galega radicada en Vigo, que interpretou temas baseados en poemas de Ana Romaní ou Iolanda Zúñiga. (…)
A Editorial Galaxia contou nesta edición coa colaboración de Ámbito Cultural de El Corte Inglés e a Fundación Barrié. O acto tamén contou coa presenza de representantes políticos de todas as forzas políticas e numerosos escritores, xente de cultura e moita xente nova que quixeron apoiar coa súa presenza este certame.
A mantedora do acto foi Malores Villanueva (Editora da Editorial Galaxia) e tiveron breves intervencións Francisco Castro (Director Xeral da Editorial Galaxia) e Antón Vidal (Presidente da Editorial Galaxia), así como Antía Yáñez e o propio gañador.”