Un estudo sobre o entroido ourensán, premio Risco de ciencias sociais

Desde Sermos Galiza:
Festividades de inverno na provincia de Ourense é o título do ensaio co que Carlos Xabier Ares Pérez (Viana do Bolo, 1971) vén de se facer co premio Vicente Risco de ciencias sociais, outorgado pola Fundación Risco.
Subtitulado Máscaras, personaxes e rituais, a obra baséase, explica o xurado, “nun extenso traballo de campo, unha catalogación dos personaxes e figuras do entroido e das festas de inverno ourensás”. “O traballo poderá ser moi interesante para un coñecemento das figuras que protagonizan estas festividades”, engade o fallo.
Carlos Xabier Ares Pérez publicara numerosos achegamentos ao entroido en xornais ou publicacións periódicas. Escribiu ademais varias contribucións á historia da súa localidade natal, Viana do Bolo, onde a máscara tradicional é o boteiro.
O xurado da XXIII edición do premio Vicente Risco formárono Luzia Oca, da Universidade de Trás-os-Montes; António Carlos Gomes, do mesmo centro; Teresa Devesa, polo Concello de Allariz -sede da fundación-; Manuel Carrete, polo de Castro Caldeas; e con José María Eguileta, da fundación, como secretario.”

Fernando Redondo Neira gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018

Desde Galaxia:
“A obra Os amorodos de Bergman, de Fernando Redondo Neira resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Naturgy. A xuntanza do xurado realizouse o día 21 de decembro de 2018, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano, amosa unha ollada do universo do cinema feita a partir dunha experiencia galega, a Asociación dos Amigos do Campo, que nas primeiras décadas do s. XX, recolleron no celuloide, paisaxes e momentos de socialización coa descuberta da natureza como contexto.
O traballo sitúase no momento en que Galicia se abría ao Modernismo. Daquela, ten valor histórico, antropolóxico, semiótico, artístico e memorialístico desde unha posición filosófica e tecnolóxica que sitúa a Galicia nos albores da Historia universal da cinematografía.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Carme Adán, Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Chachero, María Xosé Porteiro e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.
Fernando Redondo Neira, nado en Camporrapado (Boqueixón), é un xornalista e investigador galego. Licenciado en Ciencias da Comunicación pola Euskal Herriko Unibertsitatea e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela é tamén membro da Asociación Española de Historiadores do Cinema así como da Asociación Galega de Investigadores da Comunicación. En 2018 foi galardoado co Premio Manuel Reimóndez Portela.”

María Xesús Lama e Emilio Ínsua reciben ‘ex aequo’ o I premio de investigación Ramón Baltar

Desde Cultura Galega e a Fundación Rosalía:
“A obra Cantos de independencia e liberdade (Galaxia, 2017), da profesora María Xesús Lama, e A nosa terra é nosa: a xeira das Irmandades da Fala 1916-1931 (Baía Ensaio, 2016), de Emilio Insua, foron as gañadoras, ‘ex aequo’, do I premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijoo que convoca a Fundación Rosalía de Castro. O premio, que é honorífico, ten por sentido “contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental Ramón Baltar Feijoo, e convócase cada dous anos.
O xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados e salientou a á “relevancia do traballo” destas dúas obras premiadas. Está formado por Xosé Luís Axeitos, membro da RAG; Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e ex presidente da RAG; María Xesús Pato, escritora; Alba Nogueira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijoo; ademais de Anxo Angueira e Xosé Carlos Beiró, presidente e secretario da Fundación Rosalía respectivamente.”

María Xesús Lama, Premio Nacional de Ensaio pola súa biografía de Rosalía

Desde Sermos Galiza:
Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) é o libro que lle acaba de valer a María Xesús Lama o Premio Nacional de Ensaio do Ministerio de Cultura. Publicado en 2017 por Galaxia, é a primeira parte dun ambicioso proxecto biográfico sobre a poeta de Follas Novas.
O galardón, dotado con 20.000 euros, coñeceuse na mañá desta quinta feira, 8 de novembro. Segundo o xurado, a obra de Lama (Lugo, 1964) “contribúe a revisar unha imaxe tópica de Rosalía de Castro, ancorada nunha visión romántica e chorosa, amosando unha escritura lúcida, independente e defensora da liberdade, a igualdade e a xustiza social”.
María Xesús Lama traballa como profesora de literatura galega na Universidade de Barcelona. Autora tamén de investigacións sobre o celtismo e a materia de Bretaña, con Cantos de independencia e liberdade iniciou a escritura dunha das máis completas achegas á vida e á obra de Rosalía de Castro.”

