Zé Paredes: “Se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe”

Entrevista de Montse Dopico a Zé Paredes en Praza:
“A Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGA, celebra do 8 ao 10 de decembro “a primeira iniciativa pública fraguada nos estaleiros da nosa incipiente asociación”, as xornadas sobre dramaturxia galega Dramaturxente. “É chegado o momento de mapear o territorio da creación dramática no noso país, de tentar diagnósticos xenuínos e partillar rotas, trilladas ou por trillar, e de asumir, en fin, unha tarefa colectiva. A de botar ao mar a nave común das autoras e autores dramáticos da Galiza. E para iso, queremos apelar á vosa viva curiosidade e convidarvos para nos acompañar nesta primeira singradura do noso navío”, explica este colectivo na súa web. As xornadas celébranse no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, contando coa intervención inaugural de Manuel Lourenzo. Falamos con Zé Paredes, membro da asociación. (…)
– Praza: Porque é bastante difícil publicar teatro no formato tradicional de libro.
– Zé Paredes: Son moi poucas as editoras que se arriscan a publicar teatro. E é a pescada que morde o rabo: non se publica teatro porque non se le, e non se le porque non se publica. As poucas editoras que publicaban teatro tiveron, moitas veces, unha existencia efémera. E non só non se publica teatro galego que se estea escribindo agora: tampouco hai case tradución. Non temos traducido a galego nin a Valle-Inclán, e nese sentido o 2017 será un ano moi importante para o teatro galego, (ao cumprirse o prazo para que a obra deste autor pase ao dominio público).
Non hai case onde buscar teatro: antes estaban os Cadernos da Escola Dramática Galega, os Cadernos de Laiovento, a revista Casahamlet… Agora queda o pouco que sacan as editoras e tamén a RGT, que acaba de mudar o nome para erregueté, e que está moi ben, -eu agradezo moito o traballo que fan os compañeiros e compañeiras-, pero tampouco pode sacar máis que uns poucos textos ao ano. E o que pasa é que, se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe. Por iso, tiñamos dúas opcións. Ou o faciamos nós, e por iso creamos a plataforma on-line, ou buscabamos a maneira de presionar para que se impliquen máis as editoras e a administración. (…)”

Compostela: Xornadas sobre Dramaturxia Galega Dramaturxente

dramaturxente-2016-1dramaturxente-2016-2

Manuel Lourenzo publica Nunca paraíso

DesdeManuel Lourenzo AELG o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O dramaturgo Manuel Lourenzo acaba de publicar Nunca paraíso, un total de 39 pezas de teatro breve, escritas entre 1973 e 2015. O autor tamén recibiu por segunda vez o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais pola súa obra Suite Artabria. Pode accederse á entrevista aquí.”

Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 4 no Culturgal

Dologo-footer-culturgal2 2 ao 4 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 2 e sábado 3, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 4, terá lugar o Culturgal 2016. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.

