Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (VIII)

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Finalizamos coa publicación diaria dos centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:

Sábado á noite: CPR plurilingüe Montesol, Vigo.
-Compadre, desque un vai vello: CEIP plurilingüe San Marcos, Abegondo.
Prólogo: IES Illa de San Simón, Redondela.
Nasín cando as prantas nasen: CEIP Alexandre Bóveda, Chapela-Redondela.
-Cantan os galos pra o día: CPI da Cañiza.

Vigo: presentación de Carnia Haikai, de Elvira Riveiro

O sábado 9 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Social Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Carnia Haikai, de Elvira Riveiro, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto, xunto á autora, participan Silvia Penas, Héitor Picallo e a DJ alemá Carina Posse, no que será un acto que combine a reflexión sobre os textos, o discurso arredor da xénese das ilustracións que acompañan os poemas, o recitado, a música e o vídeo.

Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (VII)

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Continuamos coa publicación diaria daqueles centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:

Cando a luniña aparece: Colexio Divina Pastora, O Barco de Valdeorras.
Si a vernos, Marica, nantronte viñeras: CEP Pilar Maestu Sierra, A Pobra do Caramiñal.
Como chove miudiño: CEIP de Baño-Xanza, Valga.
Miña Santa Margarida: CEIP O Ramo, Fene.
Eu cantar, cantar, cantei: IES Marqués de Sargadelos, Cervo.

Ourense: Acértalle no corazón, con Yolanda Castaño

“Co gallo do día dos namorados e celebración de San Valentín, un dos maiores referentes da respostería tradicional e creativa galega tras 40 anos de exquisito traballo –a casa Fina Rei- asóciase coa poeta Yolanda Castaño para presentar un produto moi especial. Trátase dunha frecha de chocolate rematada nun corazón, e que leva consigo un poema de amor asinado pola poeta actual santiaguesa-coruñesa, nunha saborosa alianza de versos e chocolate dirixidos a esa persoa querida. Baixo o lema Acértalle no corazón, vén de editarse ademais un cartel conmemorativo da frutífera colaboración culinario-literaria.
Para dar a coñecer este produto creativo tan orixinal, convócase unha presentación aos medios para este venres 8 de febreiro na propio establecemento de Fina Rei en Ourense (rúa da Paz, nº 20) ás 12:00 da mañá. Nel contarase coa presencia de Yolanda Castaño, que dará lectura ao poema escollido xunta os artesáns reposteiros que levan apostando polo galego dende os seus comezos. Unha camaradería de elegancia, bo gusto e exquisitez creativa que demostran que non fai falla facer grandes alardes consumistas ou botar man de culturas alleas para lembrarnos daqueles a quen queremos.”

Pontevedra: lanzamento de Mordida, de Eugénio Outeiro

A sexta feira 8 de febreiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa da Oliva, 24), preséntase Mordida, o último poemario de Eugénio Outeiro, publicado por Através Editora. No acto, coorganizado polo Ateneo de Pontevedra e a AGAL, participan, xunto ao autor, Xaime Toxo e Antón Sobral.