O CDG abre a súa nova temporada coa estrea no Salón Teatro da coprodución con Pistacatro Arnoia Arnoia

Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) inaugura a nova temporada de actividade pública no Salón Teatro de Santiago de Compostela coa estrea este xoves día 11 de outubro do espectáculo Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena, que coproduce coa compañía Pistacatro Produtora de Soños.
Esta será a primeira das 12 montaxes programadas ata final de ano na sede compostelá da compañía da Consellería de Cultura e Turismo, que tamén acollerá parte das proxeccións do festival Cineuropa.
Quico Cadaval regresa ao Salón Teatro como director de Arnoia Arnoia, que combina teatro e circo para levar ás táboas a coñecida novela homónima de Xosé Luís Méndez Ferrín, incluída na listaxe de honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY). Neste escenario poderá verse ata o 20 de outubro, con funcións de xoves a sábados, ás 20,30 h., o domingo, ás 18,00 h., e pases matinais concertados con centros escolares do martes 16 ao xoves 18, ás 11,00 h.
Os espectadores interesados en afondar no proceso de creación e posta en escena desta nova peza de Pistacatro terán, ademais, a oportunidade de conversar ao respecto co equipo artístico no encontro que se desenvolverá ao finalizar a función de tarde do xoves 18. O espectáculo está recomendado para todos os públicos, a partir dos 10 anos de idade.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora do CDG, Fefa Noia, e mais o equipo artístico e de produción de Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena presentaron hoxe esta ollada ao imaxinario múltiple de Méndez Ferrín, pasado pola peneira de Quico Cadaval.
En residencia
Na súa intervención, o director da Agadic inseriu este traballo na liña de coproducións que o CDG vén materializando xunto con distintas formacións artísticas e que leva parello, así mesmo, o desenvolvemento de residencias artísticas no Salón Teatro. É o caso de Pistacatro e tamén o doutras dúas compañías que visitarán proximamente este escenario: A Panadería regresará a Santiago do 25 ao 28 deste mes con Elisa e Marcela, tras un ano de éxitos por toda Galicia, e Pablo Fidalgo ofrecerá do 2 ao 4 de novembro a estrea galega de Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro).
Jacobo Sutil tamén enmarcou nos obxectivos da compañía pública o feito de que Arnoia Arnoia se acompañe dunha serie de funcións dirixidas a escolares, ao tempo que destacou “o tándem Méndez Ferrín-Cadaval ao servizo dun xénero tan versátil e con tantas posibilidades de crear afección teatral como é o do novo circo aplicado ao teatro e, neste caso, servido por Pistacatro, compañía pioneira nesta disciplina en Galicia”.
Os recursos circenses son aquí claves para resolver en escena as aventuras e prodixios desta historia, que comeza cando Nmonadah, un adolescente de 16 anos, perde os seus seres queridos na guerra. A partir desde momento, vese só para iniciar un camiño asexado por perigos, que adquiren forma de luminosos e inquietantes artistas de circo. Para regresar á súa casa pequena, deberá superar unha serie de difíciles probas coa axuda do amuleto Libredón e do castrón Mestre Lionel.
Ánxela Blanco, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Álvaro Reboredo e Beatriz Rubio conforman o elenco de Arnoia Arnoia, que conta con Baltasar Patiño no deseño da escenografía e da iluminación; Carlos Alonso, no do vestiario; Xurxo Pinheiro, a cargo da música; Rubén Vilanova, da fotografía; Juan Gallego, da imaxe; Belém Brandido e José Expósito na produción; e Marcos Ptt Carballido e Clara Gayo como axudantes de dirección.
Venda de entradas
A venda anticipada das localidades está xa activada no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Os días de función poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
Esta é a primeira da ducia de propostas que acollerá a sede do Centro Dramático Galego ata finais de ano e que, ademais das devanditas coproducións Elisa e Marcela e Anarquismos, ofrecerá teatro, danza e cinema para todos os públicos.
Así, o vindeiro día 21 o Festival Internacional de Títeres Galicreques presentará aquí o espectáculo El oso que no lo era, da compañía mexicana Mano y Contramano. O 30 de novembro, tras practicamente un mes de proxeccións do festival Cineuropa, o circo volverá ao Salón Teatro con Futuro animal, da man do Foro D10! e das formacións Twisting the Balance e Circo Político.
Decembro comezará con danza (Toda a beleza do mundo, de María Move, os días 1 e 2) para centrarse a continuación no teatro: Casquería e outras vísceras, de Xerpo Teatro, o 8 e 9; Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, do 11 ao 16; Soños, do grupo de teatro afeccionado Down Lugo, o día 19; e as tres propostas do ciclo Gran teatro para os máis pequenos (Nómade, de Xarope Tulú, o 22 e 23; Os fabulosos cleaners, de Malasombra, o 29 e 30; e Muiñada, de Galeatro, o 3 e 4 de xaneiro).”

Finalistas Premio Mondoñedo10 2018, Teatro

A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo veñen de convocar a 3ª edición do galardón denominado Premio Mondoñedo10 que nesta ocasión, ano 2018, se concederá na modalidade de TEATRO á mellor obra escrita orixinalmente en galego e cuxa primeira edición fose publicada, editada ou representada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao desta convocatoria; ou sexa, entre 2008 e 2017, ambos inclusive.

