Lugo: presentación do Grupo Literario Leiras Pulpeiro

Marta Dacosta: “Patriarcado, colonialismo e imperialismo son o mesmo, desde a Antigüidade ata hoxe”

Entrevista de Montse Dopico a Marta Dacosta en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MDo): Argola é o teu poemario máis narrativo. Vainos contando unha historia.
– Marta Dacosta (MDa): Si. Foi unha idea que xurdiu, e probei. Quixen experimentar. Quería relatar unha historia, por iso o libro ten esa unidade. Traballei nel dunha maneira na que non traballara nunca antes. Tentei seguir sempre a liña argumental do que xa tiña escrito. Foi, nese sentido, unha escrita metódica, case planificada. Penseino moito tempo antes de escribir. Xa viña, así, cun obxectivo moi marcado.
– MDo: A historia que nos contas é a dunha vestal romana. Non é a primeira vez que recorres a figuras da Antigüidade, da mitoloxía…(Penélope, Antígona…) Por que?
– MDa: En realidade é unha escusa, un pretexto para falar da muller. É verdade que sempre me impactou a realidade das vestais: polo menos ata onde sabemos delas. Porque eran mulleres utilizadas, dominadas, sen vontade propia, malia pertencer ás clases dominantes. E esa dominación das mulleres prolongouse durante milenios. Hoxe, no século XXI, non todas as mulleres poden tomar as súas decisións sobre as súas propias vidas. Por iso traio unha figura do pasado ao libro. Non quixen situar, así, a historia nun tempo concreto. Porque segue a estar aí esa falta de que as mulleres sexan donas do seu corpo e das súas vidas.
– MDo: A vestal do teu libro rebélase, como pode, contra a dominación. Nos teus libros As amantes de Hamlet e Acuática alma había xa unha Ofelia á que convidabas a erguerse…
– MDa: A protagonista é, si, unha muller que se rebela contra a dominación. Que é a dominación do patriarcado, do colonialismo e do imperialismo. Porque patriarcado, colonialismo e imperialismo son o mesmo, desde a Antigüidade ata hoxe. A ela póñena ao servizo do Imperio Romano. Ao servizo do Imperio, como estrutura de dominación do pobo. E hai unha contraposición, nese sentido, coa figura das mulleres liberadas, que son as afogadas, inspiradas nas lendas das pozas de Mougás. Que xa estaban en As amantes de Hamlet. É unha maneira, así, e falar de identidade, da tradición propia, pois son figuras da nosa tradición literaria oral. As mulleres afogadas que se levantan, as donas das pozas. Mesmo hai tamén un certo sentido de vinganza… En canto a Ofelia, é unha figura que me interesa moito. Eu entendo que é unha muller maltratada. E por iso lle pido que se erga. Que non actúe como o que querían daquela e o que queren hoxe de nós: que sexamos obxectos fermosos, quietiños, caladas… (…)”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (VIII)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no CEP Carlos Casares de Alxén, Salvaterra de Miño, do seguinte xeito:
“Realizouse un graffiti-mural e un programa especial de radio con recitado de poemas por parte do alumnado e música de poemas seus musicados, despois de traballar co libro Rosalía pequeniña nas aulas.

Máis fotos, aquí.

A Coruña: Obradoiro de poesía con María Canosa, do 20 ao 22 de marzo

O xoves 20 e venres 21 de marzo, ás 18:00 horas, e o sábado 22 de marzo ás 11:00 horas, no Centro Ágora da Coruña, e dentro de CoruñaMayúscula, terá lugar un obradoiro de poesía impartido por María Canosa. O prezo é gratuíto e hai un máximo de 15 prazas (en caso de superarse este máximo, realizarase unha selección entre as persoas inscritas atendendo á calidade dos textos enviados. A inscrición pódese realizar ate o domingo 16 de marzo. A preinscrición a este obradoiro pódese efectuar aquí.
Neste obradoiro literario comezarase pola descuberta do que é a poesía en si, partindo da base de ideas preconcibidas, que pode estean a limitar o universo poético. Por iso, realizarase unha pequena lectura crítica de textos que se someterán a análise, e servirán de base para a creación de novos textos poéticos por parte dos asistentes. Levaranse a cabo técnicas de mellora de lectura e dramatización de textos poéticos, facendo fincapé na modulación e a importancia da mesma. O obxectivo principal é a descuberta da conxugación de sinxeleza e grandiosidade na poesía como unha primeira aproximación.