As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 4 son:
– 12:00 h. Auga a través, de Dores Tembrás. Apiario. Presentación do poemario coa participación dos responsables do documental Os días afogados de Amanita Films. Espazo libro.
– 13:00 h. Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra. Nós Produtora. Proxección do documental coa participación de Xosé Luís Ledo, produtor, e Carme Vidal, guionista. Salón de actos.
– 13:00 h. Máis alá do azul e o rosa, de Ana Torres Jack, publicada por Galaxia. Coa autora e o editor Francisco Castro. Espazo libro.
– 13:30 h. Presentación de Cartas de inverno. Edición Especial 100.000 exemplares vendidos, de Agustín Fernández Paz, coa participación de Eulalia Agrelo, María Xesús Fernández, Isabel Soto e Manuel Bragado (Espazo Libro).
– 16:30 h. Presentación da Axenda de Mulleres 2017. Libraría Lila de Lilith e Observatorio da Mariña pola Igualdade. Espazo libro.
– 18:00 h. Mesa redonda de autoras de literatura fantástica dirixida a público xuvenil. Urco Editora. Con María Canosa e Alex Bayorti. Espazo libro.
– 18:00 h. Os soños na gaiola. Títeres Alakrán. Os soños na gaiola de Manuel María é unha obra de monicreques para público infantil e familiar. Con Títeres Alakrán e o dramaturgo e director Roi Vidal. Espazo infantil.
– 18:30 h. Sinatura de María Solar, autoras de As horas roubadas (Stand de Xerais).
– 18:30 h. Un monstro vén a verme. Kalandraka. Presentación da versión en galego do libro de Patrick Ness. Con Xesús Fraga, tradutor, Paz Castro, de Kalandraka e representantes da Asociación de Loita contra o Cancro. Espazo foro.
– 18:30 h. Entrevista a Antonio Manuel Fraga e Carlos Quiroga, gañador e finalista do I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica. Urco Editora. Espazo libro.
– 19:00 h. Conversa da xornalista Selina Otero con Ledicia Costas, gañadora do Premio Lazarillo 2015 con Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, publicada por Xerais (Espazo Libro).
– 19:30 h. Sinatura de Ledicia Costas e Víctor Rivas, autora e ilustrador de Escarlatina, a cociñeira defunta e Esmeraldina, a pequena defunta (Stand de Xerais).
– 19:30 h. Kneves no Autoblues Chicago-Fornelos. Co poeta Kiko Neves e os guitarristas Phil Chicago e Róber Fornelos. Espazo foro.
– 19:30 h. Conversa con Antón Riveiro Coello, autor de A ferida do vento. Galaxia. Coa xornalista Selina Otero. Espazo libro.
– 19:30 h. «Os xoguetes de Clío. Unha homenaxe a Carlos Casares». Polo correo do vento. Espazo infantil.

Crónica videográfica da I Xornada de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional (e II)

Abannerixornadalitdramaelg2016 I Xornada da Sección de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional, que contou co apoio do Concello da Coruña, tivo lugar o sábado 5 de novembro no Quiosco Alfonso.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe as intervencións de Xavier Albertí e o público asistente na aula maxistral que deu o autor catalán:

– Aula maxistral de Xavier Albertí (I):


– Aula maxistral de Xavier Albertí (II):


– Aula maxistral de Xavier Albertí (III):


– Aula maxistral de Xavier Albertí (IV):

Crónica videográfica da I Xornada de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional (I)

Abannerixornadalitdramaelg2016 I Xornada da Sección de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional, que contou co apoio do Concello da Coruña, tivo lugar o sábado 5 de novembro no Quiosco Alfonso.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas dúas intervencións:

– Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG.


– Intervención de Afonso Becerra.

A Coruña: XX Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

cartaz_iban_2016A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, ao chegar o seu Memorial Ibán Toxeiro á súa XX edición, pretende celebralo dun xeito diferente, aínda que complementario a anteriores ocasións. Sempre, o noso Memorial quixo unir a actrices e actores amadores e profesionais nun mesmo escenario, nunha clara homenaxe a un actor que formou parte activa de ambos mundos. Mais esta vez, é a pretensión dos directores da gala, Xoán Carlos Mejuto e Lino Braxe, realizar unha fusión do oficio actoral, tanto amador como profesional, non presentando obras en compartimentos estanco diferenciados, senón abordando a estrea da obra de Álvaro Cunqueiro Romeo e Xulieta, famosos namorados, peza na que participarán actores e actrices profesionais e amadores sen distinción. O grupo de teatro da ACAB, Teatro Valacar e a coral Breogán da ONCE, xunto con actores como Xosé Bonome, Manuela Varela, Pedro Picos, Sabela Hermida, Xosé Vilarelle e outros profesionais da escena, serán os encargados de levar adiante este desafío. Asemade, Teatro Proscrito realizará un fragmento do Edipo de Manuel María.