A colección de retratos de Rosalía de Castro da RAG, agora na Rede

Desde a Real Academia Galega (foto do Arquivo da RAG):
“O número de documentos conservados na Real Academia Galega dispoñibles en versión dixital a través de Galiciana segue a medrar. Desde agora, a institución ofrece no Arquivo Dixital de Galicia os retratos que conserva de Rosalía de Castro (1837-1885), escritora fundacional das nosas letras contemporáneas da que se celebrará o vindeiro 24 de febreiro o 180 aniversario do seu nacemento.
A maioría dos documentos incorporados son fotografías da autora en distintos momentos da súa vida, entre elas a realizada polo estudio coruñés de Sellier convertida nunha das imaxes máis coñecidas de Rosalía de Castro, na que aparece cun chapeu de plumas. O mesmo retrato, feito nos primeiros anos de década de 1880, pode verse nunha copia en forma de óvalo e noutra reprodución sobre o debuxo dunha tea.
Rosalía sendo aínda unha moza, no ano 1855, fotografada por Mr. Encausse et Cie -con estudio na rúa do Vilar de Santiago de Compostela-, un retrato realizado entre 1865 e 1875 ou a fotografía na que a escritora posa coa familia no exterior Casa da Matanza en xullo de 1884 son tamén parte das imaxes que incrementan desde hoxe os documentos da RAG dixitalizados dispoñibles a través de Galiciana.
A fotografía do retrato pintado por Ricardo Camino e unha tarxeta publicitaria de Ceregumil con debuxo e biografía de Rosalía datada entre 1910 e 1920 completan a relación de documentos.

Fallo do II premio Antón Risco de Literatura Fantástica

“Reunido en Allariz o 11 de febreiro de 2017, o xuri do II Premio Antón Risco de Literatura Fantástica composto por:
Antonio Manuel Fraga, gañador da anterior edición.
César Lorenzo Gil, crítico literario.
Elisa Torres, da UTAD.
Isabel Cristina Mateus, da Universidade do Minho.
Montse Pena Presas, crítica literaria.
e actuando como secretario sen voto Tomás González Ahola, de Urco Editora.

RESOLVE

Conceder o II Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, convocado pola Fundación Vicente Risco, Urco Editora, Auga Editora, Sacauntos Cooperativa Grática, Libraría Aira das Letras, Livraria Traga-Mundos, Pastelaría Fina Rey e Restaurante A Fábrica de Vilanova.
Á obra co título
Dormir com Lisboa
que, aberta a plica, resultou ser da autoría de
Fausta Cardoso Pereira,
que recibirá como premio 3000€ menos os impostos correspondentes e a publicación da obra.
Asemade, o xuri tamén destacou como finalistas a igualdade de puntos as obras presentadas baixo os títulos
O neno que soñaba coa lúa
e
Penumbra
as cales, logo de ser valoradas pola editora, poderán optar a seren publicadas, sempre que as súas autoras ou autores estean de acordo e contacten coa editora.

En Allariz, a 11 de febreiro de 2017

Pontevedra: relatorio arredor de Crónicas da represión en Bueu, de Xosé Novas e Manuel Antón Mosteiro

O martes 14 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11), en Pontevedra, terá lugar un relatorio arredor do traballo de investigación Crónicas da represión en Bueu, de Xosé Novas e Manuel Antón Mosteiro. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra e a Asociación Amigos de Johán Carballeira, participan, xunto aos autores, Montse Fajardo e Xosé Leal.

Pontevedra: Escola de Escritoræs. Obradoiro de escrita infanto-xuvenil, con Eli Ríos e María Reimóndez: Imaxinar mundos, sementar palabras

O Obradoiro de escrita infanto-xuvenil, con Eli Ríos e María Reimóndez: Imaxinar mundos, sementar palabras, é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

– Duración: 12 sesións de 2 horas cada unha (todos os sábados excepto os festivos). A data de comezo é o 11 de febreiro de 2017.
– Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n)
– 25 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos
– Inscricións en inscricions@pontevedra.eu. As prazas asignaranse por orde de solicitude.

Dirixido a persoas con interese en explorar a escrita de literatura infantil e xuvenil nos seus diferentes xéneros.