REUNIÓN DO XURADO E FALLO DO PREMIO
O xurado designado para elixir a obra gañadora reunirase en Mondoñedo o domingo, 14 de outubro.
A entrega do premio ao autor/es ou autora/s da obra gañadora terá lugar en acto público a celebrar no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo o domingo, 21 de outubro, a partir das 12:15 h.

PREMIO
O premio que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou, en caso de falecemento ou outra causa, a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá nun diploma acreditativo deseñado polo debuxante mindoniense J. Pedro Gómez, e unha obra artística orixinal e única, creación do artista, tamén mindoniense, Xosé Vizoso.

COMPOSICIÓN DO XURADO
Composición do xurado para a edición correspondente ao ano 2018, modalidade TEATRO.
Presidente: Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo.
Vogal designado polo Consello da Cultura Galega.
Vogal designado pola Real Academia Galega
Vogal designado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).
Vogal designado pola Asociación Galega de Editoras.
Vogal designado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
Vogal designado por Escena Galega, Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas.
Vogal designado polo concello de Mondoñedo.
Secretario: Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio.
Os nomes faranse públicos unha vez fallado o premio. Nin o presidente do xurado nin o secretario poden propoñer nin votar obras.

OBRAS FINALISTAS
Unha vez recibidas as propostas de todos os membros do xurado faise pública a listaxe das 11 obras finalistas:
1.- Onde andas, Karl?
Autor: Rubén Ruibal
Embora, 2009
2.- Flores de Dunsinane
Autor: Manuel Lourenzo
Xerais, 2010
3.- As do peixe
Autor: Cándido Pazó
Contraproducións, 2013
4.- Sempre quixen bailar un tango
Autora. Teresa González Costa
Xerais, 2009
5.- Eroski Paraíso
Autor: Chévere
Kalandraka 2016
6.- Suite Artabria
Autor: Manuel Lourenzo
Xerais, 2017
7.- O refugallo
Autora: Paula Carballeira
Xerais, 2013
8.- Os cans non comprenden a Kandinsky
Autora: Avelina Pérez
Erregueté, Revista Galega de Teatro, nº 91, 2017.
9.- Voaxa e Carmín
Autora: Esther F. Carrodeguas
Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2016
10.- Raclette
Autor: Santiago Cortegoso
Xerais, 2015
11.- Nome: Bonita
Autora: Vanesa Sotelo
Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, 2015.

PREMIOS 2016 e 2017 (Recordatorio)
Na primeira edición correspondente ao ano 2016 o xurado elixiu como mellor obra na modalidade de Narrativa publicada en galego entre os anos 2006 e 2015 Os libros arden mal da autoría de Manuel Rivas, publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2006.
Na segunda edición correspondente ao ano 2017 o xurado elixiu como mellor obra na modalidade de Poesía publicada en galego entre os anos 2007 e 2016 Hordas de escritura da autoría de Chus Pato, publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2008.

Mondoñedo, 6 de outubro de 2018″

A Coruña: Simposio María Victoria Moreno, os 27 e 28 de novembro

A Coruña: conferencia de Bernardo Máiz sobre “Resistencia, guerrilla e represión”

O 9 de outubro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22), na Coruña, Bernardo Máiz pronunciará a conferencia “Resistencia, guerrilla e represión”, dentro do ciclo Economia, História e Realidade Social. Ao finalizar a mesma departirá co público asistente.

Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2018

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

Para inscribirse nestes paseos pola cidade con autoras e autores que escribiron sobre Pontevedra, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos (nome completo, teléfono e enderezo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com, e indicar a que paseo/s queren apuntarse, a partir do 25 de setembro.
A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico.
Prazas limitadas: 50 persoas.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.

Sábado 6 de outubro
Pontevedra, punto de encontro, con Elisabeth Oliveira.

Sábado 20 de outubro
Espazos do poema, con Tamara Andrés.

Sábado 27 de outubro
A Pontevedra de María Victoria Moreno, con Ana Acuña e Fina Casalderrey.

Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2018

Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra.

Hai inscrición previa, de balde, ata cubrir 50 prazas para cada roteiro. Farase no correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando o nome da persoa ou persoas participantes e un número de teléfono de contacto. Reservarase un máximo de 4 prazas por persoa.
Horario dos roteiros: de 11:30 a 13:00 horas.

Bueu. 6 de outubro. Lucía Novas. Paseo Literario Johan Carballeira. Partida: Bueu. Peirao da Praia de Pescadoira. Esgotadas xa as prazas.

Xa tiveron lugar:
Moaña. 25 de agosto, Xosé Daniel Costas: Moaña, as traballadoras do mar. Partida: Moaña. Porto de Pasaxes. Estación Marítima.
Vilagarcía. 1 de setembro. Marcos Calveiro: O xardineiro dos ingleses. Partida: Cemiterio dos ingleses.
Cuntis. 8 de setembro. Marcos Seixo: Roberto Blanco Torres. Hotel da Virxe (Rúa do Balneario, 1).
Vigo. 15 de setembro. Ledicia Costas. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. Partida: Fortaleza do Castro. Esgotadas xa as prazas.
Ribadumia, Meis e Barro. 22 de setembro. Susana Sánchez Arinsseique, quando os passeios eram morte. Partida: Ponte Arnelas.
Tui. 29 de setembro. Marga do ValTui na literatura. Partida: Sobredo.