Marica Campo e Elena Medel no ciclo “Poetas di(n)versos”

Este martes 18, ás 20:30, na Casa da Cultura Salvador de Madariaga. Coordina e presenta o evento Yolanda Castaño.

MaricaCampoMarica Campo naceu en 1948 no Val do Mao (Incio – Lugo) e foi profesora de galego no ensino secundario ata a súa xubilación voluntaria en 2008. Autora de poesía, narrativa, teatro e literatura infanto-xuvenil, é tamén colaboradora habitual nos xornais A Nosa Terra e El Progreso. Como narradora estreouse con Confusión e morte de María Balteira (1996) e, con Memoria para Xoana (2002), acadou o Premio de Narrativa do Concello de Vilalba e o da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2003. Cara ao público infantil, ten igualmente cultivado tanto a prosa coma o verso, e por esta última faceta foi merecedora do Premio “Fundación Neira Vilas” e mais do da AELG de Literatura Infantil. Como poeta, ademáis de textos soltos en multitude de publicacións periódicas e volumes colectivos, é autora dos poemarios Tras as portas do rostro (1992), Pedinche luz prestada (2001) ou Sextinario: trinta e seis mais tres (2007), que lle valeron galardóns coma o “Fiz Vergara Vilariño” ou o da AELG no apartado de Poesía. É autora de numerosas letras para grupos musicais galegos (Fuxan os ventos, A Quenlla, Uxía, etc), e incansable colaboradora dunha morea de iniciativas educativas e socioculturais a prol da lingua e literatura galegas.

ElenaMedelElena Medel naceu en Córdoba no ano 1985, aínda que vive dende 2006 en Madrid, onde traballa como editora en El Olivo Azul. Deuse a coñecer gañando, aos dezaseis anos, o “Premio Andalucía Joven” co sorprendente Mi primer bikini (2002) -un poemario escrito con quince anos e publicado aos dezasete- que esgotou a súa primeira edición en só tres meses e que hoxe vai xa pola terceira. Pouco despois editou Vacaciones (2004), e posteriormente Tara (2006), o seu último libro de poemas ata o de agora, que acadou xa unha segunda edición e que a confirmou de revelación a aposta segura da literatura española moza. É autora tamén dos cadernos poéticos Un soplo en el corazón (2007) e En los demás (2008), así como de relatos incluídos en antoloxías coma Cuentos eróticos de San Valentín (2007) ou Matar en Barcelona (2009). A súa obra ten sido parcialmente traducida ao alemán, árabe, esloveno, inglés, italiano, polaco e portugués, así como incluída en numerosas antoloxías. O seu interese pola poesía galega levouna a publicar traducidos ao castelán -en publicacións periódicas e antoloxías- poemas de diversos autores contemporáneos. Ten participado en festivais poéticos de Europa, América, Oriente Medio ou o Norte de África. Xunta a tamén escritora Alejandra Vanessa coordina o proxecto de axitación cultural La Bella Varsovia.
(A Coruña Cultura)

O dia 20 María Lado e Kirmen Uribe no Poetas Di(n)versos da Coruña

PDinVersos_6_kuribeUn paso máis do ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña coa participación o dia 20 de abril dos escritores Kirmen Uribe e María Lado. O acto comezará ás 20:30 na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10).
Kirmen Uribe “naceu nunha familia vencellada á pesca. Licenciouse en Filoloxía Vasca en Vitoria e cursou estudos de postgrao de Literatura Comparada en Trento (Italia). O seu primeiro premio literario importante recoglleuno en 1995 cando estaba a cumprir condena por ser insumiso e negarse a ir ao servizo militar obrigatorio. O 14 de outubro de 2009 concédenlle o Premio Nacional de Narrativa 2009 pola súa obra Bilbao-New York-Bilbao.” (Wikipedia)
PDinVersos_6_mlado«A maría lado parírona alá por 1979 nun coche da velvet underground nalgún lugar da nada que une a nada do cee que figura oficialmente como lugar de nacemento e santiago de compostela, a gran nada no centro da nada.
Pero ela non podía con ese baldeiro e medrou enchéndoo de pegadas. ten publicados tres libros con textos deses que non chegan ao final da liña: a primeira visión (letras de cal, 1997), casa atlántica casa cabaret (xerais, 2002) e berlín (concello de santiago-El correo gallego-aelg, 2005). […]» (AELG)

A Coruña: José Luís Peixoto e Miguel Anxo Fernán-Vello no ciclo Poetas di(n)versos

peixotomiguelanxo

Continúa o ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña coa participación mañá martes 23 de febreiro dos escritores José Luís Peixoto e Miguel Anxo Fernán Vello. O acto comezará ás 20:30 na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10).

José Luís Peixoto é unha das principais revelacións literarias da última década en Portugal, cunha proxección extraordinaria que o levou a ser traducido xa a vinte idiomas e a acadar un gran recoñecemento tanto no seu propio país coma no estranxeiro. Literariamente polifacético e ambicioso, Peixoto é todo un ídolo das letras portuguesas actuais que chegou a vender quince mil exemplares dun dos seus poemarios.

Miguel Anxo Fernán Vello non precisa presentación no noso país. Dende os oitenta até a actualidade a obra poética de quen tamén é o meirande editor de poesía en galego foise convertendo nunha das máis sólidas e prolíficas do noso panorama. Finalista do Nacional e gañador do Premio da Crítica Española en varias ocasións, Miguel Anxo é un dos autores galegos máis respectados fóra de Galicia.

Descargar dossier en PDF (311 KB)

Apúntate ao recital no evento en Facebook.

A Coruña: Joan Margarit e Pepe Cáccamo no ciclo Poetas di(n)versos

Poetas dinversos

O martes 19 de xaneiro terá lugar a terceira sesión do ciclo Poetas Di(n)versos, desta volta coa participación do catalán Joan Margarit, Premio Nacional de Poesía 2008, e o galego Xosé María Álvarez Cáccamo. Será ás 20:30 na Casa de Cultura Salvador de Madariaga (Durán Loriga, 10, A Coruña), con entrada libre.

Valadares: festival de performance e música

berio

O colectivo de artistas galegos asentado en Valadares organiza un festival de performance e música para estrear o ano 2010. As actuaccións, que virán da man de artistas do colectivos e outros convidados, terán lugar o vindeiro domingo 10 de xaneiro e o seguinte sábado día 16.

Este pequeno festival, denominado Re10, nace a partires da primeira Xuntanza de Creadores Experimentais no laboratorio Alg-a, celebrada o pasado outono, onde coincidiron artistas sonoros de varios netlabels do territorio nacional, entre outros Friendly Virus, Larraskito, Mantricum ou alg-a.

Durante as dúas sesións, de entrada libre, representantes destes selos virtuais, como Berio Molina, ofrecerán unha mostra dos seus procesos de investigación sonora. As sesións de Dj’s, o teatro e a poesía (da man de María Lado e Rafa Xaneiro) e as proxeccións dos últimos traballos dos videoartistas do colectivo completaran as sesións.