“Entre guisos e letras”

Artigo de Mario Regueira en Nós Diario:
“Non hai achega en chave cultural ao mundo da cociña galega que non tope coa sombra de Cunqueiro. Que un dos grandes autores dunha literatura nacional sexa tamén un recoñecido gastrónomo e afeccionado aos praceres da mesa é un azar como outros. O mindoniense deixou multitude de referencias escritas sobre o tema, aínda que probabelmente a que máis ecoa na memoria popular sexa A cociña galega (Galaxia, 1973), traducida ao castelán xa na década dos oitenta nunha versión ampliada cun receitario de Araceli Filgueira Iglesias.
Para o estudoso Armando Requeixo, Cunqueiro contribuíu a popularizar e divulgar unha parte do que hoxe entendemos como cociña tradicional galega, especialmente fóra da Galiza, aínda que o vincula a unha tradición gastronómica que xa existía no país: “como o famoso Picadillo e o seu La cocina práctica, que Cunqueiro cita abondosamente”.
Difire parcialmente Matilde Felpeto, autora gastronómica e Premio Álvaro Cunqueiro 2018 con Cociña galega tradicional, un libro cheo de referencias a escritores: “Cunqueiro é fundamental para o rexurdir da nosa cociña tradicional de raíz popular, tiñamos outros nomes, como o propio Picadillo, pero estaban máis vinculados á alta cociña de inspiración francesa. É un mestre por como expresa os sentimentos relacionados coa cociña e tamén pola recuperación das referencias cultas de autores máis antigos”. Unha dimensión literaria que tamén hai que tomar con coidado, segundo apunta Requeixo: “Cómpre non perder de vista que cando o de Mondoñedo escribía sobre fogóns seguía facendo literatura, o que explica que moito do que conta sexa de lectura deliciosa, mais non sempre de resultado igual de óptimo cando tenta concretarse no prato”. (…)
Non parece haber sucesores claros deste vínculo na literatura galega: hai quen sinala a Xavier R. Baixeras, autor dun Dicionario da comida galega (Aira, 2019), ou Fina Casalderrey, aínda que nunha dimensión diferente. “Penso que na literatura actual hai unha relación de fondo como a que hai co erotismo ou co cinema, que nunca deixou de estar aí”, di Fran Alonso, director de Xerais. Trátase dunha presenza en segundo plano que tamén identifica Matilde Felpeto: “tamén é importante que apareza así, hoxe sabemos como se facían determinados pratos porque aparecen nalgunhas obras literarias”.
Editorialmente, o modelo de libro de cociña tamén parece estar nunha fase de transición a outras realidades. “As obras da nosa primeira colección culinaria levaron varios premios, tanto a nivel galego, como estatal e mesmo internacional”, di Henrique Alvarellos referíndose, entre outros, aos dous premios Gourmand que recibiu Martín Álvarez González por 44 recetas con ortigas no ano 2007. Porén, Alvarellos acabou por abandonar esa liña gastronómica: “Foi unha mestura de varias cousas, por unha banda veu a crise de 2008, por outra, tamén eran libros caros de producir e que non sempre eran rendíbeis mesmo tendo en conta que esa colección foi comercializada en castelán a nivel de Estado”. Aínda que Alvarellos non descarta volver ao tema, o editor ten claro que xa non hai lugar para os receitarios clásicos: “é un libro que non é barato e ofrece unha información que podes atopar sen moito problema na rede”. (…)”

