Desde
o Portal das Palabras:
“A produción dramática de Manuel María foi cumprida, con máis de vinte pezas publicadas –premiadas en repetidas ocasións–, varias que quedaron inéditas e mesmo unha adaptación ao teatro dun poema de Blanco Amor. Comezou en 1957 co Auto do taberneiro e incluíu varias obras dirixidas aos rapaces, entre as que destaca, polas súas moitas representacións no ámbito escolar, As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.
Nesta peza breve podemos ver temas como a liberdade do individuo, a denuncia do autoritarismo e o abuso de poder ou a discriminación do diferente, sen perder por iso un ton idóneo para o público infantil, acorde coa concepción xeral do teatro que tiña Manuel María, quen vía neste xénero un instrumento dunha enorme potencialidade educativa.
Así como fixera Lewis Carroll coa súa Alicia, Manuel María escribiu a peza da Berenguela pensando nos fillos da familia monfortina Rodríguez González, coa que tiña unha estreita relación, para ofrecérllela como agasallo. A Manuel María chamáballe a atención un teatriño de monicreques, feito por Alfonso para entretemento e ilustración dos catro fillos, e prometeulles unha obra orixinal que puidesen representar naquel escenario artesanal. Aí naceron as Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, na volta do ano 1975, que se estrearían no verán seguinte naquela casa. (…)”
Arquivo da categoría: Teatro
A Coruña: representación de A noite vai como un río, de Álvaro Cunqueiro, o venres 3 e sábado 4 de xuño
A Coruña: Mostra de teatro amador
O Couto (Ponteceso): actos destacados no Festiletras o xoves 19
O
Festiletras 2016, que terá lugar na aldea do Couto (Concello de Ponteceso), terá os seguintes actos destacados no xoves 19 de maio:
– 12:00 h., na Fundación Eduardo Pondal. Homenaxe a Manuel María. Con Miguel Mato. Recital poético da mocidade, co alumnado do IES de Ponteceso.
– 17:00 h., na Casa dos Veciños. Os vellos non deben de namorarse, de Fantoches Baj.
O Couto (Ponteceso): actos destacados no Festiletras o luns 16 e martes 17
O
Festiletras 2016, que terá lugar na aldea do Couto (Concello de Ponteceso), terá os seguintes actos destacados para o luns 16 e martes 17 de maio:
Luns 16
– 20:00 h., na Fundación Eduardo Pondal. Inauguración das exposicións de Viki Rivadulla “Ser outra cousa” (pintura) e “Matria” (escultura), e posteriormente: Escoito cisnes, recital poético aberto coordinado por Óscar de Souto.
Martes 17
– 11:00 h., na Fundación Eduardo Pondal. III Premio de Poesía Infantil Eduardo Pondal. Convidad@s: Concha Blanco, Diana Varela, Xelucho Abella e María Canosa.
– De 17:00 a 19:00 h., na Casa dos Veciños. Iº Certame de Teatro Infantil Xosé Neira Vilas. Para as Aulas municipais de teatro de Malpica, Ponteceso, Cabana e Laxe. Recreo e obradoiro de caricatura con Xosé Vizoso.
A Coruña: presentación do libro-CD A Berenguela, baseado nun texto de Manuel María
Compostela: presentación de A Berenguela, libro-CD baseado nun texto de Manuel María
Manifesto Dramaturga: Mudarmos a historia! Asaltarmos o escenario!
“Vítima
dun argumento tan pobre que mesmo ousa desafiar de maneira groseira as leis da física, a dramaturxia galega nin se crea nin se transforma: destrúese.
Desde hai xa demasiado tempo, asistimos con indolencia á representación dunha posta en escena de moi baixa calidade: o riscado masivo da escrita dramática, o borrado sistemático das voces de noso abocadas, polas borrallas dun sistema deficiente e malintencionado, á condena do silencio.
Este argumento ten as súas personaxes, as súas accións e inaccións concretas e, como non, os seus conflitos. Por un lado, temos a maioría das compañías de teatro galegas a lles prestar máis atención ás novas voces procedentes do resto do Estado español que á autoría galega. Ao seu carón, as compañías de recente creación optan por linguaxes posdramáticas e creacións colectivas e visuais sen acolleren no proxecto a función da dramaturga, coma se non existise ese perfil profesional, ou como se as novas voces que se dedican á dramaturxia lles fosen impor unha linguaxe caduca e non contemporánea. Cando se decantaren por unha dramaturxia textual, a escolla dun texto por parte destas compañías privilexia, as máis das veces, as literaturas foráneas.
Hai tamén unha trama secundaria que axuda a completar, neste caso, a cacofonía do conxunto. É, como veremos, a trama que se encarga de airear os asuntos dunha maneira máis humorística. Como xénero literario, a literatura dramática galega soporta a súa condición de terra de ninguén. Minimizada polos estudos académicos ante o dinamismo crítico que presentan a poesía ou a narrativa, considerada polo eido editorial máis como unha obriga institucional que como unha aposta comprometida. O teatro galego non se le porque non se publica e non se publica porque non se le. O resultado desta destrución é unha falacia absurda: o teatro galego non existe.
Temos, asemade, o antagonismo daquelas personaxes que se supuñan amigas protectoras. As institucións públicas quitan os ollos, traizoan o destino e devoran a súa prole. Fano coas mentiras da mala política e ignorando o clamor do coro. E a traxedia devén en farsa.
Mais podemos aproveitar o entreacto para ir ao ambigú a tomarlle unha, á porta a botar un pito ou simplemente ao baño, e se remexermos entre os risos hipócritas, as cinzas mortas e as mentiras fedorentas, atoparemos unha certeza motivadora: estamos no momento máis luminoso da dramaturxia galega de toda a súa historia. E dicímolo desde a convicción que nos dá a realidade, asentada nun número de autoras activas nunca superado e na variedade e orixinalidade de formas e temáticas. Nin nos tempos das Irmandades da Fala, nin nos da xeración Abrente foron tantas as voces a se expresaren desde e para o teatro, nin foron tantas as persoas con mancheas de folios nas gabetas e centos de arquivos nos discos ríxidos, nin con certeza foron tantas as dificultades ás que estas voces teñen que lles facer fronte para se encontraren cun público que xa leva demasiado tempo a agardar por elas. Decatarémonos entón, xusto antes de voltar á nosa cómoda butaca, de que a literatura dramática galega, estranxeira na súa patria, hoxe máis que nunca, precisa un pulo sincero e esperanzado. A dramaturxia galega contemporánea precisa, hoxe máis que nunca como en tantas outras cousas, unha reestruturación radical do sistema que lle permita regresar do exilio en que leva anos esquecida.
Por mor e contra todo isto é polo que DRAMATURGA se levanta do asento. E non o fai para aplaudir, senón para interromper a función cun berro. Sigue lendo
Vilaboa: presentación de Sopa de estrelas, de Pepe Cáccamo
Compostela: presentación pública de DramaturGA
O
martes 19 de abril, ás 12:00 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela (Rúa Nova, 34), terá lugar a presentación pública de DramaturGA, Asociación Galega de Dramaturxia.




