María Reimóndez participa na próxima sesión do Comando Le
O sábado 25 de novembro, de 20:00h a 00:00h, a Casa da Lectura de Gondomar acollerá unha nova sesión do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura para mozos e mozas de máis de 12 anos. Nesta ocasión a sesión xirará arredor da novela Corredora, de María Reimóndez, publicada por Edicións Xerais, e incluiranse diferentes actividades que nos permitirán reflexionar xuntos sobre a realidade que presenta esta novela que lles propuxemos como lectura aos comandoleiros e comandoleiras. Como é habitual, haberá unha pausa para a cea polo que os rapaces e rapazas que asistan deberán levar algo para compartir.
Xavier Estévez estará no club de lectura infantil Lendo Contigo
Tamén o sábado, pero ás 12 da mañá, a Casa da Lectura acollerá a sesión mensual do club de lectura compartida Lendo Contigo. Nesta ocasión, os nenos e nenas que queiran participar, falarán e compartirán experiencias arredor do libro Avións de papel, de Xavier Estévez, unha novela sobre a amizade relatada sobre o fondo da arte urbana, dos traballos pictóricos, sexan graffitis ou murais, que humanizan a cidade e a fan máis fermosa. O propio autor estará na sesión para conversar coas familias participantes.
Pontevedra: II Xornadas sobre Antropoloxía, O Sagrado e o Profano
A Coruña: mesa Como sería un mundo gobernado por mulleres?
O luns 27 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Ágora da Coruña (Lugar da Gramela, 17), terá lugar a mesa Como sería un mundo gobernado por mulleres? Por Min mesma. Mulleres pioneiras, con Pilar García Negro, Andrea Jamardo, Eva Vieites e Silvia Seixas.
O aforo é limitado. Para asistir, enviar un mail a clasicosnunhahora@gmail.com
* Entre os asistentes sortearase un lote de libros da colección Mulleres Bravas da Nosa Historia, de Urco Editora, e dúas entradas para a estrea de Casa de Bonecas da compañía Clásicos Nunha Hora o vindeiro 30 de novembro ás 20h no Ágora. Colaboran co evento Asociación Veciñal Agra do Orzán, Livraría Suévia e Suma Ágora.
Comunicado da Asociación Galega da Crítica sobre a situación actual do MARCO
Moaña: presentación de Corpo de Antiochia, de Tamara Andrés
As chaves do tempo. Arredor de Luísa Villalta
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“As chaves do tempo. Arredor de Luísa Villalta. Pode escoitarse aquí.”
Marilar Aleixandre gaña o XI Premio Raíña Lupa coa novela A filla do Minotauro
Desde a Deputación da Coruña:
“A novela A filla do Minotauro da escritora Marilar Aleixandre é a gañadora do XI Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña. A escritora é a primeira muller que gaña o certame de literatura infantil e xuvenil.
Un xurado composto por Héctor Cajaraville –gañador da edición anterior–, Charo Pita, Antonio Reigosa, Pilar Sampedro e María Solar, coa vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta do xurado e a xefa de sección da área, Manuela Muñiz, como secretaria decidiron, por unanimidade, premiar a novela de Marilar Alexandre como gañadora do XI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.
A obra, titulada A filla do Minotauro e presentada co lema Siracusa, relata unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte. O xurado destaca “a mestura de tempos históricos” da novela e a súa “relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural”. A través da aventura que protagoniza a obra pódense facer, segundo o xurado, “moitos niveis de lectura”. Ademais, destacan a “calidade literaria da obra” nunha convocatoria cun “alto nivel das obras publicadas”.
O xurado decide seleccionar como finalista a obra Como bágoas de dragón da escritora Andrea Maceiras e recomenda a súa publicación. A novela xira arredor do acoso escolar. Nesta edición presentáronse ao concurso un total de 48 obras, case o dobre do pasado ano que foron 27 as que concorrían ao galardón. A gañadora recibirá 6.500 € do premio máis a publicación da obra. (…)”