Arquivo da categoría: Narrativa
O Grove: presentación de Os santos nunca dormen, de Teresa González Costa
O
xoves 8 de maio, ás 20:00 horas, na Galería de Arte Besada (Rúa Concepción Arenal, 1) do Grove, preséntase Os santos nunca dormen, de Teresa González Costa, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Carlos Besada e Manuel Bragado.
Xulio Pardo de Neyra: “O sexo non é algo morno nin requintado”
Entrevista
de Marcos Pérez Pena a Xulio Pardo de Neyra en Praza, e ligazón á entrevista na Cadea SER ao mesmo autor:
“(…) – Praza (P): Defines o libro [Intensa e quente é a túa humidade azul] como unha “novela pornográfica”? Por que pornográfica e non erótica, por exemplo?
– Xulio Pardo de Neyra (XPdN): É complexo, si, porque os límites entre erotismo e pornografía son particulares, é difícil establecelos. Ademais a pornografía está considerada como un xénero maldito ou case ilegal, puníbel. Pero eu considero que un texto erótico é aquel que suxire, algo incitante, e en cambio un texto pornográfico é aquel que mostra, e polo tanto é máis excitante que incitante. Esta novela podería ser erótica, pero nela cóntase unha historia e cóntase absolutamente todo o que ocorre, sen límites. O outro día na presentación do libro preguntábame: ‘este é un libro no que se fala de penes e de vulvas?’. E non, este é un libro no que se fala de actos sexuais explícitos sen ningún tipo de eufemismos e sen esa xerga médica. Fálase como se fala na realidade: un cando está fodendo non di ‘voute lamber a vaxina’. O sexo non é algo morno, nin cursi, nin requintado. (…)
– P: E en galego? Dá a impresión de que é un xénero que fóra do publicado por Positivas na súa colección de Narrativas Quentes non hai un gran corpus.
– XPdN: O galego é unha lingua que serve absolutamente para todo, tamén para o sexo. E é algo que está demostrado dende as cantigas medievais, que xa tiñan un contido sexual moi importante. Eu digo que a miña é a primeira novela pornográfica da literatura galega, porque hai novelas eróticas, ou poemarios, relatos…, e xa na Idade Media hai textos que falan de prácticas sexuais con xoguetes, coma o carallo francés, ou de violacións consentidas. Pero non se chegara ao nivel da pornografía, da que si hai moita tradición en Europa, por exemplo a través de George Bataille ou Pauline Réage. Hai unha traxectoria en galego, pero eu botaba en falta algo. Hai quen escribiu que non hai nada máis erótico que un capítulo de Anna Karenina no que os personaxes entran nun cuarto e quedan a soas. Pois para min non, a min non me vale. Quizais é porque os homes necesitamos outro tipo de impulsos para excitarnos, non somos tan sutís. (…)”
Pontevedra: actividades do martes 6 e mércores 7 na Feira do Libro
O
mércores 6 de maio comeza a Feira do Libro de Pontevedra (no Paseo de Odriozola, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados, para o mércores e xoves 7:
Mércores 6
– 18:00 h. Presenza na feira do libro do Club de Lectura en Galego da Biblioteca Pública de Pontevedra.
– 18:00 h. Presentación do libro Apocalipse Z, de Manuel Loureiro, publicado por Urco Editora.
Xoves 7
– 18:00 h. O soño de Esther. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz. Actividade promovida por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. A escritora Elvira Riveiro asinará na caseta da Libraría Paz.
– 20:00 h. Presentación do libro Sete Caveiras, da escritora Elena Gallego Abad, publicado por Xerais. Xunto coa autora, participará no acto Manuel Bragado.
Teresa González Costa: “Sempre hai alguén que precisa dunha vítima para reafirmarse no poder económico ou social”
Entrevista
de Montse Dopico a Teresa González Costa en Magazine Cultural Galego:
“(…) Os santos nunca dormen é unha novela sobre a importancia da memoria para saber quen somos. Sobre o mal que poden facer “os secretos” que “espreitan nas fendas de cada individuo e aniñan nas covas do colectivo”, tal como explica a autora. Unha obra que, como as súas creacións anteriores, reivindica a sensibilidade como “algo básico” que se “está perdendo nun mundo que prescinde, cada vez máis, do físico, do orgánico”.
