Faladoiros da Memoria 2022, o 20 de outubro

Vinculada aos actos dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2022, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

FALADOIROS DA MEMORIA 2022
Cara a onde vas, Entroido?

O acto celébrase no marco da VII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo e a colaboración da Deputación de Lugo, o xoves 20 de outubro ás 19:00 h.
Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).
Coa participación de:
– Inma Alonso Rodríguez
– Xosé Manuel Seixas
– Miguel Losada
– Branca Villares – Peche Musical
– Modera: Antonio Reigosa
– Presenta: Lois Pérez

Vigo: conferencia “Contar tamén desde outras miradas”, con Paula Carballeira

A conferencia Contar tamén desde outras miradas, que ofrece Paula Carballeira o 20 de outubro, a partir das 10:30 horas, ao alumnado da Escola Universitaria CEU de Maxisterio (Vigo), é unha actividade coa que a AELG colabora ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Lugo: Letra das Festas. San Froilán 2022 (Revista oral do San Froilán), o 6 de outubro

A Letra das Festas. San Froilán 2022 (Revista oral do San Froilán) é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, que conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Chega a edición número 12 da Letra das Festas, a revista oral do San Froilán, baixo o título Vir ao San Froilán. Memorias e anécdotas de cando se vén ao San Froilán.
Terá lugar o xoves, quinta feira, 6 de outubro, ás 19.00 horas,  no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n).
A entrada será de balde até completar capacidade.

Interveñen:
– Anxo García
– Noemí Fernández Fusalba
– Xosé Espín
– Ramudo
– Orestes Currás
– Marta Veiga Izaguirre

Ambientación musical:
– Luís Monsalve

Coordinación e presentación:
Lois Pérez
Antonio Reigosa

Polafía O Corgo

A Polafía O Corgo é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e o Proxecto Corgoral, que conta co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e a colaboración do Concello do Corgo.

Biblioteca do Punto de Atención á Lectura (O Corgo).
Terá lugar o sábado 24 de setembro a partir das 18:00 h. A entrada é libre até completar capacidade.

Coas intervencións de:
– Marco A. García (Secretario do Concello do Corgo).
– Óscar G. Murado (Cura párroco do Corgo).
– Jesús Abuín (Cronista oficial e fillo predilecto do Concello).
– Roberto Besteiro (Grupo de música tradicional A Legua Dereita).
– Consuelo Vázquez (Asociación Cultural Arumes).
– Mario Outeiro (Centro de Estudos do Corgo).
– Lolo da Vila (Oleiro e ceramista artesán).
– Manuel Rodríguez (Asociación Os cinco ríos).
– Xosé Manuel Castro (Profesor do ensino secundario).
– Benedicta Sánchez (Actriz de cinema e Medalla Castelao).
– Antonio López (Último artesán do ferro en activo na Terra de Chamoso).
– Domingo Pérez Lidor (Xuíz de Paz).
Lois Ladra (Coordenador do Proxecto Corgoral).
Antonio Reigosa (Coordinador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG).

O Couto (Ponteceso): Festiletras 2022, 1 e 2 de setembro

Toda a información aquí.

Celso Fernandez Sanmartín: “A cultura popular galega conta cun abraiante depósito de realismo máxico que hai que contar”

Entrevista de Manuel Xestoso a Celso Fernández Sanmartín en Nós Diario:
“Celso Fernández Sanmartín é un dos mellores narradores orais do país. O seu repertorio xorde dos seus encontros coas persoas maiores, ás que escoita relatos que sintetizan toda unha cultura, unha forma de ver a vida. Agora vén de recibir o Premio Rebulir na categoría de Artes Escénicas.
– Nós Diario (ND): Supoño que o feito de que lle outorguen un premio “por preservar e difundir a tradición oral galega desde o respecto” faille unha especial ilusión.
– Celso Fernández Sanmartín (CFS): “Respecto” é unha palabra que me gusta moito porque, ás veces, cando se fala de narración oral, ponse o acento no humor, nalgún aspecto anecdótico… mais non se dimensiona correctamente o que ten de transmisión dunha cultura. Eu traballei moitos anos con residencias de anciáns e puiden ver como o que contan ten moitas caras, como existe unha carga reflexiva moi digna de contar e unha carga de experiencias vitais abraiante. A nosa cultura popular conta cun depósito de “realismo máxico” impresionante. Cando apareceron eses Pokemon que introducían seres fantásticos na realidade, eu pensaba que nós xa tiñamos iso. Meu avó non inventaba, mais contaba que levando as vacas ao monte vira “unha galiña de ouro cuns pitos tamén de ouro” que se meteran nun burato e desapareceran. Esa irrupción do fantástico forma parte da cultura galega e hai que contala toda, tendo en conta en que situación se conta.
– ND: Vostede sempre trata de reproducir escenicamente a situación en que esa historia lle foi contada, sempre inclúe o contexto do que xorde a anécdota.
– CFS: A narración oral non é teatro, non hai cuarta parede. Estabeleces unha relación directa co público, desde ti mesmo, non desde un personaxe. E por iso trato sempre de citar a fonte, de quen recibín a historia, porque creo que igual que a historia non se debe perder, tampouco se debe perder a memoria da situación na que xurdiu. Creo que estas historias que proceden do pobo son exemplos de xenerosidade, de esforzo e de dignidade. Exemplifican un modo de vida no que había, quizais, moita pobreza material pero tamén moita riqueza espiritual.
– ND: Segue existindo ese complexo cultural que transmite ensinanzas dunha xeración a outra?
– CFS: Da mesma maneira en que se daba antes non, desde logo. Nos últimos cen anos a sociedade cambiou por completo. Eu teño algún amigo duns sesenta anos que di que coñeceu a Idade Media: coñeceuna a través dos contos que se narraban na súa familia, na súa aldea. E eu, a través da miña avoa, estaba moi familiarizado coa desamortización. Esa forma de manter a memoria colectiva xa non existe: a tecnoloxía da comunicación modificou por completo os modos que temos de relacionarnos, de falar, e mesmo de seleccionar aquilo que consideramos digno de ser contado. A min interésame moito cando a xente conta a súa vida, pero a xente tende a contar o que considera unha “aventura”, case sempre o que lle sucedeu durante as vacacións. Pero a verdadeira aventura está no drama diario: cando volves do hospital de visitar un ser querido, cando non es quen de conseguir un traballo.
– ND: E non se contan esas cousas?
– CFS: Habitualmente non, pensamos que vivimos en comunidade porque as redes sociais xeran esa ilusión, mais eu o que vexo é que cada un permanece na súa garita, contando cousas superfluas ou opinando sobre temas que non domina. Vexo unha grande exacerbación dos egos, todos cremos que calquera cousa que se nos ocorra debe ser escoitada. Eu creo que iso non é exacatamente así e o máis triste é que se vai deteriorando o sentido de comunidade.
– ND: En todo caso, a narración oral mantén, até certo punto, esa herdanza cultural.
– CFS: Nunca pode ser o mesmo, porque non ten os mesmos fins. A cultura de escenario non suple a comunidade. Mais está moi ben que exista todo este movemento porque dalgunha maneira, lémbralle á comunidade que esa forma de transmitir existe. É como na música: o cantar e o bailar formaba parte da vida cotiá e as agrupacións de música tradicional teñen outra finalidade. Coa narración oral sucede o mesmo.”

A Coruña: actividades do 8 de agosto na Feira do Libro 2022

A Coruña: actividades do 5 de agosto na Feira do Libro 2022