Homenaxe a Florencio Vaamonde Lores en Bergondo, o 19 de outubro

A AELG súmase á Homenaxe a Florencio Vaamonde Lores en Bergondo, que terá lugar o 19 de outubro, no centenario do seu pasamento.

Florencio Vaamonde Lores (Ouces, 1860 – A Coruña, 1925), escritor, tradutor e activista cultural ponte entre o Rexurdimento literario e as Irmandades da Fala.
Cultivou o xénero lírico (Os Calaicos, Mágoas, Follas ao vento), publicou novelas e relatos de costumes (Anxélica, Bestas Bravas), destacou polos seus estudos históricos, ensaísticos, e foi precursor na tradución ao galego dos clásicos grecolatinos (Odas de Anacreonte).
Foi membro fundador da Real Academia Galega, participou na creación de entidades como as Irmandades da Fala e tomou parte en diversos faladoiros literarios como os da Cova Céltica da Coruña, onde compartía espazo con Eduardo Pondal e Manuel Murguía, entre outros.
Aínda que viviu a maior parte da súa vida adulta na Coruña, nunca perdeu o vencello coa súa terra natal: a parroquia de Ouces. Bergondo non só foi o lugar de nacemento, senón tamén o seu berce espiritual, onde se alimentou da cultura popular, da lingua e da memoria histórica que inspiraron a súa traxectoria vital, literaria e galeguista. Hoxe, lembramos a Florencio Vaamonde Lores como un símbolo de identidade de Bergondo e como un elo vivo entre o seu pasado e o seu futuro.

PROGRAMA

Para as persoas que queiran asistir á Misa na memoria de Florencio, o lugar de encontro será a Fragachán de Ouces ás 9:30, onde deixarán os coches para irens camiñando ata a Capela de San Gregorio (tamén haberá un autobús para as persoas que o precisen).

Como chegar á Capela de San Gregorio

– 10:00 Na Capela de San Gregorio: a Misa na honra de Don Florencio Vaamonde Lores.

– 10:30 Desde a Capela de San Gregorio, roteiro literario pola parroquia de Ouces, lugar de nacemento de Don Florencio Vaamonde Lores.
– Aldarete
– Casa Grande dos Vaamonde
– Casa de José Mª Vaamonde Malvido (tío)
– Fonte do Picho,
– Centro Social Antonia Pato Pardo (antiga escola)
– Fonte da Curuxa
– Casa do Río
– Castro de Bergondo e castro de Reboredo
– O Roibal
– Igrexa de San Xoán de Ouces

Descargar o roteiro

– 12:15 Homenaxe, acto institucional e ofrenda floral na igrexa de San Xoán de Ouces.

– 13:00 Na Senra:
– Faladoiro con Isabel Seoane e Teresa Amado, estudosas da obra e do legado de Florencio Vaamonde Lores.
– Actuación musical de Manoele de Felisa.
– Petiscos na honra de Florencio Vaamonde Lores.

Vigo: actividades do Festival Kerouac 2025 o sábado 18 de outubro

Sábado 18 Outubro

Museo MARCO Vigo. Auditorio.  19:30 a 21:30h

Concertos de:

– La Sole e El Hombre Viento

– Annalisa Marí como Lenore Kendel

– Alberto Avendaño e Manolo Romón presentando Molotov

– Olalla Cociña

Entrada 10€. En billeteira no museo ou eventbrite.com

Cospeito: V Magosto Cal da Loba, o 25 de outubro

Vigo: Festival Kerouac 2025, actos do 17 de outubro

Unha xornada marcada pola diversidade de estilos e voces, coa participación de:
– Malvares: artista galego de rap que combina rima e compromiso social, cun estilo fresco e directo. Vocalista de Rebeliom do Inframundo, unha das bandas punteiras da escena galega, virá acompañado de varios invitados na presentación das súas novas cancións.
– Verdeoir: o novo proxecto da poeta e xornalista Noelia Gómez co músico Rui Granha, que mestura poesía e música de guitarra, explorando novas formas de oralidade poética. Noelia é autora do poemario Desenfoque (Apiario, 2024).
– Najla Shami: cantante e compositora galego-palestina que fusiona música tradicional, jazz e canción de autor. A súa voz é tamén unha ferramenta de activismo en defensa da paz e contra o xenocidio.
– Nueva Tragedia: novo proxecto musical liderado polo vigués e madrileño de adopción Miguel Marcos (Le Voyeur) xunto aos músicos Pablo Valero, Raquel Lamas, Jesús Arroyo e Pablo E. Fernández. A súa música combina rock e electrónica, cunhas letras que conectan a mitoloxía pop coa emoción contemporánea.

Crónica fotográfica do Encontro da Federación Galeusca 2025 en Santiago de Compostela

Estas son algunhas das fotografías do Encontro da Federación Galeusca 2025, organizado pola AELG, coa participación da AELC e da EIE, co apoio de CEDRO, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago. Tivo lugar o 19 e 20 de setembro de 2025 en Santiago de Compostela. A crónica fotográfica completa (obra de Distrito Xermar) pode verse aquí.

Compostela: actividades do 12 de outubro na SELIC 2025