Desde Redelibros:
“Boas, redelibreiras e redelibreiros! Un ano máis, comezan as feiras do libro na nosa terra. E, un ano máis, Redelibros e os Autores Independentes estaremos percorrendo a xeografía galega. Desta volta cunha caseta que compartiremos coa libraría Cartabón e que, xa a veredes, non deixará a ninguén indiferente. Este ano queremos que sexa especial. Queremos coñecervos, queremos verbos as caras. Por iso, en cada feira estableceremos unha data para facer unha quedada redelibreira. E queremos pedirvos algo máis: que vos parece se nos facemos unhas fotos?
Se queredes saber de que vai todo isto, pasádevos polo noso blog e contámosvolo con detalle.
E, por certo, a primeira quedada redelibreira das feiras será o domingo 21 de abril ás 18:30 horas en Ferrol. Ese mesmo día, as 19:30 horas, Xesús Bermúdez Tellado presentará o seu poemario Viaxe sen cancelas, editado por Redelibros.”
Arquivo da categoría: Feiras do Libro
Santiago: O libro ponse de outlet
Desde Sermos Galiza:
“Tres euros, un libro; cinco euros, dous exemplares e cinco títulos, tan só dez euros. Así son os prezos cos que o sábado día 6 de abril se comezaron a vender libros galegos xa descatalogados que se ofrecen ao público cun 80 ou mesmo 90% de rebaixa. En Compostela, o Outlet do libro abriu na sede da Fundación Novacaixagalicia na rúa do Vilar e poderanse adquirir libros até o 14 de abril. Será esta a primeira das citas que a Asociación Galega de Editores ideou para alixeirar os fondos de dezasete empresas galegas que participan na iniciativa. Canda as editoriais, nos Outlet -que continuarán por distintas cidades do país- colaboran librarías da localidade e mesmo se buscou o contributo dos concellos. En Compostela, a libraría Pedreira é quen xestiona esta venda de libros de saldo. O horario será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:30 h. Os libros galegos que son difíciles de atopar xa en circuitos comerciais habituais volven a poñerse ao dispor do público nestes oulet que se organizan pouco despois da exitosa iniciatva do Consorcio Editorial que puxo tamén á venda os libros do seu fondo a prezos rebaixados.”
Doce editoras galegas na Feira do Libro de Guadalajara, México
“Doce editores galegos amosarán as súas novidades editoriais na FIL, a Feira do Libro de Guadalaxara, México. A relación de editorias componse das seguintes empresas: Editorial Linteo, Editorial Ideas Propias, Kalandraka Editora, Biblos Clube de Lectores, Ediciones del Viento, Alvarellos Editora, OQO Editora, Everest Galicia, Editorial El Patito, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia e MCSport. A Asociación Galega de Editores e a Consellería de Cultura participan con stand dende o ano 2008. (…) A edición deste ano non contará coa presenza de creadores e de representación institucional. A AGE conta cunha axenda de traballo propia destinada á promoción comercial da produción galega.” Desde a Asociación Galega de Editores.
Miami: presentación de Verde Oliva, de Xavier Alcalá, na Feira do Libro
O xoves 15 de novembro, ás 19:00 horas locais, na Feira do Libro de Miami, Xavier Alcalá presenta a súa última novela, Verde Oliva, publicada en Galaxia.
Santiago: IX Simposio O libro e a lectura: O futuro da librería, o 9 de novembro
O IX Simposio O libro e a lectura vaise celebrar en Santiago o venres 9 de novembro, baixo o tema central de O futuro da librería. A xornada vai concitar en Compostela a destacados profesionais do sector do libro. Este foro vense celebrando ininterrumpidamente dende o ano 2004. A actividade está patrocinada por Cedro e organizada pola Asociación Galega de Editores. Colabora o Consello da Cultura Galega. As inscricións pódense realizar até o 6 de novembro neste correo: comunicacion@editoresgalegos.org. O avance do programa é o seguinte:
– 09:30 h. Recollida de documentación.
– 10:00 h. Sesión inaugural: intervención do presidente da AGE.
– 10:30 h. Conferencia inaugural: A comercialización do libro a través das canles das librerías. Desde o punto de vista da edición. Manuel Gil, editor. Presenta Manuel Bragado Rodríguez.
– 12:00 h. Panel de experiencias de éxito: A utilización das redes sociais nas librerías. Con Xosé Rodríguez Lois, de Redelibros (Vigo), Carlos Airas Cota, da Librería Aira das Letras (Allariz) e Damià Gallardo, de Librerías Laie (Barcelona). Presenta Antón Lado.
