Santiago: recital Picaversos, Os Mortais, con Antía Otero, Iván Marcos e Xoán Abeleira

O martes 29 de xaneiro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Os Mortais, coa participación de Antía Otero, Iván Marcos e Xoán Abeleira.

Santiago: Congreso Internacional Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada

Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada é un congreso internacional dividido en 5 xornadas e un congreso virtual, organizado polo Consello da Cultura Galega. Contará coa participación de especialistas na obra rosaliana de diferentes xeracións e de dentro e fóra de Galicia que achegarán olladas renovadoras desta autora única.
O congreso presencial estará formado por 5 xornadas (28 de febreiro, 21 de marzo, 25 de abril, 30 de maio e 27 de xuño), once conferencias (cos seus correspondentes retruques), 9 mesas redondas, un recital poético e medio centenar de relatorios de especialistas. Celebrarase no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), Santiago de Compostela.
O congreso virtual estará aberta a comunicacións libres, coas mesmas liñas temáticas do congreso presencial.
Os seus obxectivos son:
– Amosar a vixencia da obra de Rosalía no século XXI e alentar o seu aprecio por parte do público galego e non galego de todas as xeracións.
– Acoller e poñer de relevo as novas perspectivas de análise que se foron producindo nas últimas décadas, despois do extraordinario pulo que para os estudos rosalianos supuxo o Congreso Internacional sobre Rosalía de Castro e o seu tempo, que tivo lugar en 1985 e no que tamén participou o Consello da Cultura Galega.
– Estimular novas lecturas críticas da obra rosaliana para propiciar o avance do seu coñecemento.

PROGRAMA

XOVES 28 DE FEBREIRO
ROSALÍA DE CASTRO ANTE OS PROCESOS DE CAMBIO SOCIAL E CULTURAL DO SÉCULO XIX. Coordinadora: María do Cebreiro Rábade.
09:30 h. Inauguración do Congreso.
10:00 h. A evolución política/intelectual do matrimonio Murguía-Castro, desde os anos sesenta aos anos oitenta do século XIX, Xosé Ramón Barreiro Fernández. Retrucante: Catherine Davies.
12:00 h. Mesa redonda: Rosalía ante os discursos científicos e as novidades tecnolóxicas do seu tempo. Moderador: Francisco Díaz-Fierros. Interveñen Mari Lires, Mirta Suquet e Margarita García Candeira.
16:00 h. Rosalía de Castro e América, Catherine Davies. Retrucante: Pilar Cagiao.
18:00 h. Mesa redonda: Usos e ideas sobre a lingua na obra de Rosalía. Moderador: Henrique Monteagudo. Con Xosé A. Fernández Salgado, Carme Hermida e Goretti Sanmartín Rei.

XOVES 21 DE MARZO
DO PRIVADO AO PÚBLICO: A CONFIGURACIÓN DA ROSALÍA ESCRITORA. Coordinadora: Dolores Vilavedra.
10:00 h. Avances na investigación da biografía rosaliana. Por Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Retrucante: María do Cebreiro Rábade.
12:00 h. Mesa redonda: As imaxes en Rosalía, as imaxes de Rosalía. Moderadora: Marta Pérez Pereiro. Con Helena Miguélez, Arantxa Serantes e Fernando Pereira Bueno.
16:00 h. O paradigma autorial de Rosalía de Castro: unha denominación de orixe, por Pilar García Negro. Retrucante: María López Sández.
18:00 h. Recital poético.

XOVES 25 DE ABRIL
CARA A UNHA INTERPRETACIÓN GLOBAL DE ROSALÍA: HERMENÉUTICA, FONTES E EDICIÓN. Coordinador: Anxo Angueira.
10:00 h. Para unha interpretación integral da obra rosaliana, por Xesús Alonso Montero,. Retrucante: Dolores Vilavedra.
12:00 h. Mesa redonda: Editar Rosalía. Moderador: Anxo Angueira. Con Henrique Monteagudo, Aurora López, Ana Rodríguez Fischer e Juan Barja.
16:00 h. Mesa redonda: O mundo editorial da época. Moderador: Andrés Pociña. Con Xurxo Martínez González, Santiago Díaz Lage e Carmen Pérez Pais.
18:30 h. Gótico e romantismo alemán en Rosalía:
* Rosalía e o Volksgeist; resonancias do romanticismo alemán no contexto galego, por Derek Flitter.
* A cuestión do gótico nas novelas de Rosalía, por César Domínguez.

XOVES 30 DE MAIO
ROSALÍA NO CONTEXTO INTERNACIONAL: PARALELISMOS E INFLUENCIAS; DIFUSIÓN E ACTUALIDADE. Coordinadora: Rosario Álvarez.
10:00 h. Modelos estéticos da obra rosaliana no contexto europeo, por Javier Gómez-Montero. Retrucante: Arturo Leyte.
12:00 h. Mesa redonda: Rosalía e o canon literario do seu tempo. Moderadora: Olivia Rodríguez González. Con María Xesús Lama López, José Manuel González Herrán e Fernando Cabo Aseguinolaza.
16:00 h. Flavio e mailo Cabaleiro vestidos de inglés, por Kathleen N. March. Retrucante: María Teresa Caneda Cabrera.
18:00 h. Mesa redonda: A proxección exterior da obra rosaliana. Moderador: Javier Gómez-Montero. Con Olga Castro, Jonathan Dunne e Áurea Fernández Rodríguez.