– Montse Dopico: Nada máis comezar, un médico preséntase como mediador entre o protagonista, Jeremías, e o lector. Por que esa figura intermedia?
– Teresa González Costa: O psiquiatra que introduce o diario persoal do protagonista é un home especial, porque lle dá importancia a aspectos que a maior parte do tempo obviamos, pensando que a realidade é unicamente o que temos diante. É un home que ve alén das aparencias e que sabe ler os símbolos. Por outra banda, é un adulto razoable e reflexivo que ten que tratar con temas difíciles e duros, aínda que estes aparezan tratados con humor, lixeireza e mesmo comicidade. A narración de Jeremías, o protagonista, precisaba de alguén así, con autoridade pero con moita sensibilidade, para que a súa historia saíse á luz. Como di o psiquiatra, Jeremías nunca publicaría o seu libro. Vaino facer el, o doutor Laconte, un home que vive entre dous mundos necesarios. Dous mundos que Jeremías, como un cronista, foi vivindo e ao mesmo tempo anotando. (…)”
Santa Cristina, Oleiros: presentación de Marxinados, de Pepe Carballude
Bautista Álvarez: “O que chamaron reforma democrática non foi máis que a continuidade do franquismo”
Entrevista
de Montse Dopico a Bautista Álvarez en Magazine Cultural Galego:
“(…) Hai moito de verdade nos relatos do libro Retallos daquela infancia (Xerais) de Bautista Álvarez, malia seren ficción. Moitas lembranzas das terras da súa infancia: Las, Eiras e Loucía, no concello de San Amaro. Mais tamén moitas reflexións de alguén que sufriu a represión franquista e loitou contra ela. Desde Brais Pinto até a UPG. Desde o seu ingreso en prisión a finais dos 60 polas súas ideas “separatistas marxistizantes” até ser procesado, a finais dos 70, polo Tribunal de Orde Pública. Desde a ditadura até unha transición que pouco mudou e unha democracia que tampouco cumpriu as expectativas daquela xeración que soñara con ela. Falamos con el.
– Montse Dopico: Como se encontrou escribindo relatos de ficción en lugar de artigos de política?
– Bautista Álvarez: Pois a verdade é que, moitas veces, falar de política non ten transcendencia ningunha. A xente non fai caso, é arrastrada polo ambiente. E eu non vou estar sempre falando de política. Xa se publicaron os meus artigos escritos entre o 2004 e o 2011, sobre a crise económica, política…, a crise do nacionalismo,… a crise en todos os ámbitos. Está a piques de aparecer o segundo tomo, que son discursos meus en asembleas do BNG e congresos da UPG. E haberá un terceiro tomo, de traballos soltos. Algúns deles están escritos en español porque foron escritos para publicacións en español e eu non creo que precisen tradución por ese motivo, pero estamos vendo que facer. A cuestión é que, claro, ao deixar os cargos de responsabilidade que tiña na UPG e no BNG, quedoume máis tempo para escribir. E estes relatos fíxenos para divertirme. (…)”
Gañadoras/es dos Premios AELG 2014
Estes
son os gañadores/as dos Premios AELG 2014, que premian as mellores obras editadas en 2013, e que se veñen de fallar na Gala das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o 3 de maio en Pontevedra:
– Blog Literario
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
– Ensaio
A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo (Euseino? Editores).
– Literatura Infanto-xuvenil
A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo (Xerais).
– Xornalismo Cultural
Carme Vidal.
– Narrativa
A lúa da colleita, de Anxos Sumai (Galaxia).
– Poesía
Raíz da fenda, de Berta Dávila (Xerais).
– Teatro
Obras Completas (Vols. I, II e III), de Roberto Vidal Bolaño (Edicións Positivas).
– Tradución
Ulises, de James Joyce, na tradución de Antón Vialle, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo (Galaxia).
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:
- O premio Mestres e Mestras da Memoria, que se concedeu nesta segunda edición a Elba Requeijo e Xavier Blanco, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
- O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e co que a AELG valora tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro:
- O proxecto Buxiganga, da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu labor de difusión e socialización do teatro galego.