“Despotismo do século XXI”, por Marta Dacosta

Artigo de Marta Dacosta en Terra e tempo:
“Nestes días, a raíz dos debates que se están a producir no ámbito cultural, dei en repasar o tempo que me tocou vivir. Nese repaso, recalo nos anos 90, por suposto, naquel tempo colectivo en que a lingua o era todo e ao redor dela iamos construíndo coleccións, publicacións, recitais… Porque tiñamos unha urxencia e unha prioridade, a normalización do feito literario galego, algo que xa comezara con quen denominanos promoción dos 80.
Desde a distancia de hoxe, podemos ver que as autoras e autores nacidos nas décadas de 50 e 60, plenamente creativos no final do século XX, abrimos as portas a unha nova realidade cultural en que a creación en galego fose plenamente visíbel. E isto é así non só no ámbito literario, éo tamén no musical, no do deseño, no do teatro…
Aínda máis. Son xustamente estas xeracións nacidas a mediados do XX as que crearon as entidades que loitan e traballan pola nosa cultura, as que buscan canles e espazos, as que promoven e visibilizan as creadoras e creadores galegos.
E a pesar de todo isto, un cuarto de século máis tarde, permanecemos invisíbeis. E escollo conscientemente este termo para traer aquí a referencia á entrevista ao presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, en Nós diario. Unha entrevista que non é unha reportaxe máis, senón a voz das escritoras e os escritores galegos, o lugar en que se recolleron a diagnose e as reivindicacións que a AELG fixo neste período.
E afirmo, como integrante que son do seu consello directivo, que está a ser un período moi difícil. Difícil porque se multiplican as reunións virtuais de diferente tipo, porque a información se cruza e non sempre é doada de seguir, porque mentres resolvemos unha parte da oferta cultural galega, estamos afogados economicamente polas demoras na percepción de convenios e subvencións fiscalizadísimas, porque a parede á que nos diriximos é xustamente iso, un muro que dedica os seus esforzos a ser cada día menos franqueábel.
E rematamos por ser vítimas dos danos colaterais desta pandemia.Vítimas porque non é que sigamos a ser invisíbeis, é que procuran directamente borrarnos ao tempo que nos utilizan.
Vénme á cabeza agora as palabras do presidente da Xunta nunha desas sesións do mediodía que realiza en vivo e en directo. Dixo que tiña un plan de cultura consensuado con todos os sectores.
Case me caen os pratos que estaba a fregar. Pola sorpresa. Sorpresa polo que dicía. Sorpresa porque sabía que a AELG non fora consultada. Foron décimas de segundo. Dúas frases despois dixo que lle ían presentar o plan a todas as entidades nunha próxima reunión. E tan campante. Digo, digo; digo Diego. Que foi esa manobra? Alienación. Imposición. Democracia aparente.
Despotismo do século XXI, Nada para o pobo e sen o pobo.
E así, fan pasar por consensuado un plan cultural que non ten o seu fulcro na cultura galega. Unha plan cultural posto ao servizo dos “eixes de traballo estratéxico da Consellería de Cultura e Turismo”.
Mais, se non me engano, ese traballo estratéxico é incrementar o turismo e facelo a través do Xacobeo. A modernización e o envoltorio da vella táctica colonialista de vender o país a anacos en lugar de potenciar a súa riqueza.
Esaxero?
Xulguen. Na páxina 10 do documento “Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19” recóllense as oportunidades para a recuperación do sector cultural e turístico (o sintagma é sempre esta coordinación copulativa), son tres: o modelo turístico galego, o camiño de Santiago e o Xacobeo 21. A santísima trindade, tres oportunidades para un único obxectivo verdadeiro: o turismo.
A estratexia é converter cultura e turismo en sinónimos. Repetirano cantas veces sexa necesario, até que a sinonimia aniñe nas nosas cabezas e acabemos aceptando a desaparición da cultura, polo menos da cultura galega. E polo camiño crear un repositorio dun mínimo de 150 eventos culturais (un millón e medio de orzamento para proxectos que poden acadar os 10.000€) dos que a Consellaría se apropia impoñendo a cesión dos dereitos patrimoniais da propiedade intelectual. Madía leva, xusto unha das lacras contra as que temos loitado, tamén desde a entidade que a todas as persoas escritoras nos representa, a AELG.
Todo para a cultura (e turismo) e sen a cultura.
E todo isto filtrado por unha troika (tres persoas expertas) designada dixitalmente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Escribo. Utilizo a escrita para razoar e entender. E o único que saco en claro é a frustración de ver metendo as mans na nosa cultura aos mesmos que a negan e renuncian ao idioma que a pariu. Así que me vai nacendo nas entrañas a sensación de que esta é “a cidade da cultura” desta fin de década, a nova hipoteca que pagaremos cunha nova desfeita da nosa cultura. Outra herdanza envelenada.Tácticas do novo despotismo do século XXI.
Non esquezamos. A memoria é unha arma poderosa, necesaria cando nos convidan a exercer o noso dereito nas urnas. E as urnas tamén son nosas, tamén son a nosa ferramenta para pular pola cultura que queremos, galega e feita desde Galiza.”

