Desde
Sermos Galiza:
“Nai, un poema de Miguel Cavadas Docampo, que achega “unha ollada descarada e subversiva cara tanto a maternidade como a identidade de xénero”, alcanzou o primeiro premio do V Concurso literario Mazarelos organizado pola Facultade de Filoloxía da universidade compostelá.
As gañadoras do segundo e terceiro premio foron María Caíña Hurtado e Paula Marina García Pardavila. María Caíña foi distinguida cun segundo premio por Dous gatos a discutir a autenticidade do rato, composición da que o xurado destacou a súa “orixinalidade, sobre todo formal, así como a súa vontade de crítica social a través do xogo metapoético”.
Formas de determinación é o título do poema de García Pardavila, do que o xurado salienta “a súa ollada potente cara ao mundo, que logra poemas e imaxes suxestivas, evocadoras, alén de fiar un discurso co combina o cotián co filosófico”.
O xurado do V Premio Mazarelos da USC foi composto polas escritoras Inma López Silva e Estíbaliz Espinosa Río, as profesoras María Teresa Amado Rodríguez e Ramón Mariño Paz mais a gañadora da pasada edición, Arancha Rodríguez Fernández. Os premios do certame están dotados con 700, 400 e 200 euros e un diploma honorífico e na presente edición concorreron un total de trinta e seis obras.
A USC, a través do Servizo de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, promove este premio coa intención de “fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como a contribuír a descubrir potenciais figuras da literatura na nosa lingua”. O Concurso literario Mazarelos conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza.”
Arquivo da categoría: Premios poesía: ditames
Domingo Tabuyo inaugura o palmarés do Premio de Poesía Camiño de Santiago
Desde
a Academia Xacobea:
“A primeira edición do Premio de Poesía Camiño de Santiago convocado pola Academia Xacobea co patrocinio de Edicións Carena e a colaboración de Secretaría Xeral de Política Lingüística estreouse cunha boa acollida e un gran nivel de calidade. Un total de 18 obras enviadas desde distintos puntos de España e América concorreron a este certame co que a entidade con sede en Santiago de Compostela afonda no seu afán de dar presenza ao Camiño e ao fenómeno xacobeo no eido da literatura.
Tras examinar e valorar todas as obras, o xurado acordou por unanimidade conceder o galardón a Das viaxes maiúsculas, o orixinal presentado polo profesor do IES Asorey, de Cambados, Domingo Tabuyo baixo a plica Das reflexións imperfectas. O xurado valorou a súa “brillante imaxinería poética e a súa innegable capacidade simbólica, que invita ao lector a adentrarse no cosmos xacobeo a través dunha escritura fondamente conceptual e suxestiva, que se serve con mestría do endecasílabo branco e o verso libre”. (…)
O catedrático Eduardo López, como presidente; o editor Jose Membrive, a escritora Rosalía Morlán Vieites, o crítico literario Armando Requeixo Cuba e o xornalista e poeta Jose Manuel Blanco (Pati Blanco), como vogais, e Ulises Bértolo, como secretario, foron os integrantes do xurado.
O gañador recibirá un premio económico de 1.500 euros e a obra será publicada nunha edición bilingüe en galego e castelán. (…)”
Francisco Javier Fernández Davila gaña o XII Premio Victoriano Taibo con Mover os marcos
Desde
o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O xurado do XII Premio de Poesía Victoriano Taibo celebrou este mércores a súa deliberación na sede do Instituto de Estudos Miñoranos, en Gondomar. A obra escollida foi Mover os marcos que, unha vez aberta a plica, resultou corresponder á autoría de Francisco Javier Fernández Davila (Vigo, 1974).
O poemario do vigués foi destacado polo xurado entre as outras dúas obras finalistas, Parafilias e Unha muller pola metade.”
Xosé Miguel Barrera Vázquez gaña o XLV Certame Literario do Concello de Vilalba
Desde
o Certame de Vilalba:
“O Concello de Vilalba vén de anunciar o gañador do XLV Certame Literario de Poesía despois de que o xurado emitise na tarde do 19 de agosto o fallo. Lidos os 36 libros presentados a este Premio dotado con 7.000 euros, flor natural e diploma, acordouse por unanimidade proclamar gañador o poemario presentado co título Poema da rúa das aves, do autor Xosé Miguel Barrera Vázquez.
O xurado, presidido pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, estivo formado por expertos no eido literario: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, Catedrático de Historia; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal e Xulio Xiz, xornalista.
Xosé Miguel Barrera é natural de Vilalba, aínda que actualmente reside na vila madrileña de Torrelaguna, sendo membro do Grupo Bilbao de escritores afincados en Madrid e colaborador da revista de poesía OLGA. Na súa actividade literaria figuran publicacións en galego e castelán, como os libros de poesía Loita de Silencio, Árbore do Desespero e Poemas do Tempo Silenciado. Tamén ten colaborado en diversas publicacións colectivas como a revista Xistral.
Tamén ten publicacións en diversas revistas colectivas de escrita castelá como La Espadaña, Cartapacio ou Piedra Lisa. Entre algúns dos recoñecementos do autor destacan a de finalista do concurso de guión do proxecto Una Tela en Blanco polo texto “Una tarde en el parque” e no concurso poético Chozas de la Sierra, na súa VIII edición, acadou a Mención de Honor polo poema “Lamento por la muerte de un amigo”.”