Fallo do XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Desde a Fundación Vicente Risco:
“Reunido o xuri do XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, composto por:
Alberto Moreira Baptista (CETRAD-UTAD),
Octávio Sacramento (UTAD),
Teresa Devesa Graña (Concello de Allariz),
Manuel Carrete Rivera (Concello de Castro Caldelas) e,
actuando de secretario, José Mª Eguileta Franco (FVR)
Acorda por maioria premiar a obra:
USOS E DESUSOS DAS TERRAS DE TOURÉM. TRANSFORMAÇÕES SOCIOTERRITORIAIS EM UMA ALDEIA RURAL FRONTEIRIÇA DO NORTE DE PORTUGAL COM A GALIZA, de autoría de Diego Amoedo Martínez
O traballo, centrado na aldea fronteiriza portuguesa de Tourém, en pleno Val do Salas, encádrase nos estudos de Antropoloxía. A obra establece un diálogo fluído, constante e poliédrico entre dous elementos esenciais, o habitante e unha aldea identificada como “a terra”, entendendo o primeiro como protagonista configurador secular do medio físico do que forma parte inseparable, e a segunda, como unha entidade que é moito máis que unha simple agrupación de vivendas. O diálogo entre ambos enriquécese progresivamente na medida en que entran en xogo as claves para definir a identidade dos “fillos da terra”, mulleres e homes que secularmente contribuiron a humanizar ata límites insospeitados unha paisaxe aparentemente natural, que forma parte do Parque Nacional de Peneda-Gerês. A base económica agrogandeira, como tamén a propiedade da terra ou as relacións sociais e familiares trenzadas ao redor delas, reforzadas e sancionadas polas actividades dos ciclos festivos, contribúen a presentar ao lector un universo onde el mesmo, o habitante, é construtor e usuario dun escenario, un ecosistema artificial, que ao tempo lle serve de referencia e identificación en calquera parte do mundo.
Conforme as bases que permiten até dous accésits, o xuri propón, previo consentimento do autor, editar a obra Sen medo ao Demo (O teatro de títeres de Barriga Verde e a resistencia simbólica na Galiza da Postguerra).

Allariz a 27 de xaneiro de 2017″

Xosé Constenla gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2017

Desde Galaxia:
“A obra O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país, de Xosé Constenla Vega, resultou hoxe gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2017, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano, amosa unha fonda elaboración teórica que logra demostrar a necesidade dunha lectura xeográfica da realidade que xera unha proposta politica con futuro. A vontade de transcendencia da obra demostra a posibilidade de reinterpretar Galicia desde unha perspectiva esperanzadora e, sobre todo, útil para a intervención no territorio.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Dolores Vilavedra Fernández, Luís Alonso Girgado, Manuel Núñez Singala, Inma López Silva e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.
Licenciado e Doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Constenla Vega é técnico especialista en Sistemas de Información Xeográfica (2006). Foi profesor de Xeografía na Universidade da Coruña, na Universidade Carlos III de Madrid e investigador no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Traballou durante 8 anos como xeógrafo na Área de Urbanismo e Ordenación do Territorio de IDOM. Na actualidade é profesor da Universidade de Vigo na área de Didáctica das Ciencias Sociais e tamén na Universidade de León na Área de Xeografía Humana. (…)”

Unha obra que reflicte “a entrada do século XX de Galiza” gaña o Manuel Murguía de Ensaio

