Desde
aCentral Folque:
“Unha xeración morre mentres unha nova agroma con forza. Un dos últimos brindeiros do Courel, José Veloso Valcárcel de Forgas (Ferreiros, Pobra de Brollón), morreu estes días de outono de 2017 aos 88 anos na Pobra do Brollón. Un bon cantor, de voz clara e firme con rexistro de tenor; tesouro dun repertorio tradicional de cantares e excelente improvisador
Desde aCentral Folque, lembramos a memoria deste singular repentista e recoñecemos a súa arte e personalidade. Fixo parte do Encontro Brindeiro que organizamos en Seoane do Courel no ano 2009 xunto a outros brindeiros e brindeiras da contorna e participou nalgúns Filadóns do Caurel (ver vídeo), festival folclórico da comarca.
O seu nome está incluído no libro “Repente Galego” de Ramon Pinheiro Almuinha e especialmente no libro Os últimos brindeiros de Forgas de Xosé Lois Foxo sobre el e o seu irmán Álvaro, finado recentemente.
Deste xeito, fica en activo o xenial Antonio Río, O Ribeira de Louzarela, o derradeiro brindeiro do Courel.
Podes escoitar no arquivo do APOI varios brindos e cantigas de Pepe de Forgas co seu irmán Álvaro.”
Arquivo da categoría: Oralidade
Lugo: X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia, o 21 de outubro
A
X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia, que terá lugar o 21 de outubro, é unha actividade da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.
Somos singulares porque cadaquén temos reservado en exclusiva un nome e uns apelidos; sabemos onde andamos e vivimos, o lugar que ocupamos no universo, porque pisamos territorios nomeados. Relacionámonos case exclusivamente con palabras que son consecuencia de ideas, pensamentos e accións verbalizábeis. Moitas veces este vivir acelerado fai que, sen decatarnos, esquezamos, que borremos da memoria a música de moitas das palabras que foron arrolo no berce das nosas vidas.
Para recuperar e actualizar esa memoria, nesta décima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral –da man de coñecidas/os especialistas en toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía–, decidimos evocar a memoria das palabras que, tanto se as usamos coma se non, aínda están impresas no noso mapa emocional. Porque unha parte decisiva da nosa persoal e particular historia está rexistrada na alma das palabras.
Hai dúas modalidades de inscrición, ambas gratuítas e ambas até o 19 de outubro de 2017 (inclusive):
– 1. O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título homologado pola Consellaría de Educación (8 horas), deben inscribirse na web da AS-PG: http://www.as-pg.gal/Xestion/Curso/EncontrarCursos.do?identifierType=CURSO_ID&identifier=411.
– 2. Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.
A matrícula é preferente para Socias-os da AELG e da AS-PG.
A entrada é libre.
Con esta iniciativa da súa Sección de Literatura de Tradición Oral, a Asociación quere dar continuidade a unha colaboración coa Deputación de Lugo que pretende darlle a importancia que merece a esta parte fundamental da literatura e que axuda a converter a capital lucense nun referente neste ámbito. A xornada será o sábado 21 de outubro de 2017 e terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
Contaremos coas/cos relatoras/es Xulia Marqués Valea, Gonzalo Navaza, Isidro Novo, Mª Rosario Soto Arias, e mais cun faladoiro con Xesús Antón Gulías (investigador), Marcos Escudero, Xabier Quijada e Faustino Santiago Lema (canteiros), no seguinte programa:
Obxectivos
- Achegar ao profesorado coñecementos para o seu traballo na aula en relacion coa cultura popular tradicional.
- Facilitar un foro de reflexión útil ao profesorado para comprender os valores da nosa cultura tradicional.
- Incidir en prácticas e coñecementos que posibiliten o desenvolvemento de habilidades cognitivas en relación coa cultura popular.
Contidos
- As Palabras con Memoria na Literatura de Tradición Oral (palabras esquecidas, toponimia relacionada coa mitoloxía popular, antropónimos, hidrónimos….)