- Tamén a Área de Cultura de Deputación da Coruña, polo Premio de teatro Rafael Dieste.
- Narón e Tui, como concellos que dedican un especial esforzo ás artes escénicas.
- E mais o Premio AELG 2014 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea a Bernardo Atxaga, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
No transcurso da gala a AELG tamén se entregou a distinción “Bos e Xenerosos”, coa que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiou representantes de todas os ámbitos da escena galega:
- A compañía Sarabela Teatro, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda recibiu o premio como agrupación profesional.
- Achádego Teatro de Lugo, que fai 25 anos neste 2014, foi recoñecida polo seu traballo no teatro amador.
- A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, en nome de todos e todas os que contribuíron ao desenvolvemento da escena galega.
- A Editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet son outros dous proxectos que mereceron destaque da AELG.
- Premio de teatro infantil: A. C. O Facho.
Tamén os Premios da Crítica Galega, entregados por Ramón Nicolás como membro da Sección da Crítica da AELG a Berta Dávila na categoría de poesía por Raíz de fenda e a Anxos Sumai en narrativa por A lúa da colleita.
O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Gala das Letras, felicitación e aplauso que fai extensivo a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.
Santiago: actividades destacadas do sábado 3 e domingo 4 de maio na Feira do Libro
O
fin de semana do 3 e 4 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:
Sábado 3 de maio
– 20:00 h. Mesa redonda sobre Xosé María Díaz Castro, organizado pola Editorial Galaxia, coa participación de Luís González Tosar, Armando Requeixo e Víctor Freixanes.
Domingo 4 de maio
– 20:00 h. Unha nova viaxe por Landereina, acto convocado pola Editorial Galaxia, coa intervención de Sabela González e Francisco Castro.
Taboleiro do libro galego (XXII), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a cuarta entrega deste 2014 do Taboleiro do libro galego, que recolle, segundo os datos obtidos de doce librarías consultadas, as novidades editoriais máis vendidas en lingua galega ao longo do mes de abril. O meu agradecemento, nesta ocasión, ás seguintes librarías: Librouro, Suévia, Carricanta, Casa do Libro (Vigo), Cartabón, O Pontillón, Andel, Aira das Letras, Paz, Trama, Abrente e Lila de Lilith.
NARRATIVA
1º-. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
2º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
3º-. O gardián invisible, de Dolores Redondo, Edicións Xerais.
4º-. A voz do vento, de Pemón Bouzas, Edicións Xerais.
5º-. Nunha presa de terra, de Paco Castro, Laiovento.
POESÍA
1º-. Moda galega reloaded, de María Reimóndez, Positivas.
2º-. Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, Edicións Xerais.
3º-. Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, Galaxia.
4º-. Ningún amante saber conducir, de Rosalía Fernández Rial, Positivas.
5º-. Onde nunca é mañá, de Manuel Álvarez Torneiro, Faktoría K.
ENSAIO-TEATRO
1º-. A alternativa está aquí, de María Reimóndez, Edicións Xerais.
2º-. Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, de Teresa Moure, Através.
3º-. Vida e obra de Xosé María Díaz Castro, de Armando Requeixo, Galaxia.
4º-. Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña, Edicións Xerais.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Ámote, Leo A. Estación de tránsito, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
2º-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.
3º-. As meigas de Lupa, de María Solar, Edicións Xerais.
4º-. Dragal III, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
2º-. O Dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba, de David Aceituno e debuxos de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Na cociña de noite, de Maurice Sendak (tradución de X. M. González), Kalandraka.
4º-. A bolsa da pita, de María Luísa Mosquera, Primera Persona.
LIBROS CD-DVD
1º-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
2º-. Toc Toc, de Pablo Díaz, ilustracións de Nuria Díaz, Galaxia.
3º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami e Rosalía de Castro, Editorial Galaxia.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Astérix e os Pictos, René Goscinny (autor), Albert Uderzo (ilustrador), Jean-Yves Ferri (autor), Didier Conrad (ilustrador), Xavier Senín e Isabel Soto López (tradutores), Edicións Xerais.
3º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
OUTROS
1º-. Luzes, nº 5, abril 2014.”