Desde Sermos Galiza:
“Os investigadores Raúl Soutelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó son os gañadores do XI Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña – dotado cun galardón de 6.500 euros e a edición da obra gañadora- coa súa obra O son que coñeceu Ramón Caamaño.
O xurado estimou a “contribución social á historia da fotografía galega e da modernidade” ao combinar “fontes orais e arquivísticas, facendo unha descrición con mestría e amenidade, que parte do local para dirixirse a un público xeral. Desta maneira mesmo coas raíces do traballo no concello de Porto do Son, o ensaio acada unha dimensión moito máis abranxente e vincúlase ao conxunto do país
Destaca tamén que o traballo “combina dun xeito acertado o ensaio e a reportaxe fotográfica, tocando distintos planos e sectores, como a demografía, o mundo do traballo, os conflitos sociais ou mesmo a rede viaria”. Así mesmo, O son que coñeceu Ramón Caamaño reflicte, para o xurado, “a entrada do século XX de Galiza”.
Ademais da obra gañadora, o xurado decidiu destacar como finalista o traballo de Ana Naseiro Ramudo, titulado Revisión da Historia da Coruña. A fábrica de tabacos e a fábrica de mistos.
O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin, e composto pola doutora en Filosofía África López, a psicóloga e orientadora educativa Ana Torres, o historiador Uxío Breogán Diéguez, a filóloga Helena Miguélez e o gañador da última edición do certame, o catedrático de Filosofía, Marcelino Agís,”.
Raúl Soutelo é doutor en Historia pola Universidade de Vigo, profesor de ensino secundario e de didáctica das Ciencias Sociais na Universidade de Santiago de Compostela. Especializado en historia social contemporánea. Pola súa parte, Vázquez Lijó é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais é profesor asociado da área de Historia Moderna da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade de A Coruña dende 2007 ata a actualidade, unha plaza que compatibiliza coa de técnico de xestión do Museo marea do Porto do Son.”

Xosé Fuentes Alende gaña o premio de investigación Olimpio Arca

Desde Pontevedra Viva:
“Un traballo sobre os exvotos na relixiosidade popular galega foi elixido por unanimidade como o gañador da primeira edición do premio de investigación Olimpio Arca, convocado polo Concello de Cuntis.
O gañador, Xosé Fuentes Alende, é natural de Cuntis, que recibirá un premio de 1.500 euros.
O xurado do premio, formado por Mar Llinares García, Mercedes Queixas (en representación da AELG), Héitor Picallo (investigador cuntiense e coñecedor da figura de Olimpio Arca), Carlos Valle (director do Museo de Pontevedra), Gregorio Ferreiro (en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística), Mónica Arca (filla de Olimpio Arca) e Enrique Portela (concelleiro de Cultura), destaca que se trata dun traballo que significa unha grande achega ás temáticas de estudo dentro do ámbito galego e que ademais conta cunha maior proxección a nivel español e internacional.
Ademais, celebran que é unha investigación novidosa dentro do ámbito de estudo, é rigoroso, está escrito dun xeito impecable, o que facilita o acceso a diferentes planos de lectores, e que se trata dunha temática de actualidade.
A Concellería de Cultura de Cuntis traballa xa para iniciar os contactos para a súa publicación.
A entrega do premio terá lugar nun acto solemne o sábado 18 de novembro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres.”

Dúas investigacións sobre rituais curativos e espirituais gañan o XVIII Premio Xesús Ferro Couselo

Desde o Concello de Valga:
“Dous traballos sobre rituais protectores e máxicos tanto a nivel autonómico como local son os gañadores do XVIII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, un certame que busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e que o Concello de Valga convoca dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas ao Fillo Predilecto da vila e insigne figura da cultura galega.
O 30 de xullo, no día no que se cumpren 111 anos do nacemento de Xesús Ferro Couselo, dase a coñecer a decisión do xurado que se reuniu o pasado 21 de xullo na Casa do Concello e que, presidido polo alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, estivo integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Municipal de Ourense, técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia e neto de Xesús Ferro Couselo; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuou José Ramón Rial Becerra, membro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.
Na primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte, o gañador foi o antropólogo Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971). Concorreu ao certame baixo o lema “Vade Retro” e coa investigación titulada Ritualista protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega. Fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafael Quintía xa se proclamou gañador no ano 2015 do XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co traballo “Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega” e no 2016 gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio coa obra “Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia”. A esta modalidade da XVIII edición do Premio presentáronse, ademais, outros dous traballos: O auxe do priscilianismo na Gallaecia trala decapitación de Prisciliano e Orixe e evolución da fortaleza baixomedieval das Torres de San Paio.
No tocante á segunda modalidade do certame, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, o xurado decidiu premiar a proposta titulada A veiga máxica. Rescate da cosmovisión popular no municipio de Valga, co que a autora, a xornalista Natalia Sueiro Monje (gañadora do VII Premio Internacional de Periodismo Álvaro Cunqueiro, entre outros certames xornalísticos e literarios), pretende abordar cuestións espirituais e máxicas que formaron o imaxinario popular da vila no seu pasado recente. Neste caso a investigación non está aínda realizada, xa que os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entrégase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto. A esta segunda modalidade do XVIII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo concorreron un total de catro propostas. Á marxe da gañadora, as outras tres estaban centradas nas seguintes temáticas: a vida e obra de José Bouchet, pintor nado en Valga e emigrado na Arxentina, os anos da Segunda República no municipio e o catastro en Valga.
Ademais de debater sobre os traballos presentados ao concurso, na reunión do xurado non faltaron palabras de lembranza para Fernando Acuña Castroviejo, catedrático de Arqueoloxía e membro da Real Academia Galega falecido en 2016 e que formou parte do tribunal do Premio Xesús Ferro Couselo dende as súas primeiras edicións. A acta da sesión recolle, así pois, “un recoñecemento especial á figura do profesor Fernando Acuña, que tristemente nos deixou o ano pasado”, engadindo que “posiblemente moita da sona e prestixio que ten hoxe en día este premio de investigación débese ao labor e adicación que don Fernando lle dedicou ao longo da súa vida. Hai que recordar que formou parte de todos e cada un dos tribunais dende a primeira convocatoria do premio aló polo ano 1996”.
O Concello trasladou a noraboa aos dous gañadores, felicitándoos pola calidade dos seus traballos.”

