Yolanda Castaño desarma grandes mitos contemporáneos en A falsa autónoma

Entrevista de Ana Abelenda a Yolanda Castaño en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Na pandemia escribía quen podía, non quen quería escribir.
– Yolanda Castaño (YC): Nese sentido, é certo que a pandemia, fronte á imposibilidade de traballar fóra da casa, deume quietude, tempo e silencio contextual. Recibín consellos («trata de non pensar en pasado mañá») e conseguín refuxiarme na escrita. A escrita tamén é iso: consolo, bálsamo e ferramenta. Parecíame un luxo dilapidar ese tempo. Agarreime á escrita e escribín Materia na primavera e outono do 2020. Pero xa había outras emocións turrando por min. Estivera anos facendo unhas reflexións sobre as condicións materiais da escrita das que fun tomando notas. Escribín o ensaio Economía e Poesía. Rimas internas, pero estes contidos seguían aguilloándome. E vin interesante facer un traslado deses contidos do código ensaístico á poesía.
– LVG: Foi máis doado do que pintaba?
– YC: Ocorreu algo inesperado en min, que só medie un ano entre un libro e outro. No verán do 2021, nunha residencia en Mojácar, as ideas empezaron a brotar relacionadas con esas cuestións, moi fillas desa crise económica tan grave que pasei. Continuei ese manuscrito de A falsa autónoma nunha segunda residencia, en Finlandia, en xaneiro e febreiro do 2022, nun lugar de ensoño. Estiven máis produtiva que nunca! Pasaban os raposos, os cervos, caía a neve… Sentinme como se estivese nun centro de alto rendemento! Só catro horas de sono ao día. Saquei moito e estaba nun momento de forza creativa. Por outono do 2022, dei por rematado A falsa autónoma.
– LVG: O Premio Nacional por Materia chegou despois de rematar este poemario?
– YC: O Premio Nacional pilloume cos deberes feitos. Cun ensaio e un poemario novo rematados. Volvo a aqueles tempos difíciles nos que non sabía se ía saír.. Foi cumpridos os 40. Custou recuperarse. Nese tempo, un amigo poeta díxome: «As dificultades económicas, Yolanda, afectánnos máis emocionalmente do que estamos dispostos a admitir». É unha frase sinxela, pero foi como se me dese permiso a min mesma para sentir cousas que me estaba negando facéndome a forte.
– LVG: Nas mulleres esta presión é maior?
– YC: Si, non está ben visto que falen de cartos, deben ser modestas… Isto por unha banda, e pola outra, a presión de sermos fillas da terceira ola, ser mulleres empoderadas. (…)”

Compostela: “Scripta manent: escritoras da filoloxía”

Compostela: XXXIV Xornadas de lingua e literatura

A Coruña: Carácter e canto: obradoiro arredor da arte cantareira e a ciencia da escrita, impartido por Estíbaliz Espinosa


O obradoiro arredor da arte cantareira e a ciencia da escrita Carácter e canto, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Circo de Artesáns.

Saímos polo outro lado da música para abordar, ao longo de varias sesións, a escrita ben dun ciclo de poemas completo, presto a ser musicado, ben dunha obra literaria co foco na arte cantareira e a oralidade. Cada participante sairá cun ciclo poético-literario propio ou colaborativo, listo para ser posto en voz, slam poetry ou lectura dramatizada, así como coas ferramentas para seguir explorando a simbiose entre literatura e son.

Será impartido por Estíbaliz Espinosa, e cunha sesión especial a cargo de Ugia Pedreira.

– 20 prazas, gratuítas, para maiores de 18 anos, que se adxudicarán por orde cronolóxica de solicitude.
– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, faise mediante correo electrónico en oficina@aelg.org indicando o nome, apelidos e o nome do obradoiro.
– O obradoiro terá lugar na Biblioteca Provincial da Coruña (R/ Rego de Auga, 37, A Coruña).  A última sesión realizarase no Circo de Artesáns, rúa Santo André, 36.

Calendario
– Días: sábados 26 de abril; 3, 10, 24 e 31 de maio; e 7, 14 e 21 de xuño.
– Horarios: de 10.30 a 13:30 h.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Entrevista a Abraham Pérez na revista Quiasmo

Entrevista a Abraham Pérez na Revista Quiasmo:
“(…) – Quiasmo (Q): Quem é Abraham Pérez?
– Abraham Pérez (AP): Ben, coido que esta debería ser a resposta máis sinxela de dar, porén semella, sen coñecer o que vén por diante, das máis complexas. Penso que todo ten un contexto e os datos, imos dicir oficiais, din que nacín en Lugo no ano 1990. En calquera caso, creo que a figura delimitada é o menos relevante. Considero que somos algo semellante a unha pasaxe: un espazo polo que pasan moitas cousas e, en consecuencia, iso tan precario que denominamos identidade, entendido coma un construción definida e rematada, non é máis que o conxunto das lecturas, visualizacións, escoitas e relacións sociais (todo isto nun amplo senso) que establecemos durante a vida. Sen esas coordenadas e sen o contexto no que se posibilitan, coido, sería falsear unha realidade. Somos algo aberto e en constante elaboración. Unha especie de coexistencia de presente, pasado e futuro.
– Q: Como a poesia e as artes, por exemplo… Que é o te achega a essa faceta criativa?
– AP: Se a lectura é, para min, un modo de estar no mundo, orixe do coñecemento e, claro, do estudo, a escrita é un modo de comprensión do mundo, de aclararmo (ou, cando menos, intentalo) sabendo que sempre está abocada ao fracaso.
– Q: Como levas a cabo o teu trabalho criativo?
– AP: O estudo é a parte central do traballo. Sen estudo rigoroso non habería posibilidade de tentar facer unha obra coherente. No meu caso, as distintas pezas, os distintos textos, son froito de moito traballo formal. Certo é que non penso se vou escribir un conxunto de poemas ou un libro de carácter máis narrativo, senón que o que acontece é que grazas a ese estudo e da preocupación arquitectónica, comezan a xurdir vestixios a partir dos cales comezo a traballar. E, desde aí, que é un proceso longo, empezo a puír, a recortar, a eliminar cousas que sobran, até, como digo sempre, que a obra comeza a facer un escorzo. O momento da reescrita, ou mellor, da depuración é o traballo que máis tempo me leva. Durante o mesmo, chega un punto de equilibrio entre a forma e o contido que xa posibilita que camiñe por si soa, é necesario abandonala. E é aí onde se manifesta a ambivalencia, as distintas capas de lectura, o punto de humor –soterrado- e burla.
Outra cousa é o ritmo de publicación. No meu caso, non adoitan cadrar. Ás veces publícanse varias obras en relativo pouco tempo, mais a súa existencia é froito de moitos anos de traballo. Sucede que, ás veces, xúntanse e parece que un produce, no lugar de crear. (…)”