Donas, Gondomar: conversa con Carlos Negro arredor de Penúltimas tendencias

Desde Espazo Lectura:
“Este sábado 31 de maio a partir das 20:30 h. a Casa da Lectura (Nogueira, 8, Donas, Gondomar) acollerá a sesión de peche da tempada do Comando Le, que terá como actividade central un encontro dos rapaces e rapazas co poeta Carlos Negro para conversar sobre o seu último libro, Penúltimas tendencias. Con esta sesión despídense ata outubro as actividades do Comando Le, o grupo de activismo cultural para rapaces e rapazas de 12 a 15 anos que funciona desde outubro de 2012 dentro da programación de Espazo Lectura.
Carlos Negro, que xa participara nas actividades do Comando Le impartindo un obradoiro de poesía, volve a Gondomar para falar cos rapaces do seu último poemario, Penúltimas tendencias, un libro de versos que rompen as costuras do silencio, un diario onde unha adolescente convulsa e opaca atopa a voz que nunca tivo, un álbum secreto para todas aquelas mozas que tentan ir máis alá da gaiola rosa dos contos de princesas, fuxindo da ditadura dos espellos.”

Bueu: III Festival Poético do Morrazo. Xosé María Díaz Castro

A Coruña: Marcha das Buguinas 2014

O domingo 1 de xuño, a partir das 17:00 horas, desde a Praia de San Amaro da Coruña, sairá o roteiro A Marcha das Buguinas, organizado polo Colectivo In Nave Civitas pola contorna da Torre de Hércules, facendo bruar as buguinas ao tempo que se contarán paso a paso historias das pedras e dos percebeiros. Tamén haberá poesía e música, coa participación, entre outros, de Xurxo Souto.

Vigo: actividades destacadas do venres 30 de maio na Feira do Libro

O venres 30 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

18:15 h. Sinatura de Miguel Ángel Alonso Diz na caseta da Libraría Andel.
19:00 h. Mesa redonda sobre Xosé María Díaz Castro. Intervirán no acto Armando Requeixo, Luís González Tosar e Víctor Freixanes.
20:00 h. Presentación do libro O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, publicado por Galaxia. Xunto á autora, participan no acto Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

“Decálogo para unha poesía que se cadra non existe”, de Carlos Negro

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Atopei a semana pasada na cidade de Vigo a Carlos Negro. Termaba dunha rechamante e miseriosa maletiña que algo tiña que ver, seica, co seu Penúltimas tendencias, mais cuxos contidos non puiden ver polas présas. Dun ou doutro xeito velaquí este decálogo, relacionado con ese poemario e coa traxectoria do autor e que gustosamente difundo no blog pois resulta ben interesante desde diversos puntos de vista, entre os que saliento o didáctico e, abofé, o puramente literario.
• A poesía orientada a un público xuvenil carece de pasado, polo que só existe en futuro. Permite a aventura, porque as súas fronteiras aínda non están delimitadas por ningún sacerdote da tribo.
• Aínda que minoritario, existe un público para a poesía; aínda que invisible, existe un público para a poesía xuvenil; aínda que ameazado, existe un público para a poesía xuvenil en galego. Non son frases baleiras, senón certezas empíricas.
• Todo poema destinado a un público xuvenil, polo feito de selo, está condenado a loitar a morte contra esa conxunción concesiva que condiciona, a priori, as valoracións lectoras da mocidade: “Este libro, a pesar de ser de poesía, resultou…”
• A revolución da poesía xuvenil consiste en fender estereotipos, mais non desde unha trincheira ideolóxica, senón desde a dinamita das emocións.
• Un poema xuvenil ten o mesmo dereito a citar a Justin Bieber que un poema para adultos a Charlie Parker. E Celso Emilio Ferreiro pode cantar un verso a carón de Beyoncé. Porque a poesía é libre, ou non é nada.
• Tres principios básicos para escribir un poema xuvenil: rigor lingüístico, ambición estética e debate ético. En definitiva, ansia de facer versos que non resulten estatuas de sal na vitrina dun museo arqueolóxico.
• Practicar a poesía xuvenil é un deporte de alto risco: fala para lectoras e lectores mutantes, en proceso de cambio, distint@s e distantes.
• A poesía para adolescentes debe ser xulgada do mesmo xeito ca de adultos: como boa ou mala literatura, é dicir, como algo que enche ou como algo que sobra.
• A poesía xuvenil é aquela que permite ler tamén toda aquela que xa non é xuvenil.
• Se a poesía xuvenil aínda non existe… que ou quen nos impide inventala?

Carlos Negro, maio de 2014″