Compostela: homenaxe a Moncho Valcarce

Parada, O Courel: IV Festival dos Eidos, do 22 ao 26 de agosto

A Laxe (Valadouro): Ponte Literaria 2018, o 24 de agosto

O 24 de agosto, a partir das 18:30 h., no local social da parroquia da Laxe (sito na recta de Tanín), no Valadouro, terá lugar unha nova edición da experiencia participativa Ponte Literaria, que artellan, desde o verán de 2015, un grupo de persoas vinculadas á literatura.
Tratouse, no inicio, dunhas lecturas a carón das diferentes pontes do Valadouro, mais na actualidade, considerouse que un encontro baixo teito pode favorecer a presenza dun maior número de participantes e ao mesmo tempo, resultar máis cómodo para o público.
Para participar, só é preciso estar no lugar indicado á hora sinalada, mais a organización gustaría de coñecer o número de intervencións con antelación.
Para anotarse ou resolver calquera dúbida, poden contactar a través do teléfono 600378363 (tamén Whatsapp).

Participarán, entre outras/os, Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón, Lionel Rexes, Iolanda Aldrei, Adela Figueroa, Manuel Regal…
Leranse textos de Rita Geada, autora cubana con raíces no Valadouro.
Por cumprirse neste ano o 70 aniversario da morte de Luís Trigo Chao “O Gardarríos”, Isaac Ferreira, escritor valadourense vinculado ao teatro, lerá unha peza dramática intitulada O cerco de Vilanova, baseada na noite en que o guerrilleiro caeu asasinado na capital de Lourenzá.
O autor Lionel Rexes lerá varios fragmentos da súa novela A raíña das velutinas, escollendo para a ocasión aqueles que fan referencia a persoeiros e lugares do Valadouro.

– Condicións xerais:
Lecturas de 15 minutos como máximo.
Cada lectura non deberá exceder os 15 minutos e os textos deberán ser de autoría propia.
Tras o tempo adicado ás lecturas, terá lugar un debate literario centrado nas obras expostas.
– Doazón espontánea:
É costume que os asistentes aproveiten a ocasión para se desfaceren de todos aqueles libros que xa non desexan conservar, deste xeito, outras persoas que participen na Ponte Literaria poderán conseguir exemplares que descoñecían e que nunca leran. Trátase, en definitiva, dun intercambio ou doazón espontánea de libros.
– Público implicado:
Se non desexas participar activamente, podes asistir como público; nese caso tamén poderás expor as túas sensacións no coloquio, e por suposto favorecerte da doazón de libros.

Artellan a Ponte Literaria: Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón e Lionel Rexes.
Agradecementos para:
Comunidade de Montes da Laxe
Concellaría de Cultura do Valadouro

Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o sábado 11 e domingo 12

O sábado 11 comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para eses días (o sábado 11 só en horario de tarde):

Sábado 11
21:00 h. Presentación de Conserveiras de Celeiro, de Carlos Nuevo e Vicente Míguez, publicado polo Seminario de Estudos Terras de Viveiro.

Domingo 12
20:00 h. Falando de libros con… Paco Rivas, Carlos Nuevo Cal e Pablo Mosquera.
21:00 h. Presentación da edición homenaxe Día do Orgullo Galego, dedicada aos Seis poemas galegos de García Lorca, de Chan da Pólvora. No acto, Jesús Castro realizará unha performance sobre un dos poemas