Desde o proxecto Castro de Mallou:
“O escritor Francisco X. Fernández Naval, un dos grandes recreadores literarios da Costa da Morte e gran coñecedor da historia, a cultura e a mitoloxía de Carnota, ofrece un Obradoiro de Relato Histórico. A súa novela A Noite Branca (Premio Irmandade do Libro 2013) é unha das últimas achegas á literatura de corte histórico desde Galicia. Este será un obradoiro singular, xa que os participantes deberán escribir un relato histórico ambientado no Castro de Mallou, imaxinando entre todos a vida, a mitoloxía e o castro como un lugar vivo, habitado ou pensado polas xentes.
Pero ademáis, o Obradoiro terá unha estrutura singular, xa que os participantes combinarán as sesións de discusión e traballo literaria con Francisco X. Fernández Naval cunha xornada de voluntariado no castro, explorando todos os seus detalles, coñecendo de primeira man o traballo dos arqueólogos e contando co seu asesoramento técnico para calquera dúbida en relación á recreación histórica da Idade do Ferro na costa galega.
Cos relatos entregados, o proxecto editará un libro -en papel e electrónico- deseñado e impreso por cortesía dos alumnos e profesores do CIFP Compostela.
DATOS TÉCNICOS:
Lugar de celebración:
Local social de Mallou e Castro de Mallou
Idade mínima para participar:
15 anos
Datas:
19 de xullo, venres, ás 19 horas.
27 e 28 de xullo, ás 11 horas, no Local Social de Mallou.
O día 20 de xullo, sábado, será a xornada de voluntariado no Castro de Mallou, iniciándose ás 10 h. (traede gorra, luvas e calzado deportivo).
Duración das sesións:
2 horas (agás a xornadas de voluntariado).
Prezo:
15 €. Por este prezo, os asistentes ao obradoiro reciben o xantar do día 20 de xullo canda o resto do equipo e tres exemplares do libro editado. O pagamento do curso realizarase o primeiro día de sesións.
Como inscribirse:
A través deste formulario no web do Concello de Carnota.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Xurxo Souto: “A comunicación na lusofonía é total, sen peneira algunha”
Entrevista a Xurxo Souto en Sermos Galiza:
“Publicada no semanario Sermos Galiza por entregas, O Crânio de Castelao, á falta duns esclarecementos finais do coordinador Carlos Quiroga, chega a seu fin como unha experiencia única e singular da escrita dunha lingua común.
– Sermos Galiza (SG): Vostede pon o ponto final á historia do cranio de Castelao que andou por tantas mans. Como foi tomar parte nun proxecto literario colectivo?
– Xurxo Souto (XS): A experiencia tiña, por necesidade, que ser fascinante porque, como escritor, entras nun xogo literario a nivel planetario. Grazas á proposta de Carlos Quiroga xuntámonos empregando uns vimbios especialmente próximos, as palabras e a lingua que nos é común.
– SG: Como se deu o encontro con outros escritores de orixes tan diversas?
– XS: A relación foi intensamente cómplice. Aínda que sexan persoas algunhas delas non coñecidas persoalmente, nin demasiado próximos os seus contextos, partiamos de palabras íntimas, das palabras da tribo e, por iso, foi un proceso de comunicación total, “até o mango”, que dirían os de Malpica. Alén de prexuízos, de superestructura ideolóxica, de pensamento, xorde a realidade de comunicación total, sen peneira algunha. O que os poetas Jorge Guillén ou Uxío Novoneyra chaman o milagre da realidade. Comunicámonos de xeito pleno. (…)
– SG: Por que a nosa literatura non dá entrado en Portugal ou Brasil?
– XS: Damos entrado no ámbito da lusofonía! Diaria e constantemente. Se se mide en fama ou termos económicos os resultados non son grandes, mais tamén Portugal leva toda a vida intentando entrar no Brasil e non dá feito. Zeca Afonso non é coñecido no Brasil e Fausto hai pouco confesaba que nunca tocara alá. Nós non temos moita presenza comercial mais establecemos relacións persoais, e temos, por poñer un caso, experiencias no eido da música sensacionais como o encontro entre Manecas Costa e Narf ou Zé Cavaleiro e Uxía. Esa relación está máis presente do que pensamos.
– SG: Mais responde a esa vontade persoal de cada quen ou hai iniciativas institucionais tamén que contribúen a que iso aconteza?
– XS: Trátase dun encontro persoal e á vontade de cada quen. Diante da preguiza dos estados e das estruturas culturais de poder, compre reivindicar a outra parte, o outro discurso. Estámonos comunicando cada día nós, grazas ao poder das palabras e á intimidade das persoas que viven, ás veces, no cabo do mundo. (…)”
Antonio Seijas: “Adaptar unha novela a banda deseñada é un proceso difícil”
Desde Xerais:
“La Voz de Galicia publicou o pasado día 4 de xullo unha entrevista de Alberto Sánchez a Antonio Seijas, autor da novela gráfica Cartas de inverno, baseada na novela de Agustín Fernández Paz.”
Vigo: presentación de Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga
O mércores 10 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Romón e Manuel Bragado.
Taboleiro do libro galego (XIII), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a nova entrega da listaxe de libros en lingua galega máis vendidos na última quincena, última ata o mes de setembro. Agradezo a xenerosa colaboración destas dezasete librarías galegas para compola: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith, Livraria Suévia e Carricanta.”
NARRATIVA
1º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz, Edicións Xerais.
2º-. Faneca Brava, de Manuel Portas, Edicións Xerais.