O Día do Libro máis crítico

Artigo de Irene Pin desde Nós Diario:
“O Día do Libro chega este 23 de abril en pleno confinamento, coas librarías fechadas nunha das datas máis representativas do ano. Algunhas, con todo, manteñen abertos os envíos. É o caso de Bahía (Foz), que ofrece servizo sobre todo na zona da Mariña, procurando manter a relación máis persoal cos clientes habituais.
Outras empresas tomaron a decisión de paralizar tamén esta actividade. A Libraría Paz (Pontevedra), a Libraría Pedreira (Santiago de Compostela) ou a Livraria Suévia (A Coruña) non atenden pedidos. O dono da primeira, Cano Paz, explica que non consideran “imprescindíbel” que a xente reciba libros nestas datas, sobre todo pensando nos riscos que implicaría para as persoas encargadas de facer o reparto. “Sería inxusto”, considera a dona de Suévia, Ermitas Valencia. “O libro é un ben esencial, pero é o momento de subir aos faiados e abrir as caixas, de redescubrir o que temos, non de pór un capricho persoal por diante das vidas humanas”, argumenta.
O que si están a manter é a actividade en redes, sobre todo de cara ao Día do Libro. A libraría Paz, inspirada na campaña estatal “Todos tus libros”, facilita descontos de compra anticipada ou cheques-regalo para “cando todo pase”. Do mesmo modo, procura dinamizar a oferta con distintas suxestións baixo a tópica #oquenosquedaporler. Igualmente, Suévia anima as súas clientas habituais a facer unha listaxe e agardar a que a situación se normalice.
A libraría Pedreira tamén puxo especial énfase no virtual esta semana coas “lecturas fuxidas”, nas que xa participaron autoras como Marta Dacosta, Gonzalo Hermo ou Aurora Marco. O seu dono móstrase sorprendido polo éxito da iniciativa, así como “orgulloso” da extraordinaria acollida que tivo por parte das creadoras. Doutra banda, a aposta de Bahía foi implicar as lectoras, convidándoas a partillaren fotos cun libro que estean a ler ou que as acompañase especialmente durante o confinamento, co cancelo #DiadoLibronaCasa, conta Cielo Fernández.
Para as libreiras galegas o Día do Libro constitúe unha data importante, se ben non pode compararse á relevancia que ten para o sector noutros países, con outra tradición. “Xa nos gustaría que fose coma o Sant Jordi”, comenta Pedreira, “o certo é que aquí supérao o Día das Letras”. “Como gremio poderiamos facer máis”, opina Paz. Con todo, os ingresos desta celebración, que adoita estenderse durante toda a semana, son importantes tanto no libro adulto como no infantil, apunta Valencia, cun “volume de venda que supera entre 60% e 70% a un día calquera”, concreta Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Librarías da Galiza. Malia terse adiado ao 23 de xullo, considera que “cada cousa ten o seu momento”, e a resposta das lectoras non vai ser a mesma.
Isto súmase “á perda doutras datas importantes, como é a Semana Santa” para Bahía, explica Fernández, que ademais do económico destaca o valor simbólico do evento. Moitas librarías saen ás prazas, procurando a visibilidade e un contacto coa sociedade que non é posíbel nestes momentos.
A tendencia doutros países apunta cara ás librarías como uns dos primeiros comercios en subir de novo as persianas na desescalada. “Que volvamos abrir non significa que vaiamos vender”, advirte Paz resumindo a desesperanza do sector. “Aínda que é mellor estarmos abertas, a economía vai ficar moi feble”, observa Valencia. “Nós aínda non nos recuperamos da crise”, engade. Nese senso, Paz, Fernández e Rodríguez consideran fundamental unha inxección de capital na sociedade, para garantir a liquidez. (…)
Pedreira móstrase preocupado por como se poida ver afectado o libro de texto: “Non é o noso caso, mais hai moitas que sobreviven grazas a el”. De facto, Valencia coloca aí as súas esperanzas. Desde a AELG, Cesáreo Sánchez convoca a xente a acudir ás librarías “en canto sexa posíbel”. Apela á memoria para “non esquecer a súa importancia como elementos dinamizadores determinantes na construción do noso sistema literario”, agora especialmente o “elo máis fráxil nunha cultura sen normalizar coma a nosa”.”

