Pancho Pillado: teatro contra a amnesia

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“En 1965, Francisco Pillado Mayor e Manuel Lourenzo decidiron formar a compañía O Facho e representar, malia todos os impedimentos que puña a ditadura, unha obra en galego. Ambos os dous estaban convencidos de que o teatro do noso país se reducía a Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, e A fiestra valdeira, de Dieste. Era impensábel pedirlle á censura que permitise unha representación da primeira (“eramos novos pero non idiotas”, dicía) e, por razóns técnicas, tampouco podían poñer en escena a segunda, así que decidiron facer un remexido con poemas de Luís Pimentel e de Rosalía de Castro e escenificalo.
Por medo a que a policía irrompese no medio da función e os detivese, pedíronlles a algúns vultos do mundo da cultura con certo nome e influencia que acudisen como espectadores, confiando en que a súa presenza evitaría males maiores. Otero Pedrayo, García-Sabell, Juan Rof Carballo, Juan Naya e outros persoeiros da época mostráronse moi interesados, confirmaron a súa asistencia e mesmo difundiron a invitación para, na medida do posíbel, “blindar” aos atrevidos teatreiros. A cousa funcionou ben.
Mais no transcurso do coloquio que seguiu á representación -eran os anos 60, non había teatro sen coloquio posterior-, un señor maior preguntou por que non representaban ningunha obra dun autor dramático galego. Os mozos, sorprendidos, contestaron que non había obras de teatro escritas en galego. Daquela, aquel señor maior empezou a explicarlles, con paciencia e tacto, o que fora o teatro rexionalista, o das Irmandades da Fala, a Escola Rexional de Declamación, a Escola Dramática Galega, o Conservatorio Nacional de Arte Galega…
Aquel señor maior era Leandro Carré Alvarellos e, igual que aqueles mozos, estaba levantando acta dun roubo: o da historia deste país. Nunha entrevista con Xosé Luna Sanmartín, Pillado expresábao así: “o que nos estiveron roubando esta cuadrilla de asasinos que nin sequera nos deixaban representar a Rosalía”.
Pillado, co seu grave aspecto de patricio romano, contaba con moita frecuencia esta anécdota, e Manuel Lourenzo segue contándoa cada vez que ten ocasión, o que probabelmente delata a profunda pegada que deixou aquel encontro. Se cadra, foi aquela revelación de que se lles furtara o pasado a que está na orixe de tantos volumes en colaboración que estableceron pontes entre o pasado e o presente que estaban tecendo: O teatro galego, Antoloxía do teatro galego, Dicionário do teatro galego… e de todo o traballo de recuperación da memoria teatral que ambos levaron a cabo desde a Escola Dramática Galega, desde os Cadernos do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, desde a revista Casahamlet…
En moitos casos desde a sombra -non por falsa modestia, senón por manter a súa independencia-, o traballo de Pillado cambiou a fasquía da escena galega. El e Lourenzo inventaron un teatro onde non existía, puxérono ao día a respecto das correntes europeas do seu tempo e, cando descubriron aquelas raíces ocultas, fixeron todo o posíbel para que o seu labor se integrase na corrente da tradición, para que a continuidade non crebase. (…)”

Padrón: Casa de Rosalía: Abride a fiestra 2021


Festival-xornada de portas abertas na Casa de Rosalía con feira de produtos rosalianos, exposición de pintura do grupo Galeoska e ludoteca para nenas e nenos (Brazolinda).
[Entrada de balde, capacidade limitada. Non se realizan reservas]

11.00 Kiko da Silva debuxa a Rosalía na Horta
11.00 Mini-concerto de Uxía no Piano de Rosalía***
11.30 Relatorio de Pepe Barro: “Cincuenta anos da Casa de Rosalía”
12.00 Concerto Rosalía pequeniña (Uxía) [público infantil/familiar]
12.30 Presentación de Inchadiña branca vela, libro de fotografías de Eduardo Rivo.
13.00 Dúo Vaguedades, con Fran Rei e Isabel Risco, como Rosalía e Pondal
13.30 Cata e cooperativismo con Paco & Lola, impartida por Nuria de la Torre, enóloga da adega
16.30 Presentación de Rosalía e a cociña, co seu autor, Xavier R. Baixeras.
17.00 Espectáculo de Soledad Felloza [público infantil/familiar]
17.30 Presentación de Espazos de Rosalía en Compostela, coa súa autora, Mercedes Espiño.
18.00 Mini-concerto de Berlai no Piano de Rosalía
18.30 Presentación de Un señor elegante, co seu autor, Suso de Toro
19.00 Concerto de Berlai***
19.30 Mini-concerto de Verto no Piano de Rosalía
20.00 Recital poético multilingüe: con Anna Gas, Antón Blanco, Alba Cid, Berta Piñán, Genaro da Silva, José Rui, Tere Irastortza e Luz Pichel.
21.00 Concerto de VERTO***
23.15 Observación da estrela Rosalía de Castro canda a Agrupación Astronómica Ío [recoméndase traer prismáticos]

***Só 10 prazas. Reservas aquí: fundacionrosaliadecastro@gmail.com

A segunda edición do Festival Virtual do Libro de Galicia centrarase en repasar o 2020 literario

“O Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV) ten ultimada a súa segunda edición a celebrar entre os días 26 e 28 de marzo e que terá dous focos principais de atención. Dunha banda, revisar como foi o ano 2020 para a literatura en Galicia, como afectou a situación de pandemia que se vive á vida literaria; e doutra banda, lembrar algunhas das conmemoracións que serán protagonistas durante o presente ano 2021, de Pardo Bazán a Xela Arias, pasando por Álvaro Cunqueiro. Ademais, o FLIV 21 ofrecerá unha sección de contidos dedicados as artes escénicas para celebrar o Día Internacional do Teatro, que se celebra o 27 de marzo. Esta segunda edición da FLIV conta co apoio da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O FLIV21 manterá un sistema operativo similar ao da primeira edición, celebrada en xuño de 2020. Desde este enderezo web, fliv.gal, poderán seguirse todas as actividades da programación do festival en cada un dos espazos de encontro virtual. Neses espazos terán lugar as intervencións que terán formato charla, mesa redonda, conversa ou debate, as presentacións de libros e tamén as intervencións teatrais.
Entre os argumentos que se debateran nesta segunda edición da FLIV poderán verse e escoitarse aqueles relacionados coa situación mundial e como afecta ao sector cultural, como a mesa redonda que abordará a resiliencia cultural. Tamén haberá debate sobre as características da novela construída desde a memoria persoal e comunitaria, un debate sobre as novas maneiras de creación poética e un encontro de tres actores galegos que falan sobre os roles masculinos na súa profesión.
Continuando co percorrido aberto na primeira edición, formará parte da programación Teatro Interruptus, una sección escénica que este ano contará coa colaboración da revista Erregueté. Tamén se manterá a sección de escaparate para libros que se poderá ver na web do festival a partir do vindeiro 15 de marzo.
Entre os autores que xa teñen confirmada a súa participación figuran Marilar Aleixandre para falar de Emilia Pardo Bazán; Chus Nogueira, que o fará sobre Xela Arias; e as autores que debaterán sobre literatura infantil e xuvenil como unha literatura afoutada e arriscada, Nee Barros, Irene Fernández, Antía Yáñez e Eva Mejuto. No encontro dedicado a narrativa tamén están confirmados, Xesús Fraga, Suso de Toro e Berta Dávila, moderados por Esther Gómez.”