Crónica videográfica do Parlamento de Escritoras-es (V)

O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita foi unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que tivo lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Acto literario e musical. Actuación de Aldaolado e presentación de autoras-es participantes (II):

Acto literario e musical. Recital de Estíbaliz Espinosa:

Acto literario e musical. Recital de Antonio García Teijeiro:

Acto literario e musical. Recital de Antía Otero:

Acto literario e musical. Recital de Eli Ríos:

Compostela: actividades destacadas do 3 de maio na Feira do Libro 2019

O 3 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

13:00 h. Lucía Aldao asina na caseta da Libraría Numax.
19:00 h. Anna R. Figueiredo estará asinando exemplares de Os bicos feridos (Premio Viadutos 2018) na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Presentación de Formig4s. Misión Camiño de Santiago, de Pere Tobaruela e Andrés Meixide, publicado por Xerais. Participan Fran Alonso e os autores. Ao remate sinatura de exemplares.
19:45 h. Luísa Martínez Lorenzo asina Puf! Vaia peido… na caseta de Galaxia.
19:45 h. Presentación de As nosas letras de Muller a Muller, de María Eiras. Coloquio sobre o proceso da ilustración.

Compostela: actividades destacadas do 2 de maio na Feira do Libro 2019

O 2 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

18:00 h. Presentación de Os contos da avoa Pepa, de Francisco X. Fernández Naval, publicado por Kalandraka. Con Manuel Figueiras.
19:00 h. Presentación de Sandalias verdes, zapatos azuis e cans negros, de Pilar G. Rego, publicado por Xerais. Participan Estíbaliz Espinosa, Fran Alonso e a autora. Ao remate sinatura de exemplares.
19:00 h. Sinatura de Suso de Toro na Caseta de NUMAX.
19:45 h. Presentación de As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey, publicado por Xerais. Participan Montse Pena Presas, Fran Alonso e o autor. Ao remate sinatura de exemplares.

Crónica videográfica do Parlamento de Escritoras-es (IV)

O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita foi unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que tivo lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Acto literario e musical. Actuación de Aldaolado e presentación de autoras-es participantes (I):

Acto literario e musical. Recital de Xosé María Álvarez Cáccamo:

Acto literario e musical. Recital de Tamara Andrés:

Acto literario e musical. Recital de Marica Campo:

Tu contas e eu conto de Susana S. Arins, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Hai escritas que se acompañan con rituais necesarios. No meu caso acontéceme cos libros de Susana Sanches Arins. Nos días da publicación fuxo, a canto dan os pés, de calquera spoiler. Tapo as orellas, como as crianzas, e repito “non te escoito, non te escoito” para non romper a maxia. Esperar que chegue a obra á libraría coa emoción da noite de reises. E reservar o tempo porque sei que o preciso nada máis saia pola porta. Ese tempo sen teléfono, sen compromisos. Ese tempo só para escoitar os contos de Susana S. Arins. E volta o verbo escoitar cos ollos, oír na lectura porque as grandes contadoras, como Susana S. Arins, saen do papel para transmitirnos a memoria do miúdo. A memoria do cotián, desas cousas do íntimo das que ninguén fala e que son as heroicidades diárias como sobrevivir á precariedade ou regresar á casa despois de sentir o medo no corpo. O privado e o público. O político desde o persoal. Repensar onde estabamos o día do accidente do Alvia ou na nevarada de 1987. A narradora, nunha auto-ficción maxistral, cóntanos que facía ela ese día e nós tamén queremos saber. E, nese instante, prende a maxia. A faísca primixenia para sabernos parte da historia. Dentro. Porque a Historia que se conta nunca é individual: está quen cala e quen obriga a calar. Tamén quen ofrece as liñas do papel para erguer a voz:

E deu um nome. E sabia. (…)”

Pontevedra: Escola de Escritoræs. Obradoiro A ciencia das letras: Ciencia, poesía e viñetas para constelar ideas e emocións, con Estíbaliz Espinosa

O Obradoiro A ciencia das letras: Ciencia, poesía e viñetas para constelar ideas e emocións, con Estíbaliz Espinosa é unha unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

Se te sentes tanto de letras como de ciencias; se sempre quixeches achegar un gran de area a temas universais como o amor e a morte, pero cos ollos, o enfoque e á luz do coñecemento científico [dende a mecánica cuántica ata as ondas gravitacionais, pasando pola xenética, a neurociencia ou a bioloxía]; se cres que un poema é a criatura literaria máis híbrida, que tamén pode expresarse cunha viñeta, banda deseñada ou nunha infografía; se queres artellar e compartir poemas e tamén todo o universo que colle neles… agardámoste nesta primavera en Pontevedra cun programa cheo de letras e ciencia, cunha convidada moi especial.

A cargo de Estíbaliz Espinosa e cunha clase maxistral de Marilar Aleixandre.
As aulas, nas tardes dos venres, versarán sobre a escrita de poemas e sobre diversas ramas da ciencia coas que adoptar un enfoque literario, de cara a un proxecto final.
O proxecto literario constará de:
– Por unha banda, a elaboración dun poemario científico curto [adubiado con ilustracións, viñetas ou infografías, ao gusto].
– Por outra, un recital final en xuño.
As obras que o desexen poderán subirse á páxina laboratoriodapalabraudc.wordpress.com

Calendario e inscrición
– Días: venres 26 de abril; venres 3, 24 e 31 de maio; venres 7, 14, 21 e 28 de xuño.
– Horarios: de 17:00 a 20:00 h.
– 25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
– Inscrición, necesaria e gratuíta, en inscricions@pontevedra.eu, indicando os seguintes datos:
Nome e apelidos.
Correo electrónico.
Núm. do documento de identidade.
Enderezo completo.
Data nacemento.
Ocupación.
As prazas asignaranse por orde de solicitude.

O obradoiro desenvolverase no Pazo da Cultura (Rúa Alexandre Bóveda), no Seminario 8 – Aula da Escola de Escritoræs da AELG.