- Busca e identificación das Palabras con Memoria.
- Explotación didáctica transversal das Palabras con Memoria, con especial incidencia nos contidos de Literatura de Tradición Oral.
Crónica fotográfica da Letra das Festas 2017
Estas son algunas das fotografías da edición de 2017 de Letra das Festas. Historias e anécdotas do pulpo -tamén chamado polbo-, que tivo lugar o pasado 10 de outubro en Lugo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Compostela: presentación de Dispostas para cantare
Crónica fonográfica do Congreso de Poesía Nós tamén navegar: grupo de traballo Teatro e outras formas de comunicación do poético
Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega
é o título do Congreso de Poesía organizado pola AELG, coa colaboración do Concello de Pontevedra, co que se pretendeu facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.
Aquí pode escoitarse a crónica fonográfica completa, da que destacamos hoxe os referentes ao segundo grupo de traballo, Teatro e outras formas de comunicación do poético.
– Presentación 2º grupo de traballo: Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.). Afonso Becerra:
– 2º grupo de traballo: Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.). Miguel Sande:
– 2º grupo de traballo: Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.). Antonio Reigosa:
– 2º grupo de traballo: Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.). Silvia Penas:
– 2º grupo de traballo: Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.). Coloquio:
Lugo: Letra das Festas: Historias e anécdotas do pulpo -tamén chamado polbo-, o martes 10 de outubro
Letra das Festas: Historias e anécdotas do pulpo -tamén chamado polbo- é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a colaboración do Centro Cultural Vello Cárcere.
Esta é a sétima edición desta revista oral que ten lugar polo San Froilán, que terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural Vello Cárcere (Rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34), en Lugo, o martes 10 de outubro, ás 18:00 horas. A entrada é de balde.
Contan:
- Fernando Arribas
- Xosefa Anllo Fernández
- Aida Soengas
- Aurora do Carballiño
- Amador Porta Alfonsín
Ambientación musical:
Coordinan e presentan:
“Xeografías do polbo”
Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega. Congreso de Poesía da AELG
Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega é
o título deste Congreso de Poesía organizado pola AELG, co que se pretende facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.
OBXECTIVOS
Preténdese facer un debate aberto sobre o estado actual e recente da poesía galega, unanimemente recoñecida pola súa grande valía literaria, mais que padece unha certa invisibilidade social no seu propio territorio, o que fai máis necesario que nunca un Congreso onde se debatan diversas perspectivas sobre ela, como un punto de encontro onde reflexionar serena e abertamente arredor das experiencias vinculadas ao feito poético.
INSCRICIÓN
A asistencia ao Congreso para o público interesado é libre e de balde, mais pedimos que fagan a inscrición previa, a efectos organizativos, no correo electrónico oficina@aelg.org ou ben no teléfono 981133233 (neste caso, en horario de 09:30 a 14:00 horas, de luns a venres).
FORMATO
O Congreso dividirase en seis mesas redondas, en formato de grupos de traballo, sendo a idea fundamental o debate aberto e a intercomunicación fluída de propostas, análises e perspectivas. Tamén terá lugar un recital poético con voces representativas destes últimos 40 anos de creación poética.
PROGRAMA
VENRES 6 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n. –como chegar-)
Tarde
– 16:00 Recepción dos/as congresistas.
– 16:15 Inauguración do Congreso, coa presenza do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e a Concelleira de Cultura, Carme Fouces.
– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 1. Nós tamén navegar, a poesía galega de 1976 a 2016.
Coordinadora: Marta Dacosta.
Relatoras: Helena Villar, Rosa Enríquez e Yolanda Castaño.
– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 2. Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.).
Coordinador: Afonso Becerra.
Relatoras/es: Miguel Sande, Antonio Reigosa e Silvia Penas.
Espazo Multidisciplinar Nemonon (Rúa Marqués de Riestra, 11, 1º –como chegar-).