Xosé Ballesteros: “A industria editorial xa deixou de facturar uns catro millóns pola crise da COVID-19”

Entrevista de Manuel Xestoso a Xosé Ballesteros en Nós Diario:
“(…) Xosé Ballesteros é presidente da Asociación Galega de Editoras (AGE), que xunto á Federación de Librarías de Galicia (FLG) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) trasladáronlle á Consellaría de Cultura da Xunta un paquete de medidas esenciais para incentivar a demanda do libro galego. O prognóstico para o libro galego é de extrema gravidade polos efectos económicos da pandemia.
– Nós Diario (ND): Antes de nada, como valora a resposta que están dando o Ministerio e a Xunta ante a crise da industria cultural?
– Xosé Ballesteros (XB): A recente intervención do ministro de Cultura foi pouco afortunada. Estamos nunha situación na que os problemas son transversais e que hai que ir enfrontando por fases, pero ademais de atender a cuestión sanitaria –que é a prioritaria e que imaxino que estará consumindo moitísimos recursos e moita atención– hai que preparar o terreo para o que virá. E todas as administracións teñen que ser sensíbeis, cada unha na responsabilidade que lle toque.
A nivel de Estado, o gremio de editores, as librarías, os distribuidores… estamos traballando en interlocución directa coa Dirección Xeral do Libro e hai unha boa relación, co deseño dunha serie de medidas para cando se levante o estado de alarma, que son as mesmas que lle propuxemos á Xunta de Galiza.
Canto á Xunta, parece que hai boa disposición para ir afinando prazos para as medidas que estamos reclamando: un bono de lectura, unha liña de apoio á edición –que de momento non existe e da que si gozan en Catalunya e Euskadi–, unha liña de axudas para a adquisición de libros por parte das bibliotecas… Estamos nun mercado moi competitivo e se outras comunidades gozan destas axudas, o libro galego parte con desvantaxe. Nesta reunión, insistimos moito en reforzar moito o apoio ás librerías –cremos que ten que ser a través delas por onde se movan os libros– e ás bibliotecas, garantindo que teñan acceso ás novidades galegas no prazo máis curto posíbel.
– ND: Todo o que se move arredor do libro é a principal industria cultural de Galiza e, nunha primeira avaliación, vostedes falaron dunhas perdas causadas pola crise da COVID-19 dun 30% como mínimo.
– XB: A día de hoxe xa sabemos o que deixamos de facturar entre marzo e o que vai de abril: como mínimo van perdidos catro millóns de euros. Hai que ter en conta que a facturación total do libro galego é duns 25 millóns de euros anuais e que esta é unha época, tradicionalmente, de moitas vendas: xúntanse o Día do Libro, o Día das Letras… Pero o verdadeiro problema é o que vai vir: a demanda nos primeiros meses despois desta parada vai ser mínima e, sendo realistas, até que chegue o outono e a campaña de Nadal, imos vivir nunha situación desoladora.
– ND: Partimos da situación de febleza que deixou a crise de 2008. Moitos dos traballos relacionados coa edición foron daquela externalizados: corrección, maquetación, deseño… son labores que agora desenvolven, na súa maior parte, persoas autónomas. Fixeron algunha avaliación de en que medida vai afectar a crise a estas traballadoras?
– XB: Eu aquí faría fincapé na tipoloxía das empresas que conforman o tecido editorial. Formamos un ecosistema pequeno –son unhas corenta as editoras asociadas a AGE– pero no seu interior hai, atendendo ao número de traballadoras, entre cinco e oito que se poden chamar “grandes” –Kalandraka, Xerais, Galaxia…–, algunhas que poderían ser cualificadas de medianas –como Hércules ou Baía– e, a partir de aí, empresas moi pequenas ou microempresas, que en ocasións se sosteñen porque os seus propietarios teñen outros traballos que lles permiten sobrevivir, moitas veces realizando servizos editoriais para empresas máis grandes.
Agora mesmo creo que aínda non sufrimos o impacto porque, máis ou menos, todos estaban realizando encargos anteriores ao estoupido da crise. O impacto vai vir despois. Todas as editoras estamos atrasando ao máximo o noso plan editorial e moitos dos libros previstos para os meses vindeiros van quedar para o ano próximo; a carga de traballo, loxicamente, vai resentirse e todos eses servizos editoriais –maquetacións, corrección…– van ter menos demanda. (…)”

