Un lugar, todos os lugares, por María Reimóndez

ArtigoMaría Reimóndez de María Reimóndez na Plataforma de crítica literaria A Sega:
“Hai libros que por algunha razón pasan desapercibidos e quedan nas marxes dun sistema literario que debería acollelos coa ledicia da biodiversidade enriquecedora. Sen dúbida, a atención recibida por Aquel lugar, de Antía Nara, dista moito de ser a merecida. Este libro, publicado no ano 2007 e xa descatalogado, constitúe un elemento literario único que debería ser reeditado como unha alfaia das máis significativas dos últimos tempos. Rara vez unha novela é quen de crear un xogo de espellos de tal desacougo e profundidade política, utilizando con mestría recursos literarios que, mediante un discurso por veces aparentemente antropolóxico, conseguen descolocarnos e desacougarnos da forma máis significativa que pode facelo unha obra literaria.
Aquel lugar parte do desacougo da interpelación en segunda persoa do singular, nunha narración que sabemos que non se dirixe a nós e ao tempo si. Dende este punto de vista, a obra fálanos dende o principio, obríganos a buscar un lugar diferente de lectura. Isto permanece na cerna da trama que se nos presenta, a dunha muller (ese ti ao que se fala e que por veces fala de si) nacida nun lugar facilmente recoñecible como unha aldea perdida do interior de Galicia, que busca a súa outra e igual no aparentemente afastado Paquistán. A obra desmonta dende a primeira páxina as expectativas exotizantes da narración da outra, ao poñernos cara a cara cun discurso antropolóxico que se utiliza para narrar o que evidentemente é o noso contexto, e non o alleo. Así, a aldea galega, facilmente recoñecible na súa estrutura e trazos, denomínase como Al-Luaira, na que existe un zamindar, a xente que retorna da capital as fins de semana e unha violencia implícita cara ás mulleres que permanece invisible no cotián, pero que axiña se torna evidente cando se deita sobre ela unha mirada aparentemente externa. (…)”

Ramón Vilar Landeira: “Por moito que queime, a vida hai que pelexala, e diso falan lestes relatos”

Entrevista Ramón Vilar Landeiraa Ramón Vilar Landeira en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A estes relatos úneos unha crise de fondo, pero tamén o humor e, no medio, unha luz de saída.
– Ramón Vilar Landeira (RVL): Si. Son relatos descarnados. Están influenciados polo momento económico no que se xestaron, especialmente crítico porque están concibidos sobre o 2009 e escritos a maioría en torno ao 2010, 2011… Era un momento complicado tamén no sector do xornalismo, pero en xeral en todos: víao en amigos, veciños e compañeiros… xente que se quedaba sen traballo… Iso deriva en moitas crises, tamén persoais. Así que Os televisores estrábicos non é un libro da crise económica, senón dos procesos todos da vida, a cal ten cousas boas e duras. Os relatos, dalgunha maneira, tratan de contar que, por moito que queime, a vida hai que pelexala, disfrutala… (…)
– LVG: Xornalismo, relatos, anda a voltas cunha novela… ¿Que é peor?
– RVL: Teñen razón tanto os que din que o relato é máis complicado como os que din que o é a novela. Para min a novela é de corredor de fondo, de paciencia… ¡Digo eu, porque non escribín ningunha, eh! O relato é máis explosivo: podes ter a idea clara nuns días e ir facendo. Os grandes relatos, que non son os deste libro [ri], están á altura da mellor novela, non son un xénero menor: os de Raymond Carver, Alice Munro, Ferrín… O xornalismo gústame, e sigo colaborando, pero a literatura dáche a perspectiva de escribir sen présa, sen a ditadura do día a día, que tamén queima.”

Agustín Fernández Paz: “Calquera vida pode ser materia para unha novela apaixonante”

EntrevistaAgustín Fernández Paz de Carme Vidal a Agustín Fernández Paz en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): -“Cando os nosos pais desaparecen, comezamos a botar de menos non ter conversado máis con eles”, escribe no arranque da novela [A viaxe de Gagarin].
– Agustín Fernández Paz (AFP): É un sentimento xeralizado que a min tamén me aconteceu, a idea de que tiñamos que ter falado máis, das cousas que non se contaron. Meu pai morreu novo, con 56 anos, e quedaron moitas cousas sen saber. Trátase dun tema moi literario e á vez moi real. Unha ausencia forza o repaso á vida. Ten que acontecer algo esencial, forte, para que unha persoa se anime a lembrar a súa vida, como é o caso do protagonista da novela que rememora a última infancia e a mocidade, etapas fundamentais para cada un de nós. Cando escribes a novela non fas ese discurso, ten un aquel de irracional. É unha vez rematada cando lle ves o xeito. Non me decatei, poño por caso, de que entra nos canons da novela de formación. As novelas obedecen a un plan mais tamén responden a un pulo apaixonado, un inicio irracional. Trato de averiguar en que momento xurdiu A viaxe de Gagarin e non me sae algo concreto, deberon ser varias as razóns que me motivaron. (…)
– SG: Procurar esa lectura fluída é traballo de humildade?
– AFP: Non o creo. É a miña concepción literaria, escribir de maneira que ao lector non lle resulte complexo. Outros autores escriben de maneira máis escura e o seu traballo é igual de digno. O meu é optar pola transparencia o que só se pode conseguir a base de versións e cambios. O primeiro borrador sempre é espeso. Só o traballo permite crear unha obra de lectura fluída, que o libro teña ritmo e que a estrutura das cousas que pasan, a materia narrativa, estean ben distribuídas.
– SG: Despois dun proceso como o nacemento dunha novela longa, como se inicia outro proxecto literario?
– AFP: Cun proceso de descompresión. Cando creas un mundo implícaste nel, todo o que che pasa nese tempo semella estar en relación neste caso agravado aínda pola aposta do blog. Para meterme nunha nova novela ten que pasar tempo, que esta xente, os personaxes, se vaian perdendo, que desocupen a túa vida. Unha novela é como un capítulo da túa vida. Agora teño que pechar os anos sesenta, non podo volver a eles, xa lle chegou.”

