Os Premios Xerais 2017 fallaranse o sábado 3 de xuño na Illa de San Simón
“Este ano compiten un total de 96 obras.
Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 26 de maio. Os premios serán fallados o sábado 3 de xuño na illa de San Simón.
O xurado da XXXIV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 42 obras, está formado por: Ana González Liste (xornalista), Marcos Lorenzo (xestor cultural), Diana Pastoriza (profesora de inglés da EOI e asesora TIC no CAFI), Lois Pérez Díaz (mestre e contador de historias), Afra Torrado (poeta e estudante de Belas Artes) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da IX edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 19 obras, está formado por: Xabier Campos Villar (profesor de lingua e literatura no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa e autor de libros de texto), Mar Montenegro Prado (profesora de lingua e literatura no IES Politécnico de Vigo), Yaiza Peixoto Sánchez (profesora de educación infantil no CEIP Serra-Vincios de Gondomar e Vicepresidenta de Espazo Lectura) Inés Fernández Prieto (alumna de 1º de bacharelato no IES Otero Pedrayo de Ourense), Manuel Loureiro Giráldez (alumno de 2º da ESO do IES Auga da Laxe de Gondomar e membro do Comando Le de Espazo Lectura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 35 obras, está formado por: María C. Alonso Seisdedos (licenciada en Filoloxía Hispánica e tradutora), Ana Domínguez Santomé (directora do CEIP Carlos Casares de Nigrán e adestradora de ximnasia rítmica), Mª del Carmen Ferreira Boo (doutora en Filoloxía Galega e profesora de lingua e literatura castelá no ensino secundario), Carlos González Rodríguez (libreiro na libraría Wells de Cangas), Lucía Cobo (ilustradora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os tres xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 26 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 3 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón.”
Henrique Monteagudo: “Casares foi guevarista e defensor de posicións moi próximas á teoloxía da liberación”
Entrevista de R. Castro a Henrique Monteagudo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como biógrafo de Casares, como cres que pasará á historia a súa figura?
– Henrique Monteagudo (HM): Creo que basicamente como escritor. Ten facetas moi importantes como editor, de Galaxia e de Grial, e logo a contribución que fixo en canto a un aspecto máis institucional e público, no Consello da Cultura. Pero eu creo que o seu legado máis recordado vai ser a súa obra literaria. Para min non ten dúbida.
– SG: Como chegou o rapaz Casares a unha conciencia galeguista naquel contexto de ditadura?
– HM: El tiña unha relación cos círculos máis literarios e intelectuais de Ourense, aínda que aquilo non era exactamente un contacto co galeguismo. Foi realmente en Santiago, cando veu a estudar na Universidade, con aquela xente que acababa de fundar O Galo, como Arcadio López Casanova, como Salvador García Bodaño, e logo moi rapidamente a través destes dous chega ao contacto con Piñeiro. Realmente foi a través de Piñeiro, aínda que antes toma contacto co estudantado e coa xente nova máis mobilizada no ámbito cultural.
– SG: Que supuxo Piñeiro na súa vida?
– HM: Piñeiro foi fundamental, dío el mesmo, non só polo que supuxo de transmisión dunha memoria e dun coñecemento da historia cultural e política de Galiza que daquela era imposible obter se non era pola vía de coñecemento directo dalgunha persoa coma el que transmitía o legado do galeguismo republicano e do contacto co exilio. Logo nos primeiros anos de contacto con el, nos 60, Piñeiro axudoulle moito. Hai que recordar que tiña problemas serios de saúde, recaía en depresións constantemente, e iso mesmo lle chegou a impedir seguir os estudos. Houbo tres cursos nos que practicamente non fixo nada. Estivo en Xinzo apartado de todo e sen poder estudar. Aí Piñeiro axudoulle moito a saír desta situación, e orientouno na súa vocación literaria. El tiña unha vocación dirixida á poesía, e Piñeiro fíxolle ver que tiña máis dotes para a narrativa. E logo Piñeiro transmítelle o legado galeguista político e cultural. É como unha especie de ‘brúxula’ para el no ámbito político. El mesmo di que Piñeiro lle transmitiu unha visión do mundo e unha actitude fronte á vida. (…)”
Marín: charla-coloquio sobre Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón
Diálogos Carlos Casares: Bieito Iglesias
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Diálogos Carlos Casares: Bieito Iglesias. Pode accederse á entrevista aquí.”
Lugo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 19
O venres 19 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, con horario de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Presentación de Corredora, de María Reimóndez, publicado por Xerais, con Cristina López Villar e Manuel Bragado.
– 20:00 h. Presentación de Once portas, de Héctor Cajaraville, publicado por Xerais, con Manuel Bragado.