Obxectivos:
– Explorar as concepcións existentes sobre a literatura infantoxuvenil e afondar en debates relevantes deixando atrás visións estereotipadas desta forma de escrita.
– Utilizar as ferramentas participativas para estimular a creación literaria propia entre as persoas participantes.
– Afondar no entendemento da escrita dende unha óptica crítica que poña en tea de xuízo os relatos e lecturas adquiridas e institucionalizadas dende os discursos hexemónicos para o público infantoxuvenil.

Desenvolvemento:
As dúas primeiras sesións serán de achegamento ás persoas asistentes recuperando as lecturas que lles impactasen ou quedasen na súa memoria. Con elas abriremos o debate sobre o que é a literatura infantil e xuvenil e reflexionaremos sobre o propio xénero partindo sempre desde o texto.
A terceira, cuarta e quinta sesión estarán dedicadas á poesía infantil e xuvenil centrándonos na forma, linguaxe, recursos, etc, e co foco posto na recepción dos textos. Traballaremos poemas da nosa literatura e os que compoñan as persoas asistentes ao longo destas sesións.
A sexta, sétima e oitava sesión dedicaranse á narrativa, centrándonos na súa técnica así como noutros aspectos como o desenvolvemento das personaxes, sentimentos, emocións, descricións, etc
As sesión novena e décima estarán centradas no teatro e nas súas dificultades para enfrontarse ao texto. Non só se recorrerá aos textos senón ás propias dramatizacións do grupo.
As dúas últimas sesións centraranse na posta en común dos elementos traballados, así como na presentación de xéneros escasamente desenvolvidos dentro da literatura infantil e xuvenil galega como pode ser o ensaio.
Cinco sesións serán impartidas por María Reimóndez e cinco por Eli Ríos, mentres que a primeira e a última contarán coa presenza das dúas.

Compostela: Peche do obradoiro de dramaturxia a cargo de Roi Vidal. Disme o corpo. Douche a voz

Este sábado 11 de febreiro, ás 12:30 horas, no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo (Santiago de Compostela) vai haber un acto de lecturas dramatizadas de textos teatrais feitos no obradoiro de dramaturxia impartido polo dramaturgo Roi Vidal neste Centro Sociocultural durante o último trimestre do ano 2016.
Con este acto que se achega ao teatro lido, novas autoras e autores ofreceran unha lectura dramatizada dalgún dos seus textos, que foron elaborados a partir da formación do obradoiro de dramaturxia organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago.
Unha ocasión para achegarse ao teatro da man das súas autoras e autores. A partir de aquí ábrense novos camiños para que as obras sexan levadas a escena, modificadas e realizadas a través da súa representación no teatro.

Cuestionario Proust: Carlos Labraña

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carlos Labraña:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son moi, moi indeciso.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Unha cousa ben difícil de atopar hoxe en día, a coherencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada, así todo o que me dan agradézollo moito.
4.– A súa principal eiva?
– Son unha persoa un chisco obsesiva, gústame abondo a orde na miña vida.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, cando atopo un libro que tira de min.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Un día sen problemas.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A dor dun ser querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha nube, para aboiar no ceo e deixarme levar polo vento.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun país no que non houbese dor e sufrimento. Pero como ese lugar non existe, quedo co noso.
10.– A súa cor favorita?
– A cor azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As margaridas silvestres.
12.– O paxaro que prefire?
– A aguia.
13.– A súa devoción na prosa?
– Albert Camus.
14.– E na poesía?
– Fernando Pessoa.
15.– E no teatro?
– Shakespeare, Chéjov…
15.– Un libro?
O principiño.
16.– Un heroe de ficción?
– Atreiu, da Historia Infinda.
17.– Unha heroína?
– Pippi Långstrump.
18.– A súa música favorita?
– Guadi Galego, que ademais é da miña terra, Cedeira.
19.– Na pintura?
– Por exemplo, as prazas baleiras de xente de De Chirico.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai, que nos deixou este Nadal, despois de traballar toda a vida para a súa familia.
21.– O seu nome favorito?
– Ximaraos, un lugar dunha parroquia de Cedeira.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade. Aínda que agora xa o vou levando cun pouco máis de paciencia.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Francisco Franco, non podo esquecer que eu nacín nunha ditadura.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. Eu nin sequera fixen o servizo militar, daquela obrigatorio.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber bailar ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo, sen molestar a ninguén.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Cando era máis novo eu sempre estaba ledo e ría moito, pero cada vez preocúpome máis por todo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que proveñen da debilidade de carácter.
30.– Un lema na súa vida?
– Na procura dos soños atoparás a liberdade.”