– 21:15 Recital de poesía e música, coa participación de: Rosalía Fernández Rial, Xulio López Valcárcel, Antón Lopo, María do Cebreiro, Baldo Ramos, Ana Romaní, Daniel Salgado, Susana Sánchez Arins, Dores Tembrás e Vítor Vaqueiro, xunto á música ao vivo de César Morán. Presentado por Lucía Novas.
SÁBADO 7 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra
Mañá
– 10:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 3. Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia.
Coordinadora: Mercedes Queixas.
Relatoras/es: Ramón Caride, Ramón Nicolás e Estíbaliz Espinosa.
– 12:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 4. Traducións e diálogos con outros sistemas poéticos.
Coordinador: Ramiro Torres.
Relatoras/es: María Reimóndez, Raúl Gómez Pato, Tiago Alves Costa (Lusofonia).
Tarde
– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 5. 40 anos de poesía aos ollos da crítica
Coordinadora: Chus Nogueira.
Relatoras/es: Vicente Araguas, Teresa Seara e Mario Regueira.
– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 6. Innovación poética, trans-xénero, novas modalidades.
Coordinador: Carlos Negro.
Relatoras/es: Fran Alonso, Antía Otero e Celia Parra Díaz.
“O salvavidas das palabras”
Artigo
de Ana Ramil en La Opinión:
“Unha pampoia é como lle chaman a un tipo de bolboreta en Cee, os de Bergantiños usaban o termo zoino para referirse o crego, en Cerceda un andrés é unha persoa desaliñada e santiaguesas son un tipo de peras que se dan na zona de Miño. Estos son so algúns exemplos das dúcias de termos que forman parte de Palabras con Memoria, unha iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que busca recoller palabras en desuso ou que non aparecen nos dicionarios para evitar que acaben por desaparecer e para recoñecer a riqueza léxica que ten Galicia con amplias diferencias de termos en función das localidades. Todo o mundo pode participar neste vocabulario ‘online’. O único requisito é que a palabra ou expresión non estea no dicionario.
Non aparecen nos dicionarios pero son ou foron de uso común en moitas localidades galegas. Palabras que utilizaban os avós, pero que agora corren o risco de quedar no olvido ou expresións típicas dunha zona aínda utilizadas, pero que non son moi coñecidas máis aló de esas terras. Elas son as protagonistas da iniciativa Palabras con Memoria que a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Deputación de Lugo, botou a andar no 2008 co obxetivo de “recuperar palabras en deuso ou perigo de extinción” e deixar constancia doutras verbas usadas polos falantes do galego que non recollen os diccionarios ou que ben teñen un significado totalmente alleo o que se lle da normalmente.
Trátase dunha iniciativa aberta a toda a poboación. Calquer persoa pode enviar as palabras que recolleu á páxina web e os coordinadores, unha vez comprobado que non existe nos dicionarios, a colgarán no portal para englosar o vocabulario que xa conta con centos de termos. Pero como non se trata so de coñecer unha palabra senón de saber o seu significado e algo máis da historia que leva detrás, cada termo conta cunha pequena ficha na web. “Recóllese a palabra, o seu significado e un exemplo para entender ben cómo utilizala, o lugar onde se escoitou e a persoa que fixo a recollida. No caso de ser necesario aportar máis información para comprender a historia da palabra tamén se pode facer”, sinala o coordinador de Palabras con Memoria, o escritor lucense Isidro Novo, quen lembra que aínda que se poden engadir todo tipo de vocablos, fíxose especial fincapé en recuperar palabras que teñen que ver co agro galego, especialmente coa maneira de chamar ós froitos, moitas veces olvidada pola chegada de especies foráneas que enchen as estanterías dos supermercados.
Para coñecer estas palabras que buscan non desaparecer basta con entrar en www.aelg.org e comezar a navegar polo léxico galego para ampliar o coñecemento sobre o idioma da terra. (…)”