Mario Regueira: “Galaxia influíu desde o literario e o político”

Entrevista de Tensi Gesteira a Mario Regueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): O libro Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966) parte da túa tese de doutoramento. Como foi o proceso de adaptación ao libro?
– Mario Regueira (MR): Os ritmos editoriais son pausados, así que houbo que facer unha pequena actualización bibliográfica con algunhas achegas que apareceron nestes catro anos. Tamén retiramos algúns capítulos de carácter máis técnico ou que apelaban á metodoloxía para que a obra se centrase na perspectiva histórica dun período concreto, que era editorialmente máis aconsellábel. En liñas xerais creo que foi unha adaptación moi acaída para un público máis amplo que o que tiña o proxecto orixinal.
– ND: Por que decidiches publicar o libro agora? Cres que a situación do libro galego actual permite estas reflexións?
– MR: A tese espertou o interese de varias editoriais e sempre é un engadido poder publicala, aínda que sexa neste formato. Finalmente saíu con Xerais por ser a miña primeira casa e unha das primeiras en comprometerse coa proposta. É certo que o ensaio, e especialmente o ensaio académico, está a levar a peor parte da crise do libro na Galiza, aínda así creo que é un eido necesario polo que hai que seguir apostando, tanto nos estudos galegos como nas temáticas xerais. Son malos tempos para a reflexión no campo editorial, pero se abandonamos ese eido, acabaremos lamentándoo.
– ND: Recolles no libro as primeiras experiencias editoriais galegas, mais o núcleo central é Galaxia, arredor da que estudas a construción do campo literario galego e as propostas autoriais que deron pé a consolidar a narrativa do país. De onde partes para apuntar esta idea e como se foi xestando?
– MR: O núcleo non podía ser outro que Galaxia, pois a súa influencia no devir do país sobordou o editorial e o literario e incluía tamén un proxecto político que, en certo sentido, trataba de continuar, aínda que moi alterado, o do Partido Galeguista. Sempre digo que o meu interese partiu dunha profunda fascinación pola literatura de posguerra (Méndez Ferrín, Queizán, Casal, Mourullo…) case desde a adolescencia. A pescuda paulatina do seu contexto foi camiñando parella á miña formación académica e conclúe con esta perspectiva diferente ás inercias dalgunhas explicacións que atopei sobre este momento histórico. (…)
– ND: Amais de escritor e poeta, exerces un importante labor como crítico literario. Como foi evolucionando esta profesión e cal é a situación hoxe en día?
– MR: A primeira cuestión sería en cantos casos pode considerarse unha “profesión”, pois é algo que segue a facerse principalmente desde o amateurismo, unha arma de dobre fío: non hai dependencias económicas pero tampouco hai, moitas veces, unha bagaxe para elaborar unha crítica competente. Conectándoo coa crise do ensaio que falamos antes, creo que son tempos difíciles para o pensamento crítico complexo. Vivimos nunha época na que a comunicación tende a basearse en proclamas e posicionamentos globais e cada vez custa máis facer entender os matices, as contradicións e os posicionamentos que foxen da simplificación. A crítica corre o risco (sempre viviu nel na Galiza) de converterse nunha simple ferramenta de marketing ou nunha forma de pagar favores persoais. A súa práctica, dentro destas dinámicas, é bastante complexa e moitas veces desalentadora.
– ND: Após ter estudado unha etapa tan importante da nosa historia, e desde o teu labor filolóxico, cal é o estado da literatura galega actual?
– MR: As cousas vense mellor en perspectiva, é por iso que historiar o presente sempre é un reto, especialmente cando formas parte tamén como actor literario dentro del. En liñas moi xerais podería dicir que a literatura galega non pode esquecer a súa situación subalterna e como parte dunha realidade nacional sometida. É un punto de vista que sempre está de fondo na nosa realidade e que choca moitas veces cos relatos da normalización que son, en si mesmos, un paradoxo. Se realmente estivésemos tan perto da normalidade non teríamos que estar celebrándoa constantemente. Dentro disto, teño moi poucos prexuízos: paréceme ben que a literatura diversifique as súas realidades, que aparezan xéneros, subxéneros e éxitos editoriais. Non me entusiasma tanto que o horizonte pareza ser unha forma distorsionada e inxenua doutros campos literarios completamente diferentes ao noso. (…)”

