A Mostra de Teatro de Ourense recoñece o papel pioneiro de Tereixa Campo

Desde Sermos Galiza:
“A clausura da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) recoñeceu o sábado 28 de abril, o labor pioneiro de Tereixa Campo no teatro lugués e, por extensión, galego. A activista teatral do Val do Mao recibirá o premio da organización da Miteu.
Coordinadora da Aula de Teatro do Campus de Lugo entre 1994 e 1998 e fundadora da Asociación Barriga Verde e de Achádego Teatro, o traballo incansábel de Campo por un teatro de base é salientado na viséximo terceira edición da Miteu.
Profesora durante décadas no colexio público de Casás, en Lugo, tamén se encargou da dirección escénica dunha versión da zarzuela Non chores Sabeliña, de Xosé Trapero Pardo, e escribiu pezas dramáticas como O xogo de Pinto Pinto, Contos de Sempre ou O sorriso das pedras. Antes de Achádego, practicou o teatro en Tarabelo.
O acto de entrega do galardón foi ás oito do serán no Teatro Principal de Ourense. Ademais do premio da organización, tamén se entregaron os premios do xurado e do espectador Carlos Couceiro e Begoña Muñoz e os premios á mellor resolución técnica Suso Díaz. Maricastaña, a Aula de Teatro da Universidade de Ourense, xérmolo da Miteu, representou As ondas das pedras no río e houbo música a cargo de Dani Minimalia, guitarrista.
A clausura pon o ramo a unha mostra en que se puideron ver arredor de 30 espectáculos teatrais e que comezou o pasado 12 de abril. Organizan o Concello de Ourense, a Deputación e a Universidade de Vigo -da que depende o campus ourensán- coa colaboración de Sarabela Teatro, o Café Cultural Auriense e a Xunta. Diríxea Fernando Dacosta.”

Materiais para infantil e primaria do Día das Letras Galegas 2018, elaborados polo Seminario Galán

“Xa está a disposición dos centros escolares o material das Letras Galegas, 2018 para infantil e primaria elaborado polo Seminario de Galán.
Na páxina do Seminario poderedes atopar actividades interactivas sobre María Victoria Moreno, actividades en PDF, carteis da exposición e cuestionario, díptico, marcapáxinas, biografía en PDF, fotos, biografías en lingua de signos, “A festa no faiado” teatralizada, actividades interactivas en formato LIM…
A ligazón é a seguinte: Seminario Galán.”

O Mapa Literario de Vigo permite percorrer a cidade a través dos seus escritores e as súas obras

Desde Fervenzas Literarias:
“A Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas de Vigo presentou o “Mapa Literario de Vigo” para amosar a riqueza cultural da cidade a través dos seus libros e os seus autores. O proxecto consta de dez rutas que percorren todos os barrios da cidade olívica marcando os fitos literarios das obras.
Trátase dun mapa que percorre Vigo polos catro costados para trazar as rutas literarias nos que a cidade foi o escenario elixido polos autores máis recoñecidos. O proxecto está configurado para crecer a medida que aparezan novos títulos e está configurado coma un traballo colectivo no que calquera cidadán poida colaborar incorporando obras que quedaron atrás na súa primeira posta en escena.
O proxecto consta da realización dun mapa de Vigo con dez liñas que atravesan en todas direccións a cidade e que van deténdose nas diferentes “Paradas Literarias”, que teñen o nome das novelas que dalgún xeito están vinculadas a ese lugar. Toda esta información, ademais dunha bibliografía completa, están dispoñibles na páxina web mapaliterariodevigo.com.
Lugares coma a Porta do Sol co Sireno son testemuña de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción que recollen estas obras. O barrio de Teis e a xeración perdida das revoltas obreiras, o Berbés coma recordo das tradicións viguesas, as rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario como reflexo de unión entre a veciñanza.
As rutas están protagonizadas por autores como Jules Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban, María Lado e unha decena máis de escritores que converteron a Vigo en protagonista das súas obras.”

Divinas Palabras Revolution volverá a Santiago tras unha xira de dous meses por nove escenarios de Galicia e Madrid

Desde Agadic:
“O CDG remata esta fin de semana a primeira estadía de Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro ao regresará en xullo para ofrecer catro últimas funcións. Antes, esta adaptación que dirixe Xron a partir da obra de Valle-Inclán desenvolverá unha xira de dous meses por oito escenarios galegos e mais o Teatro Español de Madrid.
Hoxe, ás 20,30 h., e mañá, ás 18,00 h., terán lugar as dúas últimas funcións desta primeira quenda en Compostela, que inclúe 16 representacións. A elas sumaranse outros catro pases no Salón Teatro do 5 ao 8 de xullo, que a compañía pública acaba de programar para dar resposta á boa acollida de público que está a ter o espectáculo desde a súa estrea o pasado día 12.
Ademais, a próxima semana Divinas Palabras Revolution iniciará unha xira, durante a que ofrecerá outras 21 representacións. En Galicia poderá verse o 4 de maio en Carballo, 11 e 12 de maio en Ourense, 1 de xuño no Barco de Valdeorras, 8 e 9 de xuño na Coruña, 14 de xuño en Pontevedra, 16 de xuño en Rianxo, 21 e 22 de xuño en Vigo e 29 de xuño en Cangas.
Volta ao escenario da estrea orixinal
En Madrid, a montaxe representarase do 17 ao 27 de maio. Será en galego, con sobretítulos en castelán, 85 anos despois da estrea da obra orixinal, que tivo lugar en 1933 nese mesmo espazo baixo a dirección de Cipriano Rivas Cherif, con escenografía deseñada por Castelao e con Margarita Xirgu como Mari-Gaila.
Nesta nova aproximación á obra de Valle-Inclán, este papel está interpretado por Patricia de Lorenzo, como parte do elenco do que tamén forman parte Manuel Cortés (Pedro Gailo), Antón Coucheiro (Sétimo Miau), Borja Fernández (Migueliño), Mónica García (Marica do Reino), Tone Martínez (Candás), Victoria Pérez (Tatoola), Ánxela Ríos (Simoniña) e Tomé Viéitez (Laureano).
Na versión que asinan Manuel Cortés e Xron, con dramaturxia deste último, os devanditos personaxes son os concursantes dun programa de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras 24 horas. Deste xeito, a ‘traxicomedia de aldea’, como subtitulou Valle a obra orixinal, convértese aquí en ‘traxicomedia de aldea global’.”

O investigador Carlos Quiroga presenta Raízes de Pessoa na Galiza

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“As conexións galegas de Fernando Pessoa: un tataravó de Outes e uns heterónimos de orixes galegas. Carlos Quiroga presenta Raízes de Pessoa na Galiza. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 28 e domingo 29 de abril

O sábado 28 de abril comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado e domingo:

Sábado 28
12:30 h. Pregón a cargo de Rosa Aneiros.
13:00 h. Inauguración da exposición Lorca & Galicia. A viaxe de 1916, por Alvarellos Editora.
19:30 h. Presentación de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel Pérez, publicado pola Fundación Galiza Sempre. Participan no acto Francisco Jorquera e Goretti Sanmartín.

Domingo 29
12:00 h. Xoán Babarro asina exemplares de O baúl de Domingo Quintas e Ana María Fernández e Enrique López de Ring… Ring! Quen rima? na caseta da Libraría Aenea.
20:30 h. Presentación de María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, de Isabel Soto e Xavier Senín. Participan os autores e Marta Neira.