3º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
4º-. O anxo de Eva, de Marina Mayoral, Edicións Xerais.
5º-. Winnipeg, de Hixinio Puentes, Edicións Xerais, e Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, Editorial Galaxia.
POESÍA
1º-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais.
2º-. Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, Edicións Xerais (edición de Fran Alonso).
3º-. Resina de poliéster, de Xabier Correa Corredoira, Baía Edicións.
4º-. Carne de Leviatán, de Chus Pato, Editorial Galaxia.
ENSAIO-TEATRO
1º-. A cociña dos Cunqueiro, de Elvira González-Seco Seoane, Editorial Galaxia.
2º-. Inmateriais, de Suso de Toro, Edicións Xerais.
3º-. Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, Edicións Xerais.
4º-. As lambetadas de Larpeiros, de Merchi Rodal, Editorial Galaxia.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Flor de area, de Manuel Lourenzo González, Edicións Xerais.
2º-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.
3º-. Soños de fútbol en Bangui, de Yves Pinguilly, Editorial Galaxia (tradución de María González).
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
3º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.
BANDA DESEÑADA
1º-. Marcopola 2, de Jacobo Fernández Serrano, Edicións Xerais.
2º-. Máis alá, Inacio / Iván Suárez, Demo Editorial.
3º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
Vigo: actos destacados do sábado 6 e domingo 7 na Feira do Libro
O sábado 6 e o domingo 7 de xullo serán os derradeiros días da edición deste ano da Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para os días sinalados:
Sábado 6
– 20:00 h. Presentación do libro Bágoa de Lúa, primeiro da triloxía As crónicas de Landeleira, de Sabela González, publicado por Editorial Galaxia. Xunto coa autora do libro, intervirán Ledicia Costas e Francisco Castro.
– 21:00 h. Encontro de Fantasía Galega con Contos Estraños e Urco Editora, coa presentación das obras Magumaba, de Fabián Plaza (Contos Estraños), O mundo secreto de Basilius Hoffman, de Fernando M. Cimadevila (Urco Editora), Galiza mutante: Poder Nuclear, de Tomás González Ahola (Contos Estraños/Urco Editora), As crónicas de Bran: A revolta dos mestres, de Xosé Duncan (Contos Estraños), A xanela insólita, de Jorge Emilio Bóveda (Urco Editora), Ninguén lembra, de Vanesa Santiago Vázquez (Urco Editora) e Contos de soños e sombras, de Ariza Piñeiro (Urco Editora).
Domingo 7
– 20:00 h. Presentación do libro As pontes do ego sum, de José Manuel Ledo, publicado por Editorial Ir Indo. Xunto co autor, participará no acto Xelasio Suárez Santiso.
Portosín: presentación de Big five, de Manuel Mariño Blanco
Elena Gallego: Estase preparando un videoxogo e unha serie de “Dragal”
Vigo: actos destacados do venres 5 na Feira do Libro
O venres 5 de xullo prosegue a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para este día:
Venres 5
– 19:00 h. Presentación do libro O señor Corpo quere xogar, de Alicia Borrás Sanjurjo, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Participan no acto Manuel Bragado e a autora do libro.
– 19:00 h. María Reimóndez asinará na caseta de Martín Codax Libraría Universitaria.
– 19:30 h. O escritor Marcos Calveiro asinará exemplares dos seus libros.
– 20:00 h. A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria, con Chisco Fernández Naval, autor de A noite branca, publicado por Edicións Xerais de Galicia, e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, publicado pola Editorial Galaxia.
– 21:00 h. Teatro Antroido representa Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, charla posta en escena entre a actriz Laura Ponte e o dramaturgo e fillo do autor, Roi Vidal Ponte.
Crónica da presentación en Vento do Sul (Ourense) de As vidas de Nito, de Xabier Paz
Desde Tempo de Lecer Ourense:
“(…) A Editorial Xerais presentou o xoves 26 de xuño en Ourense o seu último lanzamento editorial: As vidas de Nito, de Xabier Paz. O acto tivo lugar na Livraría Torga e contou coas intervencións do autor da obra e de Manuel Bragado, director de Xerais. Segundo explicou Manuel Bragado, As vidas de Nito “é unha novela escrita cun enorme poder evocativo e cunha vontade estilística arrebatadora”. O libro conta a historia de Casiano Cendán Rocha, un home de idade que vive nunha residencia e que fai memoria da súa vida a través das conversas coa súa neta Aldara, que remexe nel os sedimentos máis íntimos. Canto importa o corpo? Que lle sucede a un neno que non medra como é debido?
Para Casiano, durante a infancia e a puberdade, o seu corpo foi fonte de desacougo e estrañeza. Logo, xa adulto, a súa paixón por África converteuse no referente dunha existencia chea e dorida. As visitas da súa neta actúan como o catalizador de inesperados procesos íntimos. Casiano debulla recordos para compoñer a esquecida historia da súa nenez e puberdade. Desde a chegada da Coca-Cola até a traizón da Transición, é retratada unha época que case todos queren esquecer. Na lembranza desfilarán as angueiras de Nito, un neno de anómalo e lento medrar, a súa perplexidade ante a rareza, a dor da diferenza, a educación relixiosa, a perda da inocencia, o asalto da sexualidade… Aldara recibe estrañada as disertacións do avó, visita tras visita, desde a historia de Papá Noel até a termodinámica da vida, desde a literatura até as vantaxes da morte. Segundo Manuel Bragado, “unha desolada lucidez, non exenta de humor, percorre o texto desta novela na voz do narrador”. (…)”