Viveiro: actividades destacadas do sábado 16 e domingo 17 na Feira do Libro

OFeiras do Libro Viveiro 1 sábado 16 e domingo 17 de agosto finaliza a edición de 2014 da Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

Sábado 16
19:00 h. Recital-presentación da novela Fugaz coincidencia e o poemario Nair, de José Estévez, publicados por Redelibros. Participan, xunto ao autor, Chus Amieiro, Luísa Arias, Ana P. Croas, Iria López, Salomé Díaz Muñiz, Esperanza Martínez, Carmen Cociña, Catarina Laxe e Mar Romero.
20:00 h. Henrique Dacosta asinará exemplares do seu libro Entrada ao xardín do saber, publicado por Redelibros.
20:00 h. Presentación do libro A voz do vento, de Pemón Bouzas, publicado en Xerais.

Domingo 17
20:00 h. Presentación do libro Alcumes de Celeiro, de José Antonio Abella Albo.
21:00 h. Presentación do libro Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, de Eduardo Sanches Maragoto, publicado por Edicións do Cumio.

Viveiro: actividades destacadas do xoves 14 na Feira do Libro

OFeiras do Libro Viveiro 1 xoves 14 de agosto comeza a edición de 2014 da Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:30 h. Pregón inaugural a cargo de Xurxo Souto.
20:00 h. Presentación do libro Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado por Xerais.

Bueu: presentación de Chovida do ceo, de Alfredo Conde

OAlfredo Conde sábado 16 de agosto, ás 12:00 horas, no Centro Social do Mar de Bueu, preséntase a novela Chovida do ceo, de Alfredo Conde, publicada en Xerais. No acto, organizado pola librería Miranda de Bueu, participa, xunto ao autor, o xornalista Salvador Rodríguez.

Cee: actos literarios da Feira do Libro no venres 15 e sábado 16 de agosto

Dentro10592655_690127997735363_3992772638103776006_n da Feira do Libro de Cee, terán lugar as seguintes actividades na caseta da Libraría Á lus do candil:

Venres 15
13:00 h. María Canosa Blanco asinará exemplares de Papá, que son os sorrisos? (Galebook) e Ana xa chegou! (Everest).

Sábado 16
13:00 h. Miro Villar asinará exemplares de A pantasma da Casa da Matanza (Biblos).
19:00 h. Xosé Iglesias asinará o seu poemario Transfusión oceánica (Caldeirón) e Modesto Fraga asinará exemplares de Fisterra, a derradeira perla de occidente.

Cee: actos destacados do xoves 14 na Feira do Libro

10592655_690127997735363_3992772638103776006_nNese mesmo día, o xoves 14 de agosto, a partir das 12:30 horas, na caseta da Libraría Á lus do candil, Concha Blanco asinará exemplares da súa obra As noites de Xián, publicada por Xerais.

Xurxo Souto: “Coñecendo o mar de Irlanda, acabamos coñecéndonos mellor a nós mesmos”

