Ledicia Costas: “Nos meus libros sempre están presentes as persoas diferentes”

Entrevista a Ledicia Costas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que lle atraeu esta temática [Recinto Gris]?
– Ledicia Costas (LC): Estiven case dous anos lendo sobre a Segunda Guerra Mundial, vendo documentais e lendo moitas novelas, ensaios e enciclopedias. Dese traballo de documentación empapándome de cousas, saíron esta novela e un libro de relatos titulado Un animal chamado Néboa, que tamén vai publicar Edicións Xerais este ano, centrados na Segunda Guerra Mundial.
– LVG: ¿Que tén a obra de actualidade?
– LC: Están agromando movementos radicais de dereita en Europa e paréceme un fenómeno moi preocupante. Creo que a sociedade en xeral hoxe en día está enferma. Estamos pasando por un momento moi complexo. Escribín a obra por iso. Nos programas de ensino case pasan de longo do holocausto. Creo que é necesario que o profesorado se esmere un pouco neste tema tal e como vai esta sociedade para que o coñezan os estudantes. (…)
– LVG: Que sente cando escribe?
– LC: Tomo a escritura como un traballo. Escribo moitas horas ao día. Fago una xornada laboral practicamente completa. Non creo nas musas. Creo no traballo e na evolución a base de horas diante do ordenador, do dicionario e da lectura.”

Xabier P. Docampo e Paula Carballeira participan na Ludoferia de LIX de Valparaíso

Desde Sermos Galiza:
“O obradoiro O vento que nos trae as palabras será unha das actividades coas que o escritor Xabier P. DoCampo participa na Ludoferia Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil, presenza que se suma á da contadora Paula Carballeira que entra no programa do Encontro Internacional de contadores de historias. O festival terá lugar do 23 ao 26 de abril.
A Xabier P. DoCampo preséntano no festival de Valparaíso como Premio Nacional 1995 por A casa da luz e un dos máis importantes autores de literatura infantil e xuvenil en lingua galega, ademais de promotor da nosa cultura en todos os ámbitos. Destacan tamén a súa presenza internacional no Internationales Literatura Festival de Berlín, así como en feiras do libro de Bos Aires, México ou A Habana ou nos festivais e encontros de narración de Guadalajara, Bos Aires, Beja, Tenerife e agora tamén en Valparaíso.
Co espectáculo Historias de calafríos, Paula Carballeira participa no IV Encontro de Contadores de Historias Valparaíso é un Conto que terá lugar no parque Cultural de Valparaíso con sesións para todos os públicos polas tardes e para maiores de 14 anos a partir das 20 horas. (…)”

Radiocrítica do 31-03-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 31 de marzo en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line neste enderezo). Desta volta falei con Nazaret López sobre O sexo masculino dos anxos, de Manuel Janeiro (I: 00:16); Nimbos, de Xosé María Díaz Castro en edición de Luís González Tosar (I: 5:52); A autoestrada do Sur, de Julio Cortázar en tradución de Francisco X. Fernández Naval (II: 0:00) e Papá, que son os sorrisos?, de María Canosa e Dani Padrón (II: 8:43).”


Todos somos, de Marcos Calveiro, unha das tres obras finalistas do Premio AELG á mellor obra de Literatura infanto-xuvenil

Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das tres obras finalistas do premio á mellor obra de Literatura infanto-xuvenil Todos somos, de Marcos Calveiro (Xerais).