Miguel Sande gaña o Premio de Poesía Afundación
Desde
Sermos Galiza:
“O xurado da XVII edición do Premio de Poesía Afundación nomeou como gañador o xornalista e escritor de Arteixo, Miguel Sande, co seu poemario Os filósofos xa non brindan con cicuta. O Premio de Poesía Afundación, convocado por esta entidade xunto co Centro PEN de Galicia, contou con 30 obras inéditas apresentadas a concurso.
A resolución do xurado, composto polas escritoras María Canosa, Ánxela Gracián e Branca Vilela, o escritor Xabier Castro Martínez e o presidente do Centro PEN Luís González Tosar; tivo lugar ás 18:30 h na Sede Afundación Santiago de Compostela da cuarta feira 17 de xullo.
O xurado puxo en valor o feito da obra estar “escrita desde unha memoria actualizada e esperanzadora. É unha visión do mundo e da condición humana serena e madura, mais tamén transgresora nas imaxes e retadora nas metáforas”. Ademais, o propio xurado tamén resaltou que a expresión poética está plenamente lograda “nun metro de difícil factura pero pleno de sonoridade musical como é a prosa poética”.
As persoas compoñentes do xurado destacaron así mesmo como o autor “constrúe as dúas primeiras partes do libro nunha escritura impecábel, moi limpa e nun rexistro lingüístico depurado”.
Pedro Otero, director xerente de Afundación, e Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta, participaron do acto de entrega de premios e parabenizaron Sande por gañar o premio de poesía e pola súa calidade. (…)”
María del Rosario López Sánchez gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense
Desde
Sermos Galiza:
“A autora María del Rosario López Sánchez gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense. O xurado, que se reuniu na sexta feira 5 de xullo, elixiu o seu poemario como gañador de entre os 49 apresentador por participantes de toda a Galiza e Portugal.
O poemario de López Sánchez titúlase Álbum e foi enxalzado polas valoracións do xurado pola súa claridade nítida. A obra, engadiu, ofrece unha estética clara e coherente onde na súa lectura, a lectora ou lector vaise imaxinando as imaxes que recrea.
Sobre os temas tratados na obra, o xurado salientou o autocuestionamento moi sincero da propia vida e da ética.
A decisión foi unánime e ademais, as e os membros do xurado valoraron moi positivamente a calidade de todas as persoas participantes. Precisamente, o xurado estivo composto polo alaricán Carlos da Aira, gañador da pasada edición; Celia Pereira, activista cultural; Rochi Nóvoa, poeta ourensá, e Mónica F. Valencia, Técnica de Normalización Lingüística do concello de Ourense.
O premio ten unha dotación económica de 6.000 euros e a publicación do libro. (…)”
Ana Varela Miño gaña o VI Premio de poesía Gonzalo López Abente
Celia Díaz Núñez e Natalia Alonso Ramos, gañadoras dos Premios O Facho 2019
O
pasado 31 de maio Celia Díaz Núñez gañou o Premio de Teatro Infantil O Facho 2019. O xurado, composto por Manuel Lourenzo, Diana Varela, Carmen Martínez e Henrique Sánchez, acordou por unanimidade outorgar o premio á obra Unha estrela para Amina.
A xornalista Natalia Alonso Ramos foi a gañadora do Premio O Facho de poesía, coa obra A síndrome de Hayworth, que será publicada por Medulia. O xurado, integrado por Xulio López Valcárcel, Fernando Díaz-Castroverde e Henrique Sánchez, fallou o premio por unanimidade.
Gañadoras/es da III edición do Certame Vilariñas 2019
“Xa
hai gañadores/as da terceira edición do #CertameVilariñas2019 de micro-poemas na súa terceira edición.
O 1° Prémio corresponde ao poema VOLTA, da viguesa Beatriz Coira Rico.
O 2° clasificado foi SIXILO, de Manuel González Prieto.
A terceira Vilariña premiada é DESEXO, de Ana García Rivas.
@s tres poetas recibirán as <VILARIÑAS> deseñadas pola artista Viki Rivadulla nun acto que se realizará pasado o verán e que servirá tamén de homenaxe á poeta Marica Campo, moi vinculada á Terra Chá, a Guitiriz e aos Vilares de Díaz Castro.
Preséntaronse máis de 120 vilariñas, cunha alta calidade, o que contribúe consolidar o certame cada ano.
Arancha Nogueira gaña o XXII Premio Johán Carballeira de poesía, do Concello de Bueu
“Arancha Nogueira
resultou gañadora do XXII Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu polo seu poemario titulado O silencio das gaivotas, polo que se fará con 1500 € e a publicación por parte da Editorial Xerais. O xurado, conformado polas poetas Míriam Ferradáns, Tamara Andrés e Berta Dávila reuniuse na tarde deste domingo e valorou o interese da proposta, “con hábil manexo da sinxeleza e da tenrura, coherencia estrutural dunha historia áxil e luminosa que é quen de conmover pero tamén de deitar achados poéticos”. Destacable é tamén a “honestidade da proposta autorial e a verdade da escrita, e os eixes temáticos aluden a unha revisión do mundo infantil, contemplado desde o rescate do paraíso perdido e do que se conserva del”. (…)”




