Desde Todogrove:
“Nado en Ribeira, Manuel Antonio Piñeiro Fernández, é profesor, editor e escritor. A súa obra O Noiro foi a gañadora do XXII Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, organizado polo Concello do Grove.
O xurado, reunido na tarde do sábado 24 de outubro no Concello, formado por Manuel Quintás, Francisco Martínez Bouzas, Armando Requeixo e Ánxela Gracián, todos eles especialistas en literatura que estiveron acompañados polo gañador do pasado ano, Antonio Pichel Beleiro, encargouse de valorar os quince traballos presentados e escoller o gañador do ano 2015.
O premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é convocado polo Concello do Grove dende o ano 1992. A súa finalidade última e promover e recoñecer a vida e a obra do escritor e xornalista Manuel Lueiro Rey e permite “manter ao Grove na vangarda literaria galega”. O galardón está dotado con 3.000 euros e a obra gañadora é publicada por Sotelo Blanco Edicións.”
Entrevistas sobre Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijóo
Desde o Galicia por Diante, da Radio Galega:
“O escritor vigués preséntanos o seu novo libro, Morena, perigosa e románica. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
E entrevista en Tempo de Lecer.
Vigo: presentación de Por que as sombras non teñen ollos, de Luís Manuel García Mañá
A Coruña: Roteiro literario pola cidade con Xurxo Souto: “Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes”
Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse á coruñesa igrexa de Santo Andrés o sábado 24 de outubro ás 11:00 horas e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira. Dende alí principiarase un percorrido pola Pescadería e a Cidade Vella na procura dos elementos -de tan cotiáns invisibles- que seguen a significar a importancia na Coruña do antigo gremio. Terá unha duración aproximada de dúas horas.
Este percorrrido fai parte das actividades do obradoiro de creación literaria Historias da cidade-Barco. A Coruña e o mar, que está a impartir o escritor Xurxo Souto no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, e que se inscribe dentro do programa Escola de Escritoras e Escritores da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), financiado pola Deputación Provincial da Coruña e a Consellaría de Cultura, iniciativa coa que se pretende animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, particularmente a relacionada co mar, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade. Outro dos obxectivos é o de dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.
DO ANTIGO GREMIO DE MAREANTES
Durante toda a Idade Media a agrupación gremial máis poderosa da Coruña foi a dos mariñeiros: o Antigo Gremio de Mareantes. A comezos do século XVI participaban nel máis de 600 confrades coas súas respectivas familias. A súa igrexa deu nome á rúa máis importante da Pescadería: Santo Andrés. E o día do patrón –conforme recollían as ordenanzas- corenta mariñeiros novos alí bailaban unha danza gremial na súa honra.
No ano 1589 o corsario Drake queimou o hospital e a igrexa dos mareantes. No incendio perdéronse arquivos, ordenanzas e privilexios, e con eles a propia memoria da importancia deste gremio. No século XIX un home de negocios comprometeuse a restaurar a igrexa para os mariñeiros, mais ao final quedou coa propiedade do templo. Chamábase Eusebio da Guarda.
Afortunadamente nos últimos anos do pasado século o historiador Santiago Daviña, tras múltiples pescudas polos arquivos, foi quen de recuperar documentos e ordenanzas. Claves preciosas para poder interpretar as pegadas que os mariñeiros deixaron polas rúas da Coruña. A cidade, ese libro que, como di Agustín Fernández Paz, se le camiñando.
Lugo: VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral, mañá, sábado 24
A VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral terá lugar o sábado 24 de outubro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo (Rúa Ramón Ferreiro, s/n). A actividade conta co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.
Aberto o prazo de matrícula, gratuíta e preferente para socios/as da AS-PG e da AELG. Desde o 29/09/2015 até o 22/10/2015.
O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que queiran o certificado homologado pola Consellaría de Educación, terán que facer a matrícula a través da web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, aquí. E aquí máis información sobre a Xornada.
As persoas que non estean nesas circunstancias ou que non lles interese o certificado homologado, deberán incribirse dirixíndose á secretaría técnica da AELG a través do correo oficina@aelg.org ou o teléfono 981 133 233 (horario de 09:00 a 14:30). Sigue lendo
Paseos polo Vigo Literario. Outono de 2015, con Fran Alonso e Fran P. Lorenzo
Os Paseos polo Vigo Literario. Outono de 2015, que terán lugar do 17 de outubro de 2015 ao 7 de novembro de 2015, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben indicar a cal/es paseo/s irán), a partir do día 10 de outubro (inclusive) dende ás 10:00 e até se esgotaren as prazas (50 por paseo). Inscrición por orde de chegada do correo.
Todos os paseos con saída ás 11:30 h. Sigue lendo
Compostela: Begoñísima, homenaxe a Begoña Caamaño
A Coruña: recital de Vicente Araguas e Sholeh Wolpé no Ciclo Poetas Di(n)versos, o luns 26 de outubro
O luns
26 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Vicente Araguas e a poeta iraniana Sholeh Wolpé. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos outubro 2015.