– 13:00 h. As Feiras do Libro, Antón Pedreira (Vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia). Presenta Xulio Amigo.
– 16:30 h. Mesa redonda: Os modelos de negocio das librerías. Con Librerías Nobel-Grupo Arnoia (Pontevedra), Enric Faura, de Edicat (Barcelona), Juan Carlos Febrero, Casa del Libro (Vigo) e Carlos Coira Nieto, de Libraría Trama (Lugo). Presenta Laura Rodríguez.
– 17:30 h. Conferencia O futuro da librería, Marià Marín i Torné, Secretario do Gremi de Llibreters de Catalunya. Presenta Belén López.
– 19:00 h. Conclusións.
– 19:30 h. Remate da xornada.
Allariz: II Festa do Libro Galego, do 12 ao 14 de outubro
Allariz acollerá esta fin de semana a segunda Festa do Libro Galego na que se porán á venda as últimas novidades en galego. Organizada polo Concello de Allariz, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Anselmo Lorenzo e a libraría Aira das Letras. Desenvolverase na Praza de Abastos, cun horario de 11:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h. (o sábado pola mañá, se chove, non haberá feira). O programa literario é o seguinte:
Venres 12 de outubro:
– 13:00 h. Inauguración da Festa por Miguel Anxo Fernández e entrega dos premios do concurso de micro-relatos Aira das Letras.
– 19:00 h. Presentación do libro Olladas, de Adelaida Vidal, Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2011.
Sábado 13 de outubro:
– 18:00 h. Presentación do cómic Titoán, premio Castelao de banda deseñada 2011.
– 19:00 h. Presentación do libro Queer-mos un mundo novo, de Teresa Moure. Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2011.
Domingo 14 de outubro:
– 13:00 h. Presentación do libro infantil O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, e lectura contada do mesmo.
Carballo: actividades do sábado 25 e domingo 26 na Praza dos Libros
Finaliza a Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o sábado 25 e domingo 26:
Sábado 25
– 20:30 h. Presentación dos libros Primavera de navallas, de Xurxo Chapela, e Solpor en Waterloo, de Xosé Manuel García, publicados conxuntamente na nova editora Que Queres, coa participación dos autores.
Domingo 26
– 12:00 h. Sinatura de exemplares do libro Follas de Carballo, publicado pola A. C. Lumieira, por parte dos seguintes autores e autora: Xurxo Borrazás, Fernando Cabeza Quiles, Rosalía Fernández Rial, Farruco Graña, Henrique Mariño, Ignacio Silva e Xurxo Chapela.
– 12:30 h. Presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas, publicado en Galaxia. No acto, O’Mighelo tocará varias pezas de acordeón acompañando ao autor.
– 19:30 h. Presentación da película e álbum de banda deseñada Engurras, publicado por El Patito Editorial, coa participación de María Arochena, Gemma Sesar e Suso Villar.
– 20:30 h. Concerto-presentación de Rapoemas, de Aid, publicado en Galaxia. Xunto á autora, participa Francisco Castro.
Carballo: actividades do venres 24 na Praza dos Libros
Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolverá até o domingo 26 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o venres 24:
– 12:30 h. Contacontos de Paula Carballeira e presentación do seu libro O principio, publicado por Kalandraka.
– 19:30 h. Presentación conxunta das obras Patente de corso, de Rafa Villar, e Acuario, de María Canosa, publicadas por Embora. No acto, nenas e nenos recitarán poemas dos libros.
– 20:30 h. Espectáculo poético-musical de presentación de Vinte en escena, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Positivas. No acto participan, xunto á autora, Mon Búa, Mon Lendoiro e Chiña.
Carballo: actividades do xoves 23 na Praza dos Libros
Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolverá entre o xoves 23 e o domingo 26 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o xoves 23:
– 13:00 h. Pregón inaugural a cargo de Fernando Cabezas Quiles, coa participación de Mar Eirís e Evencio Ferrero.
– 19:30 h. Presentación conxunta de Outramente…, de Pilar García Negro, e Lingua e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicados en Laiovento. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística de Bergantiños, participa, xunto aos autores, Xosé Cotelo.
– 20:30 h. Presentación do libro As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Pablo Vaamonde, Xosé Turnes e Manuel Bragado.
Monforte: mesa redonda na XV Feira do Libro
A XV edición da Feira do Libro de Monforte, que remata o sábado 25 de agosto, desenvólvese na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas. O acto máis destacado do xoves 23 será unha mesa redonda, ás 21:00 horas, baixo o título Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. O programa completo pódese descargar aquí: XV Feira do Libro de Monforte.