XXXII Premio Antón Losada Diéguez: Inma López Silva, en Creación Literaria, e Xosé Ramón Pena, en Investigación e Ensaio

Desde o Concello do Carballiño:
“A novela titulada Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva, e a publicación Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena, resultaron gañadoras nas modalidades de creación literaria e investigación e ensaio, respectivamente, no XXXII Premio Antón Losada Diéguez, que se fallou o sábado 22 no concello do Carballiño.
O xurado valorou moi positivamente a gran calidade das obras a concurso nesta edición (trinta en creación literaria e doce en investigación e ensaio), e tivo que prolongar o debate e realizar varias votacións para dirimir as obras premiadas.
Ao final, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez na modalidade de Investigación e Ensaio, á obra titulada Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, editada por Edicións Xerais de Galicia e cuxo autor é Xosé Ramón Pena. O Xurado destacou “a metodoloxía utilizada, o enfoque novidoso e actual, os contrastes con outras investigacións e á referencia a acontecementos históricos e a culturas que enriquecen este ambicioso proxecto”.
Así mesmo, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez, na modalidade de Creación Literaria, á novela titulada Aqueles días en que eramos malas, editada por Galaxia, e cuxa autora é Inma López Silva. O xurado destaca na novela galardoada “a utilización de varias voces femininas que lle van confesando á narradora as súas experiencias e as circunstancias que as levaron ó cárcere”. Salienta tamén o xurado “os diversos rexistros lingüísticos e unha habelencia discursiva que ofrece diferentes posibilidades de lectura, resultando un conxunto de historias vitais ben trabado e con categoría literaria”.
Este premio, que convocan os concellos de Boborás e O Carballiño, así como a Deputación Provincial de Ourense, e que está dotado con 6.000 euros en cada modalidade, será entregado no transcurso dun acto que se celebrará o 10 de xuño en Moldes, no Pazo da familia Losada.
O xurado estivo formado por:
Presidente: don Diego Fernández Nogueira.
Vocais:
Pola Real Academia Galega, don Manuel González González.
Polo Consello da Cultura Galega, don Pegerto Saavedra Fernández.
Polo Museo do Pobo Galego, don Francisco Fariña Busto.
Pola Deputación de Ourense, don Luís González Tosar.
Polo Concello de Boborás, dona Ana Patricia Torres Madureira.
Pola Universidade de Santiago, dona María do Carme Silva Domínguez.
Pola Universidade da Coruña, don Carlos Paulo Martínez Pereiro.
Houbo unha ausencia xustificada pola Universidade de Vigo, don Xosé Henrique Costas González.
Actuou como secretaria, para dar fe do acto, dona Julia Rodríguez Fernández.
A sesión comezou ás 11:00 h., no salón de plenos do concello do Carballiño, a quen lle correspondeu a organización do premio nesta edición, e rematou ás 13:30 h.”