XOVES 27 DE XUÑO
ROSALÍA Á LUZ DOS NOVOS PARADIGMAS CRÍTICOS. Coordinadoras: Helena González e Dolores Vilavedra.
10:00 h. A obra de Rosalía: como convencer os galegos de que o somos, por Francisco Rodríguez. Retrucante: Helena González.
12:00 h. Mesa redonda: Rosalía á luz do pensamento feminista. Moderadora: Margarita Ledo. Con Carmen Blanco, María Reimóndez e María Xesús Nogueira.
16:00 h. Rosalía e os emigrantes galegos, 1880-1970: da polisemia do mito na diáspora, por Xosé M. Núñez Seixas. Retrucante: Afonso Vázquez-Monxardín.
18:00 h. Mesa redonda: Cantares gallegos, novas perspectivas de análise. Moderador: Anxo Angueira. Con María López Sández, Helena González e Álex Alonso.

Santiago: xornadas Poesía erótica e muller, os 30 e 31 de xaneiro

Desde Fervenzas Literarias:
“A galería de arte contemporánea A.dFuga organiza os días 30 e 31 de xaneiro as xornadas Poesía erótica e muller, coordinadas por Mar Sánchez. A primeira data destas xornadas está dedicada a un recital poético coa participación de Marilar Aleixandre, Concha Rousia, Margarita Fernández, Nazaret López (lida por Margarita Fernández), Antía Otero e Verónica Martínez. No segundo día destas xornadas desenvolveranse dous obradoiros. O primeiro deles, impartido pola escritora Concha Rousia, versará sobre a creación poética. O segundo, dedicado a corpo, poesía e performance, estará a cargo de Margarita Fernández.
O horario das xornadas será, os dous días, das 18:00 h. ás 21:00 h. no local da galería A.dFuga (R/ do Preguntoiro, 28) de Santiago de Compostela. O prezo varía dos 4 euros do recital os 8 euros dos obradoiros. Para asistir ou para recibir máis información pódese dirixir ao correo electrónico paulacabaleiro@apuntodfuga.com”.

Oiartzun, Euskadi: homenaxe a Kontxa Murguía

O Exmo. Concello de Oiartzun e o Fato Cultural Galego Daniel Castelao, de Pasaia, organizan unha Homenaxe a Kontxa Murgia Egaña, co seguinte programa:
Venres, sexta feira, 22 de febreiro, 19:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Oiartzun, recital poético musicado, en éuscaro e galego: Poesía alén da fronteira, coas voces de Arantza Lete, J. A. Irigaray e Xosé Estévez, e a música de Arkaitz Miner (violín e guitarra) e Jexux Aranburu (acordeón).
Sábado, 23 de febreiro, ás 12:00 horas, na praza de San Estevo e Sá de Falencias da Casa de Cultura da mesma poboación, ofrenda floral e homenaxe a Kontxa Murgia Egaña, coas intervencións de Asier Legorburu e Xosé Estévez. Haberá música a cargo do conxunto de Txistularis de Oiartzun e o grupo de gaiteiros “Novas Fontes”.

Calendario de actividades da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para o Día de Rosalía

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizará, como xa fixo en anos anteriores, un completo programa de actos con motivo da celebración pública do Día de Rosalía, o vindeiro 24 de febreiro, data do seu nacemento.
Este ano ten unha especial relevancia ao se cumpriren 150 da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta. Con este motivo, os actos tentarán proxectar a figura e obra rosaliana nos diferentes sectores sociais segundo o calendario que segue:

Venres 22 de febreiro
A AELG proporá aos centros do ensino a inclusión nese día de actividades escolares na súa programación, como lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que divulgaremos desde o noso espazo web para darlles visibilidade social.
Sábado 23 de febreiro
Proponse a organización de lecturas de poemas de Rosalía de Castro a partir das sete da tarde nas distintas cidades e vilas, que poderá ir precedida ou acompañada da lectura dun manifesto que a propia AELG difundirá.
Finalmente, o domingo 24, ás 12:00 h., no Panteón de Galegos Ilustres, terá lugar un acto nacional onde serán lidos poemas de Cantares gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.
Para alén das actividades propias, a AELG coorganizará con diversas institucións e colectivos sociais outros actos de recoñecemento da nosa escritora fundacional. A AELG anima a toda a cidadanía a participar desas actividades.

Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

A Coruña: recital de Chus Pato e Iman Mersal no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 14 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Chus Pato e a poeta exipcia Iman Mersal.