EntrevistaXurxo Souto de Daniel Fernández a Xurxo Souto en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VNC): Contos do mar de Irlanda trata de historias de vida da xente. Entre todas as que recolles, destacarías algunha en concreto?
– Xurxo Souto (XS): É difícil porque o libro componse de 55 historias. Unha historia que me asombrou foi a dos gaiteiros do mar, levar un gaiteiro no barco era un privilexio, tocaba nos momentos de temporal. Eu coñecín a tres mariñeiros de Aldán que gravaron un LP no Gran Sol. Se escoitas a cinta óese o mar e o bruar do barco de fondo.
Tamén están os poetas do mar. Era un mundo violento e duro e pode parecer que non había lugar para ambicións estéticas. Pero hai. Por exemplo o poeta mariño Xosé Iglesias é a proba maior, ou o patrón de Os Castros, Serafín Mourelle, que cando volvía para casa e había bo tempo, pedía ao segundo apagar as luces para ver as estrelas.
E os pintores do mar como, Ksal, un maquinista que navegou en Terranova. Hai que ser moi artista para pintar a bordo co barco movéndose entre o xeo e o temporal. (…)
– VNC: Cales foron as túas fontes de información para recoller todas estas historias?
– XS: Dende pequeniño eu tiña esta querenza de saber que pasaba, subía a Torre de Hércules e preguntábame que pasaba máis alá. Comecei a preguntar a mariñeiros e patróns, tamén na radio, en Radio Coruña.
A guinda foi, cando fai seis anos presentouse na UDC a segunda edición de The second Spanish Armada, de Michael J. Carrol. Este é un libro que conta a visión dos galegos dende o outro lado. A partir de aí trabei amizade con el, visiteino na súa casa e atopei cousas das que aquí non había memoria, porén, si que se coñecían no fondo dunha ría irlandesa.
A zona do sur de Irlanda é unha das zonas máis deprimidas do país e a chegada dos pesqueiros galegos deu moita vida a eses portos. Houbo moito cariño e unha relación moi intensa. (…)”

Ánxel Fole fai 111 anos, por Armando Requeixo

ArtigoÁnxel Fole de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“O 11 de agosto de hai, exactamente, 111 once anos —cifra capicúa onde as haxa— viña ao mundo en Lugo Ánxel Fole, quen había de ser, andando o tempo, un dos narradores galegos máis importantes do seu século. Aquel rapaz que vía a luz primeira nun antigo casarón da Praza do Campo Castelo (onde agora, e dende hai xa anos, o concello dispuxo unha estatua na súa memoria) foi unha das voces principais da recuperación literaria galega na Posguerra.
Cando aínda a Rede era apenas un asomo do que vivimos, alá polo xa afastado 1997, escribín para o tamén histórico Vieiros un artigo divulgativo (“Ánxel Fole: un narrador galego diferente”) que hoxe, con mínimas correccións, me presta recuperar a modo de puntual homenaxe a un escritor ao que sempre cómpre volver. Que sexan parabéns, don Ánxel, nese Ceo bravo onde ha de andar parolando e escribindo á lus do candil.
Ánxel Fole Sanchez (Lugo, 1903-1986) é un dos nosos escritores máis importantes do século XX. Autor bilingüe en galego e castelán, cultivou ao longo da súa vida todos os xéneros literarios: narrativa, poesía, teatro e mesmo ensaio xornalístico. Mais o eido creativo no que obtén un maior recoñecemento é sen dúbida o da súa obra contística, encerrada, fundamentalmente, en catro libros de relatos: Á lus do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981).
Entre toda esta produción narrativa sobrancean os catorce relatos reunidos en Á lus do candil, así como tamén o cativador prólogo ficcionalizado que, baixo o título de “Terra do Caurel”, dispuxo Fole como limiar do libro. Neste último texto danse as claves interpretativas para comprender o marco narrativo no que teñen lugar as historias do libro: un grupo de cazadores queda illado, por mor da neve, nunha vella torre do século XIV; fronte á imposibilidade de desenvolver as súas afeccións cinexéticas, deciden “matar o tempo” contando, alternativamente e por rolda, historias vividas por eles ou sucesos dos que foron sabedores. O conxunto deses relatorios é despois transcrito polo autor, que en forma de conto recolle para nós o alí narrado polos diferentes cazadores.
Ora ben, “Terra do Caurel” vai máis alá da simple xustificación narrativa, pois constitúe, en por si, todo un asistemático e espontáneo tratado etnográfico das terras do sur de Lugo e, metonimicamente, de toda Galicia. Nada escapa ao interese de Fole, que trata aquí sobre as peculiaridades paisaxísticas, botánicas, zoolóxicas, antropolóxicas, sociolóxicas, climatolóxicas, xeolóxicas e lingüísticas daqueles lugares, debuxando con fina prosa un acabado retablo costumista da intrahistoria cotiá das súas xentes.
Evidentemente, Ánxel Fole non foi única e exclusivamente un autor sensibilizado coa nosa realidade material, máis ou menos folclórica, senón que tamén mereceu a súa atención a realidade inmaterial do mundo do parapsicolóxico ou metapsíquico. Porén, foi indubidablemente un grande paisaxista, pintor con trazo firme do existir máis arredío e ríspeto duns homes e mulleres que, nos duros tempos da Posguerra, (sobre)viviron humilde pero dignamente mantendo viva toda unha cultura material e espiritual sen a cal non sería posible entender a nosa historia como comunidade diferenciada no conxunto das nacións peninsulares en particular e europeas en xeral.
Precisamente por estas razóns, “Terra do Caurel” é un inestimable etnotexto literario, pois a paisaxe e a paisanaxe que habitan nestas poucas páxinas ofrécennos a mellor radiografía dun singular xeito de ser no mundo: o galego, o do noso labrego e o seu contorno vital. “Terra do Caurel”: cartografía foleana do mapamundi cultural galaico.”