Pontevedra: Escola de Escritoræs. Obradoiro A ciencia das letras: Ciencia, poesía e viñetas para constelar ideas e emocións, con Estíbaliz Espinosa
O Obradoiro A ciencia das letras: Ciencia, poesía e viñetas para constelar ideas e emocións, con Estíbaliz Espinosa é unha unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.
Se te sentes tanto de letras como de ciencias; se sempre quixeches achegar un gran de area a temas universais como o amor e a morte, pero cos ollos, o enfoque e á luz do coñecemento científico [dende a mecánica cuántica ata as ondas gravitacionais, pasando pola xenética, a neurociencia ou a bioloxía]; se cres que un poema é a criatura literaria máis híbrida, que tamén pode expresarse cunha viñeta, banda deseñada ou nunha infografía; se queres artellar e compartir poemas e tamén todo o universo que colle neles… agardámoste nesta primavera en Pontevedra cun programa cheo de letras e ciencia, cunha convidada moi especial.
A cargo de Estíbaliz Espinosa e cunha clase maxistral de Marilar Aleixandre.
As aulas, nas tardes dos venres, versarán sobre a escrita de poemas e sobre diversas ramas da ciencia coas que adoptar un enfoque literario, de cara a un proxecto final.
O proxecto literario constará de:
– Por unha banda, a elaboración dun poemario científico curto [adubiado con ilustracións, viñetas ou infografías, ao gusto].
– Por outra, un recital final en xuño.
As obras que o desexen poderán subirse á páxina laboratoriodapalabraudc.wordpress.com
Calendario e inscrición
– Días: venres 26 de abril; venres 3, 24 e 31 de maio; venres 7, 14, 21 e 28 de xuño.
– Horarios: de 17:00 a 20:00 h.
– 25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
– Inscrición, necesaria e gratuíta, en inscricions@pontevedra.eu, indicando os seguintes datos:
Nome e apelidos.
Correo electrónico.
Núm. do documento de identidade.
Enderezo completo.
Data nacemento.
Ocupación.
As prazas asignaranse por orde de solicitude.
O obradoiro desenvolverase no Pazo da Cultura (Rúa Alexandre Bóveda), no Seminario 8 – Aula da Escola de Escritoræs da AELG.
Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2019: Eli Ríos, DX ou a Elviña de 2030
Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.
Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos. É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.
A inscrición pódese facer na conserxaría do Centro Ágora, chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 horas, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas seguintes datas:
– Eli Ríos. Inscrición desde o luns 15 de abril.
– Xurxo Souto. Inscrición desde o luns 29 de abril.
Sábado 27 de abril (a partir das 12:00 h.): Eli Ríos. DX ou a Elviña de 2030. Inscrición desde o luns 15 de abril.
Seguindo as liñas de DX faremos un roteiro no que camiñaremos os espazos físicos da novela. Ademais, viaxaremos ata a noitevella de 2019 para descubrir que agocha o futuro. Unha viaxe espazo-temporal está á túa espera na Chousa do Cura.
Crónica videográfica do Parlamento de Escritoras-es (III)
O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita foi unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que tivo lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
Presentación das conclusións das mesas redondas e grupos de traballo:
Debate sobre as conclusións das mesas redondas e grupos de traballo:
Compostela: actividades destacadas do domingo 28 na Feira do Libro 2019
O domingo 29 de abril comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 12:30 h. Pregón a cargo de Marilar Aleixandre.
– 13:00 h. Presentación de O cirrio e o dron, de José Julio Fernández, publicado por Hércules de Edicións.
– 13:30 h. Marilar Aleixandre asina exemplares da súa obra na caseta de Secretaría.
– 18:00 h. Presentación-concerto de Canta, miña pedra, canta, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia.
– 19:00 h. Presentación e obradoiro arredor do libro Quokka Moka de María Solar, ilustrado por Víctor Rivas, publicado por Xerais. Ao remate sinatura de exemplares.
– 19:45 h. Presentación de Novas masculinidades, de Jorge García Marín, publicado por Através Editora. Con Daniel Amarelo.
– 20:00 h. Charo Baleirón e Esther Balboa asinan Coñecendo a Antonio Fraguas. Roteiros literarios, na caseta da Libraría Ler Librerías.
Compostela: presentación de A reconquista, de Antía Yáñez
A escritora María Reimóndez, Premio dos Clubs de Lectura 2019
Desde as Bibliotecas Escolares de Galicia:
“Na XII Xornada dos Clubs de Lectura, que reunirá o 7 de xuño de 2019 en Compostela ao profesorado que coordina os clubs de lectura en 243 centros adheridos á convocatoria desta consellería, entregarase o Premio dos Clubs de Lectura 2019 á escritora María Reimóndez.
O pasado 23 de abril, a D.X. de Centros e Recursos Humanos publicaba unha Resolución pola que se concedía este galardón a María Reimóndez por ser a escritora galega máis lida nos clubs de lectura. Aínda que na relación de autores e autoras máis lidas polos clubs de lectura no pasado curso 2017/2018 María Reimóndez aparece cuarta na lista, cómpre lembrar que este premio só se entrega a autores/ as en vida e que cada autor e autora pode recibilo unha soa vez.
É de salientar que entre os títulos máis lidos polos clubs de lectura no curso 2017/2018 aparecen títulos de María Reimóndez como Corredora, A dúbida, Dende o conflito, As cousas que non queremos oír ou Moda galega.
A escritora afirma que a literatura contribúe a conformar valores e ten que servir para construír outro mundo. Así Genet, a atleta etíope protagonista de Corredora, quere mostrar ao mundo enteiro do que son capaces as invisibles. Por iso, cando por fin está no podio, entende que levantarse e correr, unha e outra vez, é o seu camiño e o seu fogar aprendido na cerna da montaña, no país onde naceu e onde cabe o mundo enteiro.”
Bases do VIII Premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro
Bases do XX Premio de poesía Díaz Jácome
Xosé Antonio Neira Cruz faise co XXI Premio de Narración Curta Ánxel Fole do Concello de Lugo
Desde o Concello de Lugo:
“O xurado profesional do XXI Certame de Narración Curta Ánxel Fole, posto en marcha polo Concello de Lugo, decidiu outorgar o premio deste concurso a Xosé Antonio Neira Cruz, pola obra titulada Veleno de tinta imprensa.
Os membros do xurado reuníronse baixo a presidencia, con voz e sen voto, da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Estivo composto por Luz Darriba, artista multidisciplinar; Xosé Cid Cabido, gañador da edición anterior deste certame; Manuel Bragado, ensaísta, crítico e editor, e como representante de Edicións Xerais de Galicia.
A entidade local convoca cada ano este premio para novelas breves ou libros de relatos, que está dotado cun único premio de 4.000 euros, ademais da publicación da obra premiada a cargo da editorial Edicións Xerais de Galicia.”