Samuel Merino: “Non é doado vivir da poesía e o noso tecido cultural tampouco axuda”

Entrevista a Samuel Merino en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Ten público a poesía ou faltan lectores e lectoras?
– Samuel Merino (SM): Hai bastante público de poesía e moita xente se está achegando agora de novas. Eu son relativamente novo nisto, levo cinco anos publicando, e por sorte xa me pillou nunha época de bonanza, de repunte da poesía. Son optimista e creo que cada vez está tendo máis público, hai máis xente que colle un libro de poesía por vez primeira por curiosidade para ver o que se agocha detrás.
– LO: E a que cre que é debido ese repunte?
– SM: Estamos nunha época na que a información é multicanle e chega a máis xente dun xeito máis directo, o que ofrece unha visión que antes non existía. Eu antes a visión que tiña da poesía era só a que che ensinan no instituto. Agora, a golpe de clic, podes achegarte a textos e a xente recitando que tocan temas que chegan á sensibilidade. Tamén estamos nunca época na que a arte tende a diluírse. Podes ler un libro e non saber se estás lendo un ensaio, poesía ou narrativa. Estes híbridos axudan a que non haxa unha etiqueta pechada.
– LO: Vostede tira das redes para achegar a súa poesía. Que lle aportan?
– SM: Tiro das redes sociais porque é o que teño, non teño unha tradición vinculada ao mundo da literatura. A miña vinculación é a través da lectura, e especialmente do teatro e as artes escénicas. Moito do que coñecín de literatura foi a través das redes sociais, por intereses propios e mesmo por azar en moitas librerías. Todo foi chegando ata o punto no que estou agora. (…)”

Antón Cortizas: “O xogo tradicional foise perdendo porque a rúa deixou de ser das crianzas para ser dos coches”

Entrevista a Antón Cortizas en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Como se xestou o libro [Os versos da mariola]?
– Antón Cortizas (AC): É froito do Tastarabás e de Chirlosmirlos (dous traballos previos). Son versos dedicados a este xogo que en Ferrol chamamos a chapa, aínda que ten moitísimos nomes e tamén deseños. É un xogo iniciático, como un camiño de vida simbólico. A idea foi poemizar nel todos os valores do xogo tradicional.
– DF: Que vostede cultivou desde neno en Canido…
– AC: Si. Na tribo que eramos da rúa Atocha levabámonos moi ben nenos e nenas e non había un que mandase sempre. Seguiamos as pautas do xogo tradicional, así que iso se botaba a sortes.
– DF: A súa xeración, a que viviu a infancia nos anos 60, foi a última que puido gozar plenamente do xogo tradicional, do xogo na rúa?
– AC: Non, hóuboas posteriores. Por exemplo, cando estaba dando aulas en Mugardos nos 80 un dos meus labores foi divulgar o xogo tradicional e que non se perdese. Teño unha recolleita, contada polo meu alumnado, de máis de 140 diferentes. Só en Mugardos.
– DF: Chama a atención a enorme diversidade que hai neste eido…
– AC: Moita. En Chirlosmirlos, enciclopedia que publiquei despois, grazas a Henrique Sanfiz –chamoume para dicirme que aquel programa de radio que fixeramos nos 80 podía saír en libro–, aparecen 450 xogos diferentes. Posteriormente, en Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais, hai máis de 800 xoguetes. É unha riqueza espectacular. (…)”

As aprendizaxes primeiras en Enxertos

Entrevista a Dores Tembrás no Diario Cultural da Radio Galega:
““O desafío maior ao que me enfrontei foi a aparición das grandes palabras”. A escritora e editora Dores Tembrás presenta novo libro. Enxertos esculca as pegadas, lembra as aprendizaxes primeiras. A entrevista pode escoitarse aquí.”