LIX 2020: Carmen Ferreira e Marta Neira

Desde a AELG recollemos estas mensaxes de Carmen Ferreira e Marta Neira sobre a LIX galega.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora #CulturaNaRede #aculturasegue

LIX 2020: Blanca-Ana Roig e Armando Requeixo

Desde a AELG recollemos estas mensaxes de Blanca-Ana Roig e Armando Requeixo sobre a LIX galega.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora #CulturaNaRede #aculturasegue

“Literatura en galego, por que non hai máis lectores na nosa lingua?”

Artigo de Moncho Mariño en Galicia Confidencial:
“Catro autores mostran o seu parecer sobre a escritura en galego, sobre a escasa presenza do libro en galego entre a xente máis nova e algúns motivos sobre este fenómeno. Apuntan que o descenso de falantes está incidindo non só na lectura no noso idioma, senón que algúns tópicos sobre a literatura galega pesan moito no momento de ler autores na nosa lingua.
A creación escrita en galego viu aumentar o seu número de autores e autoras nos últimos decenios. Con todo, o fenómeno é inverso en canto á receptividade da súa obra entre o público potencial a quen van dirixidas as súas obras. O número de lectores e lectoras en galego diminúe fronte a unha cantidade de títulos que sobordan a capacidade de “absorción” de lectura en Galicia.
Marica Campo, autora de narrativa e poesía analiza a situación desde unha perspectiva de volume. “Se se fai unha estatística a base de vendas, pode parecer que as cousas van moi ben, e iso é porque nos institutos e colexios se poñen libros de lectura obrigatoria”. O que dimensionaría a aceptación do libro en galego sería que “a xente mercase libros por propia vontade, mais isto lle pasa tanto ao libro galego como en español”. Mais tamén considera a autora do Incio que “agora predominan as novas tecnoloxías que, se se usasen ben, mesmo darían un novo xeito de ler”.
O escritor e teórico Mario Regueira vai á cuestión das lecturas dentro do ensino obrigatorio e no secundario, apuntando que “non estou a favor da obrigatoriedade sobre determinadas lecturas, ofrecería un abano de posibilidades para que os estudantes escollan”. Regueira apunta ademais que “a relación entre literatura e pedagoxía foi unha moeda de dúas caras, puido predeterminar a algunhas persoas a non leren en galego de adulto”.
Carlos Meixide, autor entre outras de títulos como Cans, Ons e Inge e Robbie, pon o acento en que “o libro en galego pode dar valor e limitar, mais o idioma non é condicionante para a xente nova se é que lle gusta o tema”. O que desde logo ten claro Meixide é que “o idioma non é limitante, o que si é limitante é o acceso a competir co castelán”. Samuel Solleiro, tradutor, novelista e poeta ten claro que a obrigatoriedade das lecturas no ensino “non é o que fai que haxa menos lectores”.
“As editoras en galego case fan traballo de ONGs porque expoñen moito do que teñen case de maneira voluntarista, mais hai algúns matices como que as editoras máis pequenas apostan por xente nova, as maiores quizais son as que apostan máis polos autores máis coñecidos” di Marica Campo sobre as empresas editoras. Sobre o número de títulos e lectores, Campo cre que se debera facer unha simple análise “a literatura debera ir paralela á lingua, porque se analizamos, cantos galegos somos?, cantos galegos len?, e cantos galegos len en galego?”. Quizais isto fixo que a publicación en galego sufra un fenómeno de “elefantiase”.
Unha alternativa é a autoedición en caso de non poder chegar cos escritos propios ás editoras convencionais. Este é o caso de Carlos Meixide que decidiu apostar por unha fórmula que “é homologable á edición máis tradicional”. Aínda así, Meixide recoñece que “é complicado mais é a miña principal ocupación”. Onde reside a fortaleza para a edición propia? Segundo Meixide “en manter unha periodicidade, de primeiras editara traballos que tiña gardados, agora toca traballar máis, por tanto, esixe unha certa capacidade de produción”.
Actualmente o abano de títulos e autores que aparecen en Galicia, a posibilidade de aparecer entre rostros tanto consagrados como recentes, pode parecer unha misión case imposible. “Claro que animo a escribir, mais tamén digo que non é doado vivir da escrita, mesmo autores xa consagrados en galego dicían cando comezaban que xa tiñan claro que non poderían vivir da literatura”, di Marica Campo.
“Hai casos en que non se fideliza o autor” di Mario Regueira, que engade “o abandono da lectura en galego por parte de adultos puido deberse tamén a que a crítica literaria en galego decepcionou a moitas persoas”. Nese sentido lembra que a literatura galega “sempre foi relacionada con temas identitarios e con imaxinarios xa superados”. É por iso que Regueira ve necesario fomentar novos autores e xéneros como a novela negra.
“Se é por unha cuestión económica de non ser que o combines con outros traballos, pois é difícil, mais non é o meu caso, teño outros traballos e non pensei en vivir da creación” di Samuel Solleiro. Sobre como é a experiencia de ver o teu traballo editado, Solleiro declara que “nunha editora minoritaria o trato é bo, coas grandes entras xa noutra maneira de facer as cousas”. “Realmente non penso se terá saída, escribo por darme ese gusto”.
Non obstante, para algúns creadores, como Carlos Meixide, existe unha certa ignorancia sobre autores e autoras galegas porque “os medios galegos non teñen sensibilidade cara os autores en galego”. “As preferencias son as dos autores e autoras consagradas xa en castelán”.
A edición e publicación para autores e autoras en galego está polo de agora nun momento complicado segundo os mesmos creadores. A aposta por novos xéneros, mellorar o acceso á creación e o fomento da lectura en galego sen que estea vinculada á obrigatoriedade curricular, poderían ser fórmulas atractivas a novas e novos lectores.”

“Que facer coa literatura”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A reentrada ao curso literario adoita ser tempo de promoción editorial, anuncio de bos propósitos, reactivación de ciclo após os meses de verán. Pero tamén pode servir para facer mínimo balanzo e trazar vías cara ao futuro inmediato. A esta última vontade responden as persoas consultadas ao respecto por Sermos Galiza, quen trazan un conciso estado da cuestión no inicio do outono.
“Estamos nun momento creativo de grande calidade creativa”, afirma, sen dubidar, Cesáreo Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951), “cualitativa e cuantitativamente. Moi por riba das posibilidades estruturais, sexan estas empresariais ou institucionais”. Poeta e presidente da Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega (AELG), detecta os problemas principais nas condicións de produción: o adelgazamento editorial, os baixos índices de lectura, as políticas públicas. Pero, desde unha perspectiva sistémica, esas non impiden que a escrita literaria sexa, ao seu ver, “un territorio gañado para a normalidade”.
A ollada de Sánchez Iglesias, literatura en perfecto estado de forma pero deficiencias de contexto, é dominante no sector, pero non única. A escritora Eva Moreda (A Veiga, 1981), residente en Glasgow onde é profesora de musicoloxía na universidade, disinte. Opina como crítica –publica as súas recensións no portal Biosbardia– e sobre narrativa. “Vexo unha especie de tirar para adiante que desconcerta”, di nun correo electrónico, “cada mes saen novelas, son promocionadas dentro das posibilidades de cada editora, recensionadas en catro medios con grandes loanzas raramente xustificadas desde a análise da técnica literaria, logo para o mes chega outra tanda de novelas e volve comezar o círculo”.
Moreda, autora de A Veiga é como un tempo distinto (2011), percibe ademais repertorios comúns hexemónicos: son libros “doados de ler”, con pegadas de literatura popular e “con mensaxe encadrada en certos temas candentes e coordenadas ideolóxicas en que se supón se sitúa o lector medio”. É a procura do mainstream, sintetiza, “nun panorama de precariedade empresarial”.
Esa certa homoxeinización estética tamén a nota o escritor Mario Regueira (Ferrol, 1979), ademais crítico de libros neste semanario. E enlázaa coa paisaxe editorial, ao seu ver atrapada no “bipartidismo” que marca “liñas moi determinadas” ás veces sorteábeis grazas aos premios literarios que implican publicación da obra. Refírese en concreto ás dúas editoras máis grandes, Xerais e Galaxia, que, esténdese, “teñen cousas moi boas pero tamén dinámicas que acaban por pexar o campo de xogo”. A cuestión normativa é a que lle vén á cabeza en primeiro lugar. (…)”