Ferrol: actos destacados na IX Semana da Poesía Salvaxe

DoIX Semana de Poesía Salvaxe 2016 13 ao 16 de abril terá lugar en Ferrol a IX Semana da Poesía Salvaxe. Do seu programa destacamos os seguintes actos:

Venres 15:
12:30 h. No Mercado de Recimil, poemas de Lucía Aldao e María Lado. A continuación Silvia Penas e Dores Tembrás.
17:00 h. Na Lancha da Ría, recitarán Dores Tembrás e Silvia Penas, coa música de Miguel Neira.
22:30 h. No Manchita Cosa, entre outr@s, Serxio García e Leo Arremecághona, Dores Tembrás e Silvia Penas.

Sábado 16
13:00 h. Sesión Vermouth no Bar Cazadores, Manuel Rivas, precedido por Manolo Bacalhao e Cabe García.

Pontevedra: actividades previstas para o Festival de Poesía Ponte Poética 2016

Ponte Poética 2016

XXV Xornadas de Lingua e Literatura: un punto seguido arredor de Manuel María

DesdeXXV Xornadas de Lingua e Literatura Manuel María Sermos Galiza:
“A Casa Museo Manuel María acolleu na xornada do sábado dúas iniciativas que xiraron arredor do autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Dunha banda, as XXV Xornadas de Lingua e Literatura da CIG-Ensino e da AS-PG e, doutra banda, a xuntanza de traballo da iniciativa Cultura que Une, que perfila actividades sobre as obras de Manuel María e Miguel Torga.
As XXV Xornadas de Lingua e Literatura, nas que participan arestora máis de medio cento de docentes, comezaron pasadas as 10:30 h, cunha palestra do estudoso e antólogo de Manuel María Manuel López Foxo. Baixo o título “A poesía de Manuel María: O País é tamén unha viaxe cara a dentro”, Foxo recuperou, con especial sensibilidade, a obra existencialista de Manuel María, a parte menos divulgada dos seus poemas.
Após a visita guiada á Casa Museo, as xornadas continuaron coa presentación dos recursos didácticos sobre Manuel María deseñados para Primaria e Secundaria. Anxo Gómez (CPI Vicente Otero Valcárcel) expuxo a unidade na que se traballan a lingua e a literatura a partir da escrita do autor nado en Outeiro de Rei, unha unidade que abrangue desde a sociolingüística, até calquera xénero literario, pasando todas as temáticas e destinada a todas as idades. Tamén presentou a súa unidade didáctica o Seminario Galán, que inclúe materiais en formato papel, en rede e soporte Edilm, un conxunto de traballos a disposición de quen quixer na web seminariogalan.org.
Xa durante a tarde tivo lugar o roteiro guiado por Outeiro de Rei, que levou as persoas participantes a coñeceren de primeira man a vida de Manuel María a través dos espazos referenciais da obra do autor. Da man de Alberte Ansede, María Calvo e Mateo Docampo, os presentes puideron descubrir a importancia da carballeira de Santa Isabel –unha das paisaxes máis fotografadas na tarde deste sábado- nos seus poemas, así como da Lagoa de Cospeito, entre outros recunchos. O roteiro complementouse coa lectura de poemas do autor homenaxeado neste 2016.
A fin das xornadas terá lugar a partir das 20h, co espectáculo de maxia a cargo do ilusionista Martín Camiña. (…)
A Casa Museo Manuel María tamén abeirou este sábado unha xuntanza de traballo no seo da iniciativa Cultura que Une na que participaron a Fundación Vicente Risco, a Tertúlia Araújo Correia, a Livraría Traga-Mundos de Vila Real e Ponte nas Ondas, amais de profesores e profesoras a título individual.
En declaracións a Sermos Galiza, Luís Martínez Risco sinala que a xornada deste sábado foi “unha continuidade da que tivo lugar o 3 de marzo para concretarmos a metodoloxía que nos permita facer intercambios de alumnado, agrupamentos escolares e de profesorado entre colexios de Galiza e de Portugal arredor do eixo das obras de Manuel María e Miguel Torga”. Non se trata só dun intercambio de alumnado, tamén se traballará nos eidos do patrimonio histórico, no ecolóxico, no lingüístico…
O grupo de traballo estudará até xuño o programa de actuación co fin de que no inicio de curso os centros poidan implementar as medidas acordadas de maneira flexíbel, segundo nos conta Luís Risco, da Fundación Vicente Risco.
Manuel María tamén foi o protagonista do roteiro que se desenvolveu este sábado no Val de Quiroga, arredor dos sonetos que o autor lle dedicou a este lugar. Na iniciativa participaron máis de medio cento de persoas.”

Rosalía Fernández Rial: “No meu caso a faceta educativa e a creativa son, no fondo, o mesmo”

Entrevista Rosalía Fernández Riala Rosalía Fernández Rial en La Voz de Galicia:
Rosalía Fernández Rial está acostumada a moverse entre distintos mundos que acaban por fundirse nun só. A súa dobre orixe, carballesa e muxiá, foi quen de inspirar unha irmandade artística entre as dúas localidades. E a súa paixón polas artes escénicas e a súa vocación docente lle permitiron alumear unha orixinal tese doutoral -que defendeu con éxito hai poucos días na Facultade de Ciencias da Educación da USC- na que avoga por «unha metodoloxía nova para ensinar linguas que se fundamenta no uso da expresión dramática teatral». O seu paso polo IES Parga Pondal co seu traballo de fin de máster foi o xerme desta tese á que dedicou catro anos da súa vida, pero que non lle restou forzas para canalizar as súas inquietudes artísticas por eidos diversos.
De feito, explica que non existe dicotomía entre a súa formación no eido da docencia e a súa vea creativa: «En realidade é o mesmo; o produto é o mesmo, pero contemplado desde distintos puntos de vista porque se na actividade artística traballo o poético, o literario e a expresión dramática e a linguaxe escénica, no enfoque didáctico fago o mesmo pero dedicado á comunidade educativa. As ferramentas coas que traballo son comúns».
Sen abandonar a poesía, ten transitado tamén cos seus versos e da man do pianista Serxio Moreira por territorios sonoros. O seu proxecto conxunto ELO figura na relación de candidatos dos premios Martín Códax. «Non esperaba estar para nada nunha categoría musical deste tipo. Si que fixen conservatorio, sempre me gustou a música e foi algo importante na miña vida, pero máis a nivel persoal que a nivel profesional. Sempre me centrei no literario, pero é certo que nesa mestura de linguaxes ao final foi confluíndo na musical dun xeito sorprendente».
Proba diso é Catálago, un proxecto expositivo no que comparte espazo con Mon Lendoiro, Chiña e Paco Souto tendendo «pontes» para crear entre os catro «un novo produto nunha dimensión interdisciplinar», é outro exemplo da súa capacidade para aproveitar sinerxías. Os resultados pódense ver no Pazo da Cultura de Carballo desde o día 3 deste mes e para o luns 28 os catro teñen previsto poñer en escena unha performance conxunta.
«Sempre hai que negociar pero iso forma parte da propia vida e da propia existencia. Precisamente nese camiño, nese proceso que se vai tecendo é cando a obra pasa a ser algo conxunto e os puntos de encontro sempre levan a mellora». (…)”