Entrevista
de Daniel Salgado a Eduardo Estévez en Sermos Galiza:
“Unha persoa sentada na cociña. Penumbra. Despois, a mesma persoa nun deserto. Está calmada, pero o seu rostro axítase lenemente. A imaxe regresa á cociña. Parece unha secuencia dun filme pero é o núcleo argumental dun poema. En concreto, dun poema do último libro de Eduardo Estévez, [sen-fin] (Positivas, 2019).
“a escena comeza / cun cadáver / boca abaixo no centro da rúa”, principia a obra, “non pasan coches / nin xente / a esta hora da mañá / os domingos”. Sen maiúsculas, sen voz alta, como un cinematógrafo que enmarca a realidade, atento aos detalles, con significadísimos fóra de campo e sobriedade metafórica, a orixe de [sen-fin] confirma a súa aparencia fílmica.
“O libro escribino antes dos dous últimos que publiquei, de baleas (2017) e nós-dentro (2018). Acabara o proceso de Entrar na casa [en colaboración co fotógrafo Nachok], que fora moi negociado, e apetecíame escribir ao meu aire”, conta Estévez (Bos Aires, 1969) a Sermos Galiza. Era 2013. Decidiu daquela recuperar bosquexos dun caderno de notas en que, tempo atrás, recollera ideas para videopoemas.
A situación resultáballe rara. El sempre preferiu escribir no computador ou no móbil. E aqueles prototipos de guión que quedaran en nada convertíanse agora en poemas, inzados de cortes, secuencias e fundidos. “o movemento das pólas / detrás das cortinas / translúcidas / fai xogos de luz / no papel da parede”, di cuarto de hotel, “comezan a oírse voces / nun cuarto contiguo // discuten // a cámara permanece fixa”.
A soidade da vida moderna e o absurdo apenas entornado do cotián. A poética dos obxectos e as trampas da memoria. A ollada espida sobre a cidade e personaxes como de cadro de Hopper. Esa luz que redefine as cousas a cada paso. [sen-fin] é ademais un álbum de fotos, postais lacónicas pero narrativas, a non tanta distancia doutros traballos de Estévez. (…)”
Entrevista a Miguel Anxo Seixas Seoane sobre Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Miguel Anxo Seixas Seoane publica a primeira biografía de Castelao, na Editorial Galaxia. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Compostela: presentación do número 73 da Revista Galega de Educación
Xavier Alcalá presenta Cartas ao Cholo
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Xavier Alcalá recolle neste libro as cartas que se enviaba con Antonio Rei Flórez, máis coñecido como Cholo, durante os anos 1994 e 2001 nos que o Cholo viviu na Arxentina. Cartas ao Cholo é a homenaxe de Alcalá ao seu amigo, finado en 2018. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Fefa Noia comunícalle ao Consello Reitor da Agadic que deixará a Dirección do Centro Dramático Galego no mes de outubro
Desde
Agadic:
“A directora do Centro Dramático Galego (CDG), Fefa Noia, comunicoulle hoxe oficialmente ao Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) que deixará o seu posto no mes de outubro para emprender novos cometidos profesionais. O máximo órgano directivo da entidade, presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, agradeceulle a Noia todo o traballo realizado nos últimos catro anos e desexoulle o maior éxito nos seus proxectos futuros.
Na súa reunión desta mañá, o Consello Reitor acordou tamén a inmediata posta en marcha dun procedemento público de selección cara á provisión da praza de coordinador ou coordinadora do Departamento de Produción Teatral da Agadic, que conleva, entre outras funcións, a dirección da compañía teatral pública e a planificación da actividade da súa sede escénica, o Salón Teatro de Santiago de Compostela. O posto quedará vacante a partir do 1 de outubro, data na que será efectiva a saída da actual directora.
Fefa Noia incorporouse ao CDG en xaneiro de 2016, despois de superar a correspondente convocatoria pública de acceso, resolta en decembro de 2015. Durante a súa etapa, a compañía institucional acometeu a produción propia de catro espectáculos: Tartufo, de Molière, con dirección de Carles Alfaro; Martes de Carnaval (integrado polas pezas As galas do defunto e A filla do capitán), de Valle-Inclán, con dirección de Marta Pazos; Divinas Palabras Revolution, tamén de Valle-Inclán, con dirección de Xron; e o que está actualmente en xira: Neorretranca e posmorriña, de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte, baixo a dirección de Gena Baamonde.
A súa xestión estivo presidida pola atención á dramaturxia galega actual, na que centrou o programa de difusión e apoio Dramaturxente (integrado polas liñas de acción DramaturXa ou TeatrHoxe, entre outras), a reactivación das residencias técnicas e artísticas no Salón Teatro para dar servizo ás compañías privadas e o impulso ao plan de coproducións, fórmula pola que o CDG contribuíu neste tempo á materialización doutras doce montaxes. Tamén incidiu no teatro familiar, incrementou a actividade formativa para escolares e para profesionais do sector, retomou a edición de textos teatrais e puxo en marcha iniciativas de conciliación, así como funcións inclusivas, xornadas de portas abertas e encontros para a conversa entre os equipos artísticos e o público.”
Compostela: inauguración da exposición “Galicia máxica. Romarías e santuarios”, de Gustav Henningsen
Madrid: presentación de A obra xornalística de José Gómez de la Cueva (Johan Carballeira), de Francisco Rodríguez Pastoriza
Crónica videográfica da Gala do Libro Galego (III)
A
Gala do Libro Galego 2019, actividade conxunta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 11 de maio de 2019, en Santiago de Compostela.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Entrega do Premio á traxectoria en Iniciativa cultural ou de fomento da lectura: Asesoría de Bibliotecas Escolares.
– Entrega do Premio á Traxectoria en Proxecto literario na rede: Brétemas, de Manuel Bragado:
– Entrega do Premio á Iniciativa bibliográfica: Biblioteca de Pedagoxía, por Kalandraka Editora (recollido polo seu coordinador